Eu síntome responsable do accidente de Angrois. E vostede?

Vítimas de Angrois ante o Parlamento de Galicia no sexto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Durante máis dunha década eu fun desas persoas que puña o foco nos prazos de finalización do AVE. Ata que pasou o que pasou.

Durante máis dunha década eu fun desas persoas que metía présa pola finalización do AVE. Máis alá da miña opinión persoal sobre as características concretas -e o custe asociado- da necesaria mellora das liñas ferroviarias galegas, como xornalista levo fiscalizando infraestruturas e promesas políticas sobre elas desde comezos de século. Todo mudou cando ocorreu o accidente de Angrois en xullo de 2013 e, xunto con compañeiros e compañeiras doutros medios de comunicación, moi poucos, fomos desvelando como se xestionara a seguridade e a posta en servizo da liña de AVE Ourense-Santiago. Aí deixei de poñer o foco nos prazos.

Non quero dicir que as présas políticas fosen a causa do accidente de Angrois. De feito, os técnicos implicados na seguridade da liña sempre negaron que se sometesen a presións políticas. E será cousa deses técnicos, funcionarios que non poden ser despedidos, saber dicirlles que non aos políticos. 

En todo caso, resultaría imposible concentrar neste artigo de opinión, que só pretende ser provocador, a cantidade de irregularidades detectadas no xeito en que se puxo en servizo o AVE Ourense-Santiago. Aos interesados remítoos a máis de seis anos de publicacións ao respecto tanto en El País como en Praza.gal. Pero a sensación de que as cousas se fixeran demasiado rápido parece quedar confirmada coa maior demora que agora se toma a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria antes de autorizar a apertura dunha liña.

Desde que aquí pasou o que pasou, no debate sobre os prazos do AVE galego hai un elefante no cuarto do que ninguén quere falar

Esa preocupación polo meu propio papel como xornalista á hora de fiscalizar os prazos do AVE antes de que pasase o que pasou non é nova, transmitinlla persoalmente a varias vítimas de Angrois en diversas ocasións tras o accidente. Tamén é verdade que cando máis importante semellaba a cuestión dos prazos era cando os sucesivos gobernos centrais dunha e outra cor non acababan de dar as ordes necesarias para que as obras se puxesen en marcha. Agora os traballos previos ás imprevisibles probas de seguridade están practicamente rematados, grazas a gobernos centrais dunha e outra cor. Xa non dependen de decisións políticas que dubiden sobre a necesidade ou non de realizar as obras. É máis, mesmo os contrarios a gastar cartos públicos en construír ese tipo de infraestruturas coinciden en que, chegados a este punto, o máis útil é poñelas en servizo para facelas rendibles.

Desde que aquí pasou o que pasou, no debate sobre os prazos do AVE galego hai un elefante no cuarto do que ninguén quere falar. Pero na situación actual eu teño claro que non quero volver sentir nun futuro indeterminado a sensación que tiven tras o accidente de Angrois. E vostede?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.