O tren de Andrés Dobarro descarrila en Vialia: Crónica dunha fe sen saldo

Vialia CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

"Non nos enganemos: non somos cidadáns, somos clientes."

José Saramago

"O tren que me leva pola beira do Miño..." cantaba un Andrés Dobarro que aínda mantiña a esperanza de que a viaxe fose o destino. Pero hoxe, a procesión xa non precisa o acubillo dunha nave románica en Castrelos ou en Bembrive; o desfile desemboca directamente no templo votivo definitivo, o templo do consumo final: Vialia!

 

Cando en calquera vila do noso mapa o alcalde se transfigura en taumaturgo institucional para presidir a procesión de quenda, o que presenciamos non é a fe que move montañas, senón a política que pastorea o gando. Nese preciso instante, o bastón de mando eríxese como a única ponte entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos. Permutamos débeda por berce.

O rexedor exhibe unha santidade de saldo que lle estala nas costuras. Precisa o recendo do incenso para suturar a fenda dunha xestión que, fóra do rito, non é máis que un ermo de fochancas e burocracia. O que hoxe deambula baixo o rótulo de "tradición" é un cadáver estético, ao que lle inseriron unha batería de litio para que saúde ao turista.

 

Andalucía de alugueiro e o Apóstolo hostaleiro

Cando o Cristo da Victoria descende polo rueiro vigués, asistimos á escenografía dunha cidade que arela ser Manhattan no Nadal e Triana na Semana Santa. Nesa fuxida de nós mesmos, inventamos un San Fermín en Navia con touros de cartón, coma se o noso ADN fose un catálogo de franquías.

Os responsables deste entremés, tocados pola variña máxica de Disney, parecen esquecer que a intelixencia do anfitrión reside en ofrecer o propio, non en replicar o alleo. Resulta un paradoxo estéril: empeñarse en traerlle ao turista o que xa ten no seu punto de orixe, coma se a nosa identidade fose un estorbo que hai que camuflar con neón. Se o balance o esixe, o Apóstolo convértese nun axente da hostalaría local. É unha fe que se mide en megapíxeles e hiperbizums.

"O tren que me leva pola beira do Miño..." cantaba un Andrés Dobarro que aínda mantiña a esperanza de que a viaxe fose o destino. Pero hoxe, a procesión xa non precisa o acubillo dunha nave románica en Castrelos ou en Bembrive; o desfile desemboca directamente no templo votivo definitivo, o templo do consumo final: Vialia!

Pladur, fibra óptica e o ceo de metacrilato

Esta é a nosa versión local de Os piares da terra: en Vigo erguemos pladur e fibra óptica para adorar o baleiro. Alí onde a catedral gótica impoñía unha inmensidade que obrigaba a axeonllarse ante o divino, a mole de Vialia impón unha inmensidade de formigón que nos obriga a axeonllarnos ante a oferta

Esta é a nosa versión local de Os piares da terra: en Vigo erguemos pladur e fibra óptica para adorar o baleiro. Alí onde a catedral gótica impoñía unha inmensidade que obrigaba a axeonllarse ante o divino, a mole de Vialia impón unha inmensidade de formigón que nos obriga a axeonllarnos ante a oferta.

A autoestrada que nace no norte de Galicia e transcorre ata o sur, morre nas entrañas dun centro comercial que nos ofrece unha falsa praza pública, cun ceo de metacrilato privatizado. É o gran engano urbanístico do noso tempo: a estación do tren, que debería ser o limiar de benvida a Vigo, queda sepultada, escondida e engulida por un centro comercial que come á propia estación. O viaxeiro xa non desembarca nunha cidade, desembarca nun escaparate. Moitos xa nin saen ao exterior; a xente non visita Vigo, visita Vialia, como se a cidade fose un residuo molesto ao outro lado do cristal. O destino xa non é o rueiro, é a propia terminal do consumo. O viaxeiro é hoxe un fregués que debe peregrinar por un rueiro de letreiros fluorescentes, serpeando entre as naves de Zara ou Primark, que se erixen como capelas votivas onde depositar o salario. Todo o esforzo de comunicación do país parece rematar nunha caixa rexistradora.

 

A liturxia do neón e o pecado do saldo

Aldous Huxley xa nos debuxou este Via Crucis: o sistema anestésianos co cheiro a cera para que camiñemos cara ao altar de neón. É un desfile de bolsas de plástico que substitúen aos estandartes sacros, mentres o asubío dunha alarma antirroubo racha o fío musical. É a única liturxia real: o berro mecánico que nos lembra que non somos almas en pena, senón sospeitosos en potencia. Neste 2026, somos unha Santa Compaña de consumidores, con pantallas de cristal líquido que iluminan un camiño cara a ningures. O único milagre que sobrevive é que o datáfono non dea erro no Duty Free. Ante o mercado non hai pecado, só falta de saldo.

 

O rei vai co cu ao aire

A autoestrada que nace no norte de Galicia e transcorre ata o sur, morre nas entrañas dun centro comercial que nos ofrece unha falsa praza pública, cun ceo de metacrilato privatizado. É o gran engano urbanístico do noso tempo: a estación do tren, que debería ser o limiar de benvida a Vigo, queda sepultada, escondida e engulida por un centro comercial que come á propia estación

A saída reside en reconquistar a rúa como espazo de afecto. Sería tan subversivo como quedar parados no medio do corredor, colapsando o fluxo do consumo cunha conversa que ningún algoritmo rexistre. O auténtico milagre é o veciño que prefire a sombra dun carballo ao abafante baleiro do neón.

Mentres a procesión retorna, o can de San Roque observa o desfile dende o seu pedestal de pedra. Un turista intenta buscarlle o código QR ao bicho, mentres unha nena, cun xesto automático e baleiro, estira o dedo cara ao fociño de granito, intentando facerlle un bizum á eternidade.

E mentres escribo estas liñas dende a mesma pantalla que condeno, eu tamén sinto o imán do neón. Eu tamén son o viaxeiro que busca o conforto dunha taciña de café con leite cando a choiva asfixia. Sandar non é fuxir do mundo, senón aprender a habitalo sen que el nos habite a nós. Ai, daquel tempo das Almas Perdidas!! Quen as atopara no Casco Vello!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.