Os catetos da dereita

Segundo o dicionario, un cateto é unha persoa palurda, torpe, inculta... Non tódolos catetos son de dereitas, nin tódolos de dereitas son catetos, pero existe unha especie que aglutina de xeito moi característico estas dúas cualidades, ás que se refire o presente artigo.

É sabido que estadísticamente a xente de dereitas adoita ser menos intelixente que a de esquerdas, por suposto, baseándonos nos estudos e a literatura que hai ao respecto.

Ben é certo que os conservadores tenden a basar as súas ideoloxías as máis das veces en dogmas e por tanto a súa visión do mundo é máis simple e normalmente máis doada de entender.

Por outro lado o pensamento colectivista que predomina nas teorías e ideoloxías progresistas vinculadas aos movementos de esquerda, require un maior nivel de abstracción e por tanto resulta un maior desafío a nivel intelectual que o individualista, tradicionalmente vinculado ás teorías conservadoras.

Pero o caso da dereita Española é único, e digo Española porque por desgraza non existe una dereita Galega. Despois de Don Manuel, non aparece no imaxinario colectivo dos conservadores do parlamento, un país Galego. A pesares de recoñecer tácitamente que Galiza ten tódolos elementos para ser considerada una nazón, pero non nos desviemos do tema.

Un cateto da dereita é doado de identificar. Mais non se debe confundir un insensato con un cateto.
 
Hai exemplos de insensatos como Pérez Reverte que con un pesimismo antropolóxico que invita ao suicidio colectivo, twitean barbaridades, probablemente por ter visto demasiado cinema de acción nos noventa. Pero, como dixo Rafael Correa de Vargas Llosa “parece mentira que un tipo tan limitado escriba tan lindo”. Aínda que de Reverte tampouco se pode dicir que escriba demasiado ben.
 
Os catetos da dereita recoñécense de seguida, porque nunca teñen un razoamento compacto, a súa visión adoita ser sesgada ou prestada e tampouco está baseada en feitos ou realidades tanxibles, medibles e cuantificables, se non en crenzas, opinións alleas ou dogmas de fe.
Por iso nunca se pode disuadir da súa opinión a un cateto da dereita.
 
Podemos ler estes días, que ao calor do atentado de París sacan a careta desa desconfianza amable e condescendente, para amosar a súa verdadeira faz de intolerancia relixiosa, racismo e xenofobia.

Facianas dunha mesma moeda que podemos ver en todos aqueles que claman vinganza contra os Sirios, contra toda a comunidade islámica ou mesmo contra os refuxiados  que fuxen precisamente dese mesmo terror.

Non se molestan en comprender a profunda dicotomía do seu propio estado... Moito menos van perder 5 minutos en ler acerca de un pais que probablemente non saiban nin situar no mapa.

 

Como ven os problemas

Aos catetos da dereita só lles importan as vítimas dependendo do seu lugar de nacemento, en cuxo caso son catalogados de primeira ou segunda división. Empatizan de seguida cos mortos en Francia, en Nova York ou en Madrid, pero semella que as vidas non valen tanto se os mortos son Africanos que morren afogados intentando cruzar o estreito, coa colaboración (porque non dicilo) dos corpos de seguridade Españois.

Apenas uns días antes do fatídico suceso do Venres 13 (os supersticiosos dirán que era una mala data). Morrían asasinados douscentos nenos sirios segundo un vídeo difundido por activistas anti-ISIS.

De feito, nos catro anos de guerra civil en Siria, levan mortos máis de once mil nenos sirios. Para poñer a cifra en contexto é aproximadamente a cantidade de menores de quince anos que viven actualmente en Lugo.

Todas as vítimas son nosas, vivan en París, en Lugo, en Madrid ou en Siria.

Aos catetos da dereita cóstalles moito diferenciar entre musulmán e terrorista islamista, cómpre dicir que tamén lles costaba moito diferenciar entre esquerda abertzale e ETA.

Semella un pouco aventurado xeralizar sobre unha relixión, o islam, que aglutina máis de 1300 millóns de persoas. (por comparar con algo máis próximo, tódalas variantes do cristianismo, suman aproximadamente 2100 millóns de fieles), cunhas formas de sentir, pensar e obrar tan diversas, que sería unha quimera buscar algo en común a todos eles ademáis dos máis básicos principios relixiosos.

En occidente tivemos que soportar o catolicismo extremo até o século XIX, con tódalas suas barbaridades (que as tivo). E posteriormente nas figuras ultracatólicas dos líderes franquistas.

O Islamismo radical, parece rexurdir a finais do S XX como unha escusa para invadir determinados países, que casualidade ou non, teñen unha enorme  parte das reservas de petróleo do planeta.

Tamén parece aventurado xeralizar sobre os Sirios, sendo un país de 22 millóns de persoas, sumido nunha innecesaria (como tódolos conflitos armados) guerra civil, dende fai máis de 4 anos.

Os catetos da dereita enchen o peito co gallo da liberdade de expresión, hai ministros do opus-dei e demáis dirixentes ultra-católicos que critican os ataques contra a liberdade de expresión como o da revista Charlie Hebdo, mentres no seu país aproban leis mordaza.

O cateto da dereita cre que os terroristas aparecen por xeración espontánea, non se para a preguntarse cal é a orixe do estado islámico, pois non é nin máis nin menos que unha rama escindida da celebérrima Al Qaeda, si, aquel invento para derrocar gobernos en oriente medio que se lles foi tanto das mans aos USA.

Pero non contentos con esto, resulta que tamén se dedicaron a financiar aos rebeldes sirios, co único pretexto de derrocar a Bashar al-Asad, un dictador eso si, mais non parece que os de agora vaian a facelo mellor.

A decisión do famoso trío das azores tivo esta serie de consecuencias, os terroristas non xurden da noite á maña sen mais.

A causa de todas estas dificultades coas que se atopan, os catetos da  dereita son especialmente sensibles e vulnerables a todo tipo de arengas nacionalistas, pois na súa ignorancia son profundamente arrogantes, ou ignoran o que non casa coa súa forma de ver a vida. E que conste que o problema non é ignorar feitos, xa que todos somos ignorantes en diferentes eidos da nosa vida, o erro radica en crer que se sabe demasiado.


Como ven as Solucións

O cateto da dereita cre que todo se soluciona con bombardear a catro desgraciados en Raqqa, mentres as vías de financiación das organizacións criminais seguen intactas.

Pero os bombardeos onde hai poboación civil só empeoran o drama.

Porque non destruir os pozos petrolíferos en poder do EI e cortar a súa financiación?

Porque non parar de vender armas a países dos que hai máis que fundadas sospeitas que comercian cos terroristas?

Porque non poñer sancións a eses países como se fixo con Rusia no conflito de Ucraína?

Os catetos da dereita déixanse seducir invocando motivos nobres, a paz, a democracia, a xustiza... Ninguén vai dicir que unha guerra é para roubar, para someter, para dominar, para enriquecerse, para en fin... Acumular poder.

Eles nunca se paran a pensar que para buscar aos culpables basta con mirar quen sae beneficiado dun conflito.

Basta con ver que na enaxenada mente dun terrorista disposto a inmolarse polo seu deus, hai algo que está fallando na educación e nos seus valores, pois non é racional. Pero obviando aos asasinos, aos que todos poderíamos sinalar co dedo, hai outras tres patas nesa mesa criminal que son retroalimentadas entre si, e se serven unhas das outras para manter o seu “status quo”, parasitando ao pobo que deberían servir.

Por un lado, os empresarios beneficiados directamente por esta demencial política exterior, fabricantes de armas, empresarios da seguridade privada, e por suposto as petroleiras.

Por outra banda, os políticos corruptos que alimentan esta espiral de violencia das políticas da OTAN. A pesar dos cambios de rumbo dos novos partidos da esquerda Española, sobre a política exterior, ser de esquerdas non é compatibel cas posturas desta organización.
 
Por último, o eslabón máis baixo da cadea, o exército. Caso curioso é o dos militares españois, que gostan de levar a democracia por exóticos países e loitan contra ditaduras extranxeiras, previo pago de obscenas dietas de desprazamento (patriotas si, pero co estómago ben cheo) sen embargo, botan de menos ditaduras pretéritas no seu propio país.

Todos viven do medo e da desconfianza humana, uns enriquécense de xeito directo, os outros ocupan os postos de poder e os últimos póñense medallas e autoproclámanse portadores da democracia e a salvación.

Pero o pobo sempre é o que pon os mortos, sexan civiles Sirios, Franceses ou mesmo militares que non querían estar nun conflito estúpido.

O máis triste é saber que todo esto responde a intereses particulares e a unha loita de poder para vencer o delicado equilibrio que había entre o bloque occidental da OTAN e o bloque oriental Ruso-chinés.


Citando a Ghandi, “non hai camiño cara a paz, a paz é o propio camiño”

Apesares de que a frase se lle atribúe a Xulio César, Flavio Vegecio Renato escribiu: “Igitur qui desiderat pacem, praeparet bellum” “Aqueles que desexan a paz, que se preparen para a guerra”

Pero non podería estar máis desacertado. Non vos enganedes, non hai ningún camiño de luz, bolboretas e flores para conseguir a paz, A paz é o propio camiño que debemos construir entre todos, camiño que nos leva ata un fin, que é unha sociedade de xustiza, nun mundo no que mereza a pena vivir.

Se deixamos que nos ceguen co medo, ca desconfianza, ca mentira, ca vinganza, co rencor... Eles gañan... Gañan os que viven das guerras, do sufrimento, do terror, da inxustiza, da ignorancia.

Nós non temos medo, dicir non á guerra é de valentes, os catetos da dereita que agochen os seus complexos detrás de soldadiños de papel.

Non nos transformemos en catetos da dereita. O mundo é dos valentes, e os valentes non precisan armas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.