A figura que explica as adolescencias contemporáneas xa non é Edipo, senón Telémaco. O fillo de hoxe xa non soña con matar o pai para ocupar o seu lugar. Agarda na beira do mar a que volva. Non padece un exceso de autoridade que haxa que derrubar, senón unha ausencia que non sabe nomear. Mira o horizonte. Espera
Fomos ver A Odisea de Nolan por proposta da miña filla adolescente. Convidamos a miña nai, e alá marchamos: tres xeracións diante da mesma historia. Á saída, a conversa foi dar onde eu non esperaba: os deuses. A miña nai, que leu a Odisea no instituto, botábaos en falta; no seu recordo eran eles os que movían o mundo, e agora apenas quedaba rastro. A miña filla, en cambio, víaos por todas partes, nunha película da que Nolan os borrou case por completo. Escoitándoas, entendín que non falaban de cine senón de como mudou o xeito no que se ordena o mundo.
O psicanalista italiano Massimo Recalcati propuxo hai anos unha idea que non deixou de medrar: a figura que explica as adolescencias contemporáneas xa non é Edipo, senón Telémaco. O pai do que fala Recalcati non é un home, nin sequera unha persoa concreta. É unha función — a de quen responde — e pode encarnala unha nai, unha avoa, unha mestra. Pero o mito chámalle pai, e o mito é o que fomos ver na Odisea. O fillo de hoxe xa non soña con matar o pai para ocupar o seu lugar. Agarda na beira do mar a que volva. Non padece un exceso de autoridade que haxa que derrubar, senón unha ausencia que non sabe nomear. Mira o horizonte. Espera.
Na Ítaca sen Odiseo, o único que desexa a lei é o fillo. Os que deberían encarnala están ocupados en pasalo ben. Vivimos nun tempo de adultez diminuída, no que medrar deixou de ser unha promesa para converterse nunha sospeita
O Telémaco da película é exactamente ese. Un rapaz paralizado, secundario na historia do seu propio pai, que agarda a alguén que non chegou a coñecer. Non espera un pai: espera a idea dun pai, unha promesa herdada de que alguén virá poñer as cousas no seu sitio. Non é a primeira vez que Nolan filma esa figura: xa a Murph de Interstellar medraba agardando o regreso dun pai do que non sabía se estaba vivo ou morto.
Arredor de Telémaco, mentres tanto, o mundo ao revés: os pretendentes instalados no banquete, adultos que se comportan como nenos, impulsivos, transgresores, devorando un patrimonio que non é seu. Na Ítaca sen Odiseo, o único que desexa a lei é o fillo. Os que deberían encarnala están ocupados en pasalo ben.
Odiseo tamén é un eterno adolescente. Vinte anos de grandes emocións, dez deles entretido entre Circe e Calipso, mentres na casa Penélope sostén o real. A épica da partida sempre precisou de alguén que quedase tecendo
Custa non recoñecer a paisaxe. Vivimos nun tempo de adultez diminuída, no que medrar deixou de ser unha promesa para converterse nunha sospeita. Hai anos escribimos Vanessa Rodríguez Pousada e mais eu un libro que se preguntaba se a adolescencia era tránsito ou destino; a pregunta segue aberta, tamén para os adultos. Ninguén quere ser o que volve, responde e se retira. Todo o mundo quere ser o que zarpa cara a un mundo de aventuras.
Odiseo tamén é un eterno adolescente. Vinte anos de grandes emocións, dez deles entretido entre Circe e Calipso, mentres na casa Penélope sostén o real. A épica da partida sempre precisou de alguén que quedase tecendo. A nosa cultura celébrao: hai que viaxar, hai que vivir experiencias, hai que ser o heroe da propia biografía. Pero unha odisea sen Ítaca non é unha viaxe: é unha fuxida. Xa o contou Ibsen con Peer Gynt, aquel home que percorreu o mundo coleccionando vidas e volveu vello, baleiro coma a cebola que pelaba capa a capa. Un mundo que produce Odiseos en serie produce inevitablemente Telémacos.
E que pasa se Odiseo non volve? Homero xa respondera: os pretendentes conspiran para matar a Telémaco. O dilema estaba escrito hai vinte e oito séculos. Sen o regreso do pai, ao fillo quédanlle dúas saídas: a adolescencia eterna ou a morte. A clínica cos adolescentes de hoxe coñece ben as dúas, e ningunha é unha metáfora.
Os nosos fillos non necesitan heroes que os salven. Necesitan adultos que volvan da súa Troia particular — do traballo, das pantallas, das súas propias odiseas privadas — e ocupen o lugar de quen responde
Nolan resolve o regreso cunha decisión da que non contarei máis, pero que apunta ao esencial: a función do pai non é ocupar o trono, é facelo habitable para o fillo. Volver, responder, transmitir. E saber retirarse. Recalcati insiste niso: o pai que Telémaco agarda non é o patriarca de antes, o amo da casa que dita e castiga. É simplemente alguén que responda coa súa presenza, alguén que demostre que unha vida pode soster o peso dunha palabra dada. Alguén que asume o seu erro, a súa falla.
A miña nai tiña razón: os deuses xa non ordenan o mundo. A miña filla tamén: algo segue ordenándoo, con outros nomes, na pantalla e fóra dela. Entre as dúas, na butaca do medio, quedaba a miña xeración, a que ten agora a quenda de decidir que facer con esa herdanza. Os nosos fillos non necesitan heroes que os salven. Necesitan adultos que volvan da súa Troia particular — do traballo, das pantallas, das súas propias odiseas privadas — e ocupen o lugar de quen responde. A pregunta que deixa a película non é onde está Odiseo. É quen está disposto a ser o que volve.