Dona Diáspora vai camiñando por “18” na compaña do seu vello amigo Monterroso Devesa. Hai que baixar o xantar despois da enchenta duns saborosos ñoquis en rigoroso cumprimento do ritual dos días número vintenove. Disque é a mellor axuda para que a sorte estea sempre connosco. Hoxe ---xoves 29 de marzo--- o escritor e poeta coruñés que non adoita crer nas prácticas supersticiosas, colleu un par de billetes noviños de 50 pesos uruguaios para poñer estiradiños debaixo de cadanseu prato. Di que o billete axeitado é o de 50 polo seu fluxo de enerxía positiva xa que o espírito laico do “gayego” Varela segue presente nos corazóns de todos os uruguaios.
Hoxe ---xoves 29 de marzo--- o escritor e poeta coruñés que non adoita crer nas prácticas supersticiosas, colleu un par de billetes noviños de 50 pesos uruguaios para poñer estiradiños debaixo de cadanseu prato
O sorriso da convidada fíxolle xustificarse dicindo que pola noite ten unha conferencia na sede social do Patronato da Cultura Galega. Non quere esquecer ningunha das moitas anécdotas surxidas durante a investigación realizada para editar o segundo tomo do seu exitoso Mil e pico de nomes galegos do Uruguai. Aproveita o xantar para estenderse nun documentado relato sobre os ñoquis e a famosa Smorfia Napoletana. De alí provén a actual lotería española creada en 1763 por Carlos III de Borbón o que con anterioridade [1731-1735] fora rei de Nápoles e Sicilia.
O paseo pola principal avenida da capital tivo varias paradas obrigadas nas que o culto Monterroso Devesa fixo de informado guía anfitrión para unha vella emigrante que xa leva demasiadas singraduras no seu lombo. Na fronte da Igrexa do Cordón admiramos un histórico cruceiro galego das terras ourensás de Santa María de Amarante, o chamado “Cristo del Cordón”, arredor do cal tivo lugar a batalla contra dos invasores ingleses en 1807. Para saber máis Xosé María recomenda a lectura do libro de Zubillaga Barrera “Los cruceiros del Montevideo antiguo”.
Na actualidade a Casa de Galicia sostén uns servizos asistenciais de calidade para máis de 40.000 asociados
Moi perto está o edificio da Casa de Galicia que foi fundada en 1917 por iniciativa do emigrante baionés Xosé María Rodríguez Barreiro. O fundador fora líder agrarista, xornalista e músico na súa vila antes de emigrar a Cuba, Arxentina e Uruguai. En 1911 estrea en Vigo a zarzuela “A Virxe da Roca”. En Montevideo o seu maior éxito foi a moi representada comedia de costumes “Pan Quente”. Na actualidade a Casa de Galicia sostén uns servizos asistenciais de calidade para máis de 40.000 asociados. Xosé María lembra que na capital uruguaia viviu sempre outro exemplar baionés, Vítor Soliño, que encheu de grandes tangos o Río da Prata.
Uns pasiños máis adiante o guía fai unha pausa diante do monumento “Al Gaucho”para informar que o autor da escultura, Xosé Luís Zorrilla de San Martín, naceu en Madrid xa que seu pai era o embaixador uruguaio diante do rei Alfonso XIII. Unha filla súa, a famosa actriz “China” Zorrilla, realmente chámase Concepción pero nas beiras riopratenses o hipocorístico non se pode utilizar. Fala sobre a orixe étnica dos gauchos e convida a dona Diáspora para coñecer Tacuarembó durante a semana na que se celebra a Festa da Patria Gaucha afirmando con convencemento que é a festa más criolla en el pago más grande de la Patria.
Fala sobre a orixe étnica dos gauchos e convida a dona Diáspora para coñecer Tacuarembó durante a semana na que se celebra a Festa da Patria Gaucha afirmando con convencemento que é a festa más criolla en el pago más grande de la Patria
Aquí é cando Xosé María amosa o seu namoramento por Tacuarembó. As voltas da vida fixeron que un neno coruñés de familia acomodada chegase ---ben collido da man de dona María Teresa--- a unha lonxana vila erguida no medio da herba. Alí non había mar nin escuma nas rochas. Sen embargo, sentíase protexido pola presenza duns extraños montes sen acabar que facían de sentinelas naquel espazo sen fin de verdes prados. Ía camiñando para a escola e repetindo unha e outra vez a palabra “Batoví”. Quixo saber o seu significado pero o seu compañeiro Carlitos soamente lle puido dicir que o nome era de cando os indios vivían alí. Tivo que preguntarlle ao seu padriño Ramón P. González que era unha especie de enciclopedia do saber local.
A paixón de Monterroso Devesa é a filoloxía galega e sobre todo o estudo da xenealoxía das familias galegas que poboaron a Banda Oriental
A paixón de Monterroso Devesa é a filoloxía galega e sobre todo o estudo da xenealoxía das familias galegas que poboaron a Banda Oriental. Os seus comezos no rastrexo das raíces levárono ata o concello bretón de Morlaix [Saint Jacques] xa que de alí sae o seu actual apelido materno Juega por deturpación do orixinal Gwegen. Entre outros traballos publicou dous que son de obrigatoria consulta para os interesados na onomástica: “Seis familias de Tacuarembó” [2000] e “Mil e pico de nomes galegos do Uruguai” [2009]. As súas investigacións son rigorosas e as charlas e conferencias sempre moi aplaudidas porque os seus coñecementos están ao servizo da potenciación da irmandade galaico-oriental.
Ao dobrar pola avenida Rondeau lembra que pasamos por diante do Bar Facal e do baixo onde estivo o famoso Sorocabana sen que fixese ningún comentario. Sobre o bar da esquina con Yi di foi fundado por un carballés que no ano 1960 tiña unha ducia de empregados só para facer sandwiches. As tertulias do Sorocabana foron as más famosas da capital uruguaia despois das do Tupí Nambá do pontevedrés Francisco San Román. O fermoso edificio chamado Palacio Montero tiña no seu exterior un gran cartel anunciador, “Café puro de Brasil”, sendo tamén dos poucos lugares onde se podía beber un café semellante ao de “pota”. O primeiro propietario foi Antonio Montero [non está claro se o apelido materno é Iglesias ou Remesil], un rico comerciante galego da parroquia ferrolá da Graña que mercara por 16 mil pesos de prata ao goberno de Joaquín Suárez os terreos que hoxe conforman a praza de Cagancha.
Escoitar o documentado relato do erudito Xosé María é un privilexio e na súa compaña o roteiro montevideano polas pegadas galegas faise engaiolante
Escoitar o documentado relato do erudito Xosé María é un privilexio e na súa compaña o roteiro montevideano polas pegadas galegas faise engaiolante. Ten moito máis que compartir pero quedará para mañá no Parque Rodó. Na beira do Parque Hotel e cun mate na man oiremos melodías de Fabini, Cluzeau Mortet e Lamarque Pons que disque saen dun lonxano e máxico piano instalado na coruñesa rúa Ramón de La Sagra. Cando dona Diáspora viaxe a Tacuarembó falará co director xeral de Cultura para pedirlle que a Intendencia Municipal lle entregue ao gaucho Monterroso Devesa unha distinción honoraria que recoñeza a súa longa traxectoria de meritorio valedor do patrimonio cultural e natural tacuaremboense. Noraboa señor Embaixador Cultural Honorario do Departamento de Tacuarembó!