O Sergas mente aos superheroes preguiceiros

Mensaxe do Sergas tras unha doazón de sangue CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Sanidade comunícame que a miña primeira doazón de sangue valeu para atender tres pacientes, pero sospeito que é falso e só o di para engancharme a doar, compensando a preguiza (inxustificada) que me levou a non facelo ata os 46 anos

"Hoxe a túa doazón de sangue fixo posible tratar a tres pacientes". Esa foi a mensaxe que recibín no móbil cinco días despois de doar sangue. Era a primeira vez que o facía, con 46 anos, así que en lugar de sentirme un superheroe o primeiro que pensei foi que o Sergas estaba a mentirme. Que estaban a esaxerar o que fixera para que me enganche, como os bos narcotraficantes, e que siga doando sangue. 

Facelo por primeira vez con 46 anos non é para sentirte orgulloso, máis ben ao contrario. Preguiza, desidia e un aquel de inseguridade creo que foran os motivos de ilo adiando. E se me desmaio? Non o fixen en situacións ben máis sanguentas, pero e se me pasa cunha simple agulla?

Non foi así e agradezo que unha intervención cirúrxica pola que pasei e que non requiriu nin moito menos dunha transfusión me fixese pensar no que pasaría se eu precisase unha doazón. Así que en canto pasaron os catro meses preceptivos despois daquela operación decidín doar sangue por primeira vez. 

Doa sangue CC-BY-SA Xunta

Pódese facer nos locais de doazón que hai nos hospitais das sete grandes cidades, ademais de nos autobuses que recorren de xeito periódico todas as vilas galegas. E cuns horarios, flexibilidades e facilidades que non permiten escusas. 

Eu fíxeno no Clínico de Santiago, onde o local, no vestíbulo principal, á esquerda, está aberto de 8 a 22 horas de luns a venres e de 8 a 15 horas os sábados. Se vas en coche, páganche o aparcamento. E se tes medo dun desmaio, tes uns cantos buses. Pero non houbo desmaio, o que houbo foi un trato exquisito da médica e as enfermeiras que alí había. 

O pinchazo é exactamente igual que o do centro de saúde cando fas unha análise de sangue, só que en lugar de un ou dous minutos dura 10, tempo no que podes ir bebendo auga ou un refresco e mirar o móbil ou a tele

Fun ás catro da tarde dun día de vacacións, polo que puidese pasar e para que houbese pouca xente. Ao ser a primeira vez sometéronme a un interrogatorio sobre as miñas doenzas pasadas, viaxes e vida sexual. Despois, sentáronme nunha cómoda cadeira con brazos fronte a unha televisión e pincháronme o brazo exactamente igual que fan no centro de saúde cunha análise de sangue. A única diferenza foi que en lugar de un ou dous minutos a extracción durou uns 10 minutos, con ofrecemento de auga ou refresco para ir tomando mentres ves o móbil.

Non mirei para a agulla, por suposto e por se acaso. E notábase que a médica e a enfermeira estaban a darme conversa tanto para distraerme como para ver se me desmaiaba. Foi o primeiro, porque o tempo pasou voando, sen desmaio ningún. 

Non notei nada. Ao rematar sentei pouco a pouco e levantei pouco a pouco, pero nada. Ningunha sensación distinta. Pasáronme a unha sala de espera e ofrecéronme un bocadillo de queixo ou de xamón e outra auga ou refresco.

En total, por ser a primeira vez e ter que someterme ao interrogatorio de antecedentes sanitarios, xunto co menos de medio litro de sangue debín perder uns 30 minutos de tempo. Vale, 50 incluíndo os desprazamentos desde a casa.

A enfermeira creume cando lle dixen que estaba perfectamente, que non notara nada, e deixoume marchar, con esa cara que deben poñer os narcos cando ven que un cliente vai quedar enganchado

Ao rematar o bocadillo, a enfermeira creume cando lle dixen que estaba perfectamente, que non notara nada, e deixoume marchar, con esa cara que deben poñer os narcos cando ven que un cliente vai quedar enganchado. 

Despois, durante a tarde, pero supoño que porque era verán e facía calor, bebín máis auga do habitual. E xa, porque nin estiven máis canso nin notei ningún outro efecto. Pasado o día, pasada a romaría. 

Pero non. Cinco días despois chegoume a mensaxe do Sergas ao móbil. Viña dicir que eu fora un superheroe e que salvara a tres persoas. Mentíanme para engancharme. Aos meus preguiceiros 46 anos. Ti non esperes máis, deixa que o Sergas che minta canto antes.

(Por certo, escollín o bocadillo de queixo. Non estaba malo.)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.