O tamaño das cousas

O tamaño ideal das cousas sempre foi -e segue a ser- un asunto controvertido e de moi difícil consenso. A ciencia oficial dinos que o burro mellor grande, ande ou non ande; pero hai heterodoxos que o cuestionan, afirmando que o importante é que o burro ande, e que o de menos é a súa grandura; porque, pregúntanse, para que raios queremos un burro que non anda? Aínda que idolatramos o xigantismo, hai algúns casos nos que preferimos o contrario: Velaí se non o axioma que afirma que a muller e maila sardiña, canto mas pequena mais feitiña. Pero tamén aquí hai disidentes que prefiren a sardiña de media libra e devecen por unhas pernas longas de infarto. E non quixera pechar este relatorio da casuística do tamaño sen mencionar unha cousa sobre a que se ten discutido ata caer de cu e sen éxito ningún: a terceira pata do home. Que canto mais grande mellor, que moito mellor pequena e rebuldeira, que se entre doce e dezaseis, que se isto, que se aquilo ...

A ciencia oficial dinos que o burro mellor grande, ande ou non ande; pero hai heterodoxos que o cuestionan, afirmando que o importante é que o burro ande, e que o de menos é a súa grandura

Tamén fomos educados na teoría de que o tamaño dun país condicionaba a súa prosperidade, que canto mais grande mellor. Porén, a realidade amosa que a relación causal non é tan evidente, e que canda países que si certifican a teoría, hai moitos outros que lle levan a contraria; é dicir, que se facemos unha listaxe dos países mais prósperos do mundo atoparemos que a meirande parte deles son moi pequenos, namentres que unha listaxe dos países mais grandes amosaría que a maioría deles son realmente moi pobres. Andamos nestes tempos a voltas coa consulta soberana de Cataluña. Un dos argumentos que esgrimen os contrarios a permitila é que, se Cataluña se separa de España, as dúas partes sairían perdendo: España sería mais pequena e Cataluña sería un país demasiado pequeno para ser próspero. Ou sexa, están a dicir que o tamaño condiciona a viabilidade e prosperidade dun país.

Tamén fomos educados na teoría de que o tamaño dun país condicionaba a súa prosperidade, que canto mais grande mellor. Porén, a realidade amosa que a relación causal non é tan evidente

Pero xa dixemos mais arriba que a realidade histórica non establece ningunha causalidade universal entre tamaño e prosperidade. Tendo en conta que Cataluña é unha das comunidades ricas de España (achega fondos ao FCI), que acontecería se finalmente se separa de España? Economicamente non tiña por que suceder nada importante: Cataluña seguiría a ser rica (en relación ao resto da media española) e as comunidades pobres de España continuarían sumidas na pobreza. Metéronnos polos ollos as bondades da globalización económica e a conseguinte desaparición das fronteiras para bens, capitais e persoas. De onde sae logo a idea de que unha Cataluña independente vai ver reducida a súa actividade económica? Váiselles logo esquecer como se fai un bo cava? E logo vai o resto dos españois trocar de golpe o cava polo champagne francés? E se así fora, non hai mais xente no mundo a quen venderllo?

Non hai, pois, tal inviabilidade económica na separación de Cataluña. O problema é ben outro. É mais unha cuestión de fe; e xa se sabe, en asuntos de fe ou cres ou non cres. E se non cres, ben porque sempre fuches agnóstico ou porque perdiches a fe, importan ben pouco as razóns que se esgriman para convencer ao contrario. Un seareiro do Real Madrid pode babear a caldeiros vendo o peloteo do Barça, pero non por elo deixará de ser merengue; e viceversa. Hai trinta e nove anos, cando ao xeneral Franco lle chegou a hora de render contas perante o Altísimo, pediulle por escrito aos seus herdeiros que mantivesen a sagrada unidade das terras de España; e hai dous anos de nada, un dos herdeiros chamado Manuel Fraga, tamén aproveitou os postremeiros suspiros para pedirlle a Rajoy Brey que preservara a unidade de España. Franco, Fraga, Rajoy... O sagrado encargo semella transmitirse só entre galegos, xente de fiar e abondo dependente. Extremo este que tampouco me sorprenda nadiña. No Rexemento de Infantería Canarias 50, aló polos oitenta, o posto de cabo furriel era desempeñado só por galegos. Dígovolo eu, que fun un deles; e antes ca min, estivera un do Porriño, e un de Melide viñera despois.

Non existe o problema da viabilidade dos Estados. Só hai un problema e é a viabilidade da xente; a xente, persoas concretas coma vós e coma min, é viable cando pode sosterse sobre os seus propios pés e gañar pitanza cotián

Non existe o problema da viabilidade dos Estados. Só hai un problema e é a viabilidade da xente; a xente, persoas concretas coma vós e coma min, é viable cando pode sosterse sobre os seus propios pés e gañar pitanza cotián. Iso sabémolo ben os galegos dende tempo inmemorial. Cando a Galiza non nos da de comer, non é ela a que fai a maleta; facémola nós e marchamos polo mundo adiante, procurando a nosa viabilidade e aumentando así a dos que fican. Pero disto nada saben os que mais enchen a boca coa patria unha e indivisible. As súas maletas acompañan aos fillos ata o Trinity College de Cambridge, ou veñen acuguladas de armanis e pradas de Milán, ou marchan petadas de billetes de 500 cara os bancos de Xenebra. Cal é daquela a súa patria? O ancho mundo, semella.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.