Eva, malvada Eva, es a Muller, a culpable, o Pecado, a impulsora da maldade de Adán, de todos os homes no seu nome, segundo afirmaron todos os Pais da Igrexa. Eva é a porta do demo, a insubordinada, a primeira que violou a lei divina, a que cometeu o primeiro pecado. Escoitou a serpe. Eva, a nai das feministas. Esas a quen temen os homes de Vox, mulleres arrebatadas pola luxuria, que tanto terror lles producen.
De todas é sabido que cando as feministas saen en manifestación, os de Vox encérranse nos cuartos, con aspecto de cela, e axeonllados ao pé do leito, en cada esquinita que ten a súa cama ven unha feminista, que ten bonitas pernas e non serpes, coma nas esculpidas en tantas catedrais, e pintadas en tantos Libros de Horas. Os Vox queren ver serpes, pero volven ver pernas, e rezan para liberarse, para darse ánimos, para sentirse Homes. Cada noite rezan: “Loado sexa o Señor, Rei do Universo, por non terme feito muller”. A oración é Vox populi entre os Vox e dalles azos e os envalentona para saír, e saen, mesmo na tele, a vomitar misoxinia, máis mis se saen de Misa, máis xinia cando lembran o Xénesis.
Porque diso se trata, das relixións que xa lles deran todas as pistas do antifeminismo, mostrando as diablas sedutoras de beleza lasciva, que só pensan niso, porque “o seu defectuoso intelecto” segundo Aristóteles, non lles permite pensar noutras cousas. Ai que medo producen nos homes Vox, máis aínda cando elas o recoñecen nas manifestacións: “Somos malas, podemos ser peores!!”,gritan. A tal extremo chegan esas bruxas, esas pecadentas, que pretenden “queimar a Conferencia Episcopal en churrasco celestial”, a elas si, queimalas era pouco.
Tal é o medo que collen os corposVox que mesmo deixan de bicar a nai, non vaia ser o demo que cometan incesto. “Ai que me reviraron o meu filliño, dóese a señora, que lagarta sería !?
O binomio sexo-muller vén de tan lonxe que calquera feminista se pon parva pensando no infinito. Pero os Vox pensan que o inventaron eles, e din que só gustan do pracer sexual e son abortivas, non queren criaturas, foxen da súa condición: ser nais, criar os Seus herdeiros, fillos do Seu seme, o principio activo, que as mulleres son pasivas, simples receptoras. Como ousan abortar as nosas creacións? Como pretenden facelos desaparecer dos seus ventres? Se ese é o seu deber, o seu sino como femias dos humanos?
Queren ser coma nós, os homes! Colleron moitas ínfulas! Xa no s.XIX houbo algunhas que escribiron e teorizaron sobre os dereitos das mulleres. Iso foi porque lles aprenderon a ler. Danlles unha man e collen o brazo. Que razón tiña aquel xurista, Sylvain Maréchal, que presentara no ano 1803 unha lei para prohibir ensinar a ler ás mulleres!! Pero logo veu a Revolución francesa con aquela Olympe de Gouges que publicou “Os dereitos da Muller” e aí comezaron a organizarse, a poñerse bravas e non pararon.
E que un estado, para máis datos, cristián, consinta iso e permita o aborto? Nós cambiaremos ese crime. Ese crime aberrante, tolerado polo socialismo! Onde cren que van, estas corruptas feministas? Nós temos que pararlles os pés. Vox botará abaixo esas leis que as defenden. E aínda lles parece pouco e reivindican máis.
Cómpre cortar o Feminismo de raíz, porque a historia ensina que por aí empeza todo. Tanta tranquilidade no Paradiso e foi Eva quen o desfixo todo.
Así pasou ao comezo das revolucións. Logo todo se desmanda e todo o mundo quere liberdade, e iso non pode ser!!