Os cambios que o Ministerio de Sanidade quere realizar no sistema de elección da formación sanitaria especializada afectan a un mínimo de 10249 profesionais. As modificacións previstas son rexeitadas tanto polos profesionais afectados como por todo o sector sanitario asistencial e docente. Parece que o único que está satisfeito é o propio Ministerio e a súa cabeza, a Sra Darias. Non se deu ningunha xustificación para este cambio salvo alusións xenéricas á eficiencia ou modernidade.
Algúns datos para situar o conflito:
- A formación sanitaria especializada española é máis coñecida como sistema MIR (de Médico Interno Residente), pero implica tamén a outros profesionais (farmacia -FIR-, enfermaría -EIR-, psicoloxía clínica -PIR-, bioloxía -BIR-, química -QIR- e física -RFIR-). Na convocatoria do exame de 20211 ofertáronse 7989 prazas de medicina, 267 de farmacia, 1683 de enfermaría, 22 de química, 50 de bioloxía, 198 de psicoloxía e 40 de física, que fan un total de 10249 prazas. A duración da formación especializada é de 2 anos en enfermaría, 3 en radiofísica hospitalaria, 4 para PIR, QIR, BIR e FIR e 4 ou 5 anos para MIR. O tempo de formación en medicina son 6 anos de carreira, 1 de preparación do exame MIR e os 4 ou 5 da especialización (medicina de familia, cirurxía plástica, neurocirurxía, patoloxía, medicina interna, cardioloxía...), facendo un mínimo total de 11-12 anos de estudo antes de incorporarse ao mercado de traballo.
- Ata este ano a elección de prazas facíase de modo presencial no Ministerio de Sanidade, de un en un, segundo a prelación resultado da suma do exame MIR e as notas da carreira, de modo que cada persoa candidata coñecía previamente a elección de todas as persoas con número de orde anterior. Un sistema totalmente transparente e garantista, á vista de todos, no que cada aspirante escolle no turno que lle toca entre as prazas que quedan dispoñibles, e que lle permitía incluso modificar as preferencias ata o último momento en función do que seleccionasen os anteriores. Sen dúbida o sistema pode mellorar no aspecto docente e de avaliación pero dificilmente no método de elección.
- Este ano o Ministerio decidiu que todos os aspirantes fixesen unha lista ordenada de todas as súas preferencias nunha aplicación informática. Posteriormente o Ministerio, nun acto único, faría a asignación de prazas mediante un algoritmo informático. Despois de mobilizacións dos afectados o Ministerio acabou ofertando, sen pacto nin aceptación, unha selección en quendas de 400 (oferta que na realidade só se aplica a medicina e enfermaría, as únicas con suficientes prazas para facer varias quendas), mantendo unha modalidade telemática.
O modo de selección de especialidade médica anterior ao sistema MIR consistía en ter un amigo especialista que certificase a aptitude e ir buscar o título ao colexio médico
- No caso dos médicos hai persoas que dubidan entre varias opcións de especialización e o sistema anterior permitíalles variar a súas preferencias en función do que fose quedando tanto de especialidades como de lugar de formación, xa que non todos os hospitais e centros de saúde son iguais nin teñen o mesmo prestixio. En medicina de familia escóllese en dúas fases: primeiro, unidade docente, área sanitaria ou hospital e segundo, figura titora e centro de saúde.
Aquelas candidatas que teñen clara a especialidade desexada, que só queren unha opción e ademais contan cun número no que esperan satisfacer a súa demanda están menos preocupadas, aínda que é importante e resta ansiedade saber o que escolleron os anteriores a ti, pero aquelas que están nun número de orde que non lles garante a súa preferencia e poderían elixir entre varias opcións están inquietas e maldicindo ao Ministerio acotío. Non só é importante a especialidade, senón tamén o lugar de formación; quizais unha persoa prefira medicina interna ou oncoloxía en Barcelona ou Madrid, pero se están esgotadas en certos hospitais destas cidades quizais opte por cardioloxía na Coruña, por exemplo, se queda libre. Ao ter que decidir as súas preferencias nun único momento e sen información sobre as prazas que quedan libres, a elección resulta moito máis complexa.
O modo de selección de especialidade médica anterior ao sistema MIR (iníciase este nos anos setenta) consistía en ter un amigo especialista que certificase a aptitude e ir buscar o título ao colexio médico; chegou a haber médicos con 5 ou máis especialidades. O sistema MIR democratizou por completo a elección: fas un exame e, en función do resultado, escolles á vista de todos. Actualmente temos no sistema sanitario estudantes que contan cos mellores números no bacharelato e selectividade, e posteriormente as mellores puntuacións no exame MIR. Ningún médico nin xefe de servizo pode colocar a un familiar, todos teñen que gañalo. Pero todo isto está ameazado porque unha ministra do PSOE decide liquidala aludindo a unha suposta necesidade de modernización. Xa circulan rumores de que esta modificación faise para ‘colocar’ a certas persoas.
Cando non só os afectados senón todo o sector sanitario e docente está en contra dunha decisión hai que ser moi arrogante e politicamente incompetente para non parar, sentar, falar e, se é necesario, deixar os cambios para outro momento e avalialos de novo antes dun novo intento
Na política son importantes as liñas e orientacións globais de goberno, aínda que ás veces sexan difíciles de avaliar pola cidadanía, pero na microxestión a repercusión é directa nunha serie de persoas e calquera cambio debe ser xustificado e comunicado de modo comprensible se se quere que sexa asumido. Cando non só os afectados senón todo o sector sanitario e docente está en contra dunha decisión hai que ser moi arrogante e politicamente incompetente para non parar, sentarse, falar e, se é necesario, deixar os cambios para outro momento e avalialos de novo antes dun novo intento.
Non hai ninguén no PSOE que sexa capaz de trasladarlle as queixas do sector á Ministra? Parece que non. O partido líder da oposición, o PP, ten un comportamento falaz coa pandemia, un comportamento irresponsable e inxusto con Cataluña e acosa e intenta restarlle apoio social ao goberno por calquera medio. Son métodos impropios dun partido que aspira a gobernar, aínda que poden ser eficaces; o PSOE pode perder apoios por este motivo, pero non é comprensible que se meta el só en augas nas que pode afogar. Os cambios decididos, e non explicados, do sistema de elección de formación sanitaria especializada deixarán a pegada, o recordo, nos afectados e no sector dunha xestión nefasta. Para moitas das persoas que elixirán praza este xuño, esta etapa está resultando case tan dura e estresante como a preparación do exame. Non se sabe o que o Ministerio pode gañar, pero vese o que o PSOE probablemente perderá.