Valorando a fidelidade conseguida ao longo destes últimos meses, hoxe sacamos o posto á praza pública para ofrecerlles de balde a posibilidade de elixir como destruír a súa propia historia. Esgotado o tempo da imposición, a oferta é tan múltiple como variada. Bufete libre e se preguntasen, abonda con dicir que este falar xa non ten cancelas. Só será un anaco.
Que en que se nota a igualdade? Por favor, que preguntas facedes… Somos os que máis e mellor conseguimos citar a Virginia Woolf
Destrución unha. Ela quería escribir e publicar. Dixeron que si, claro, por suposto, podería ser. Como non, paciencia. FIN.
Destrución dúas. Neniña, que son esas lerias? A igualdade hai tempo que se conseguiu; auga da traída que chegou co tempo da transición, aquel cambio de modernidade civilizada tan tranquilo como intenso que fixemos para que todos vós, queridos fillos, vivísedes nestes tempos de prosperidade democrática. Téndelo todo. Non, non tendes que nos agradecer nada. Xa está, veña, cortesía da casa. Que en que se nota a igualdade? Por favor, que preguntas facedes… Somos os que máis e mellor conseguimos citar a Virginia Woolf. Que grande era aquela muller. Enorme. Vivir o seu discurso unha chisca xa é cousa que deixamos a xeracións vindeiras porque non pretenderedes que fagamos todo nós, non? e iso que a tipa era produto (e vítima) da época vitoriana. Ao cabo vai ser iso.
Terceira destrución. Novela novelón de erupción volcánica consegue estourar as marxes e os límites lingüísticos até o daquela coñecidos. BOOOOOM! Noutros tempos e noutros lugares a crítica –en serio conseguimos potenciar e crear unha crítica solvente máis alá do minifundio consusbtancial ás afinidades persoais? – teríaa postulado como unha das grandes novelas dos últimos tempos. A temática, tan brutal como as preguntas implícitas que insinúa, insoportábeis por momentos, resulta demasiado necesaria como para que a concepción premeditada do que se supón é o lector medio se atreva a achegarse a ela. Gaña premio, abofé. Xinzo Fisterra Cuspedriños Viveiro Houston, temos un pequeno problema: non nos acaba de encaixar de todo.
Resumíndoo todo moito, querida amiguiña, nin lapela nin cartaz nin presentación. Desánimo. Cando debería ser un “Sempre máis” acaba nun “Nunca máis e xa veremos”
Nin a autoría nin a imposibilidade de titulares que seica dean xogo (?!?). Rasca por demais e aquí só nos permitimos o bálsamo con certos matices controladamente doridos, unha dor razoábel e que debe dar resposta a un imaxinario tradicionalista, por así dicilo. Recreámonos sempre tanto na morte... O espectro e percorrido do sufrimento é moito máis limitado que o do pracer cando ambos son doados (e ningún dos dous nada do outro mundo, por certo). Todo o demais pertence á marxe da marxe, esa sombra sombriza de escorreguizo rigor mortis. Resumíndoo todo moito, querida amiguiña, nin lapela nin cartaz nin presentación. Desánimo. Cando debería ser un “Sempre máis” acaba nun “Nunca máis e xa veremos”.
Destrución nº4. Na literatura para adultos (o do IBBY segue medio estigmatizado na terceira rexional, toma castaña, pero xa dixemos que onde estea unha boa morte, que se quiten cen mil meniños que sempre foron de falar) as mulleres tenden a presentar coas mulleres e os homes cos homes, que para algo existe a organización de tiraliñas acomodaticia. Os que segregan son os outros. Se se rompe esta tendencia á norma tácita, pode haber sospeita de relación subterránea ou padrinaxe/madrinaxe espúreo. O estraño pode resultar sospeitoso e por aí non arriscamos nin miga nin migallo.
Algúns homes novos modernos somos tan progresistas que ás veces nos recoñecemos no uso feminino da lingua potenciando o uso espóradico do “todas nós”. Somos nós tamén os que amosamos un dominio moi refinado dos mecanismos da invisibilización de contidos noutros aspectos tanto ou máis urxente
Destrución número cinco. Algúns homes novos modernos somos tan progresistas que ás veces nos recoñecemos no uso feminino da lingua potenciando o uso espóradico do “todas nós” e similares para englobar tamén a homes nun afán de normalización, por veces cun certo aquel de prosodia retranqueira engadida. Parabéns. Grazas mil. Somos nós tamén os que amosamos un dominio moi refinado dos mecanismos da invisibilización de contidos noutros aspectos tanto ou máis urxentes. Mellor non preguntar para que porque é o mesmo de sempre.
Destrución seis. Alta voltaxe erótica e sexual asociada ao fenómeno literario, por que deslindarnos do que somos? en contraposición a: Ausencia absoluta de libido porque somos seres racionais a seren respectadas. É difícil atopar a consistencia na constancia nun término medio. Permitiriámonolo? Permitiríasenos?
Cantos libros, xa que logo, non entran na categoría centro-escritor e nin pasan o filtro inicial pola tolemia das présas e dos compromisos coas lealdades de anos, coas amizades?
A destrución sétima marabilla coa que se tenta superar o enigma das pirámides. Reducimos o libro a un obxecto de consumo rápido –que fixemos tan mal a nivel global para que a vida útil do libro sexa tan extraordinariamente reducida? Que mecanismo electrónico é o que vén fallando tanto para que tamén lle trasladásemos a obsolescencia programada cando en realidade non somos de programar nada, nin tan sequera a destrución? Cantos libros, xa que logo, non entran na categoría centro-escritor e nin pasan o filtro inicial pola tolemia das présas e dos compromisos coas lealdades de anos, coas amizades?
Oito ou proxección externa da destrución. As vías de tradución andan medio esgotadas cando mal se puideran comezar a abrir. Apenas hai escritoras vivas que se consideren interesantes para seren trasladadas dun xeito regularizado a outras linguas. Con esforzo titánico imos conseguindo verter obras de fóra. Ás veces semella que xa bivimos épocas mellores, agardemos que esteamos tan só no tempo de coller folgos para seguir avanzando con paso decidido. Que difícil.
A maioría do público lector é feminino
Dogma de fe ou destrución nona. A maioría do público lector é feminino. Afecta o factor sex appeal ou iso se cre, ergo favorecemos a aparición e mantemento do escritor home. No caso do lector home, especie a protexer por poder atoparse en risco de extinción, máis aínda. Presuponse público selecto que valora e aprecia a seriedade, a obxectividade e un humor sinxelo; a vida xa é suficientemente complicada e que mal están os tempos e tacón punta tacón. Quen mellor reúne estas características terá que ser, á forza, un home. Homes escriben para homes e mulleres. Á inversa non é tan factible. Voilà.
Afán de decálogo e tocamos institución que correría risco de esnaquizar a Rosalía se a tivese diante. A realeza das academias tan só permite a incorporación moi nesgada da muller. Non vos poñades farrucas nin con cadeiras nin farrapos de gaita: noutros lugares ademais de deber facer constar unha suficiencia máis que sobresaliente a nivel lingüístico e filolóxico, a muller debe indirectamente ofrecer conexións familiares e/ou profesionais minimamente interesantes. E cando dicimos interesantes queremos dicir Interesantes. Haberá que asegurar a existencia por terra mar e aire por se os tempos viñesen mal dados e tal que sei eu. Que medre o mar coa fenda da palabra silenciada que aquí non vemos muller ningunha.
Non vos poñades farrucas nin con cadeiras nin farrapos de gaita: noutros lugares ademais de deber facer constar unha suficiencia máis que sobresaliente a nivel lingüístico e filolóxico, a muller debe indirectamente ofrecer conexións familiares e/ou profesionais minimamente interesantes
En fin, hai que contaxiarse da grande esteira de tradición e non conseguir ver nin a María Moliner, porque, se os tempos non son chegados así en xeral, a que máis poderiades aspirar vós que non fose a ser puro acompañamento con algunha que outra publicanciociña dispersa por se vos puxésedes teimudas? O caso é mantervos entre desgraciadas e entretidas para que sigades producindo e producindo sen acougo, ou, moito mellor, que axudedes os grandes a producir por vía indirecta e de cando en vez botarvos algún maní como premio de recoñecemento. Pavlov foi sempre tan recorrente e estimulante...
Faltará moito para que nos apeteza tocar fondo e poder así desexar o inicio da búsqueda doutros parámetros creativos que nos fagan maior xustiza?
Talvez esteamos agardando e sexamos máis das e dos que parece.
...
INSTRUCIÓNS DE DESUSO: Malia as aparencias este artigo leva escrito hai bastante tempo. Aínda estando esaxerado nalgúns puntos segue reflectindo prácticas e situación latentes; se ben non pretende molestar a ninguén si aspira a xerar unha pequena, pequenísima reflexión.
Amamos e precisamos tanto a literatura e a cultura que non cremos que sexan bos tempos para simulacros.
En calquera caso, seguro que esta mensaxe se autodestruirá en cinco segundos a partir deste punto e final.