Os enxeñeiros aínda non conseguiron desactivar a bomba

Na súa asemblea estatal celebrada en Madrid en outubro de 2014, moitos meses antes da celebración das eleccións municipais, Podemos activou unha auténtica bomba política de efectos retardados. Xosé Manuel Beiras advirte do perigo: “Se hai forzas políticas que se desmarcan, meterían unha bomba de reloxería neses procesos cidadáns tan exemplares e ilusionantes”.

Podemos aprobou na citada asemblea que nas eleccións xerais haberá papeleta deste partido en todas as mesas electorais e se vai nunha candidatura de confluencia (en Galiza, por exemplo) tamén aparecerá na papeleta o seu logo e o nome será Podemos-Outra Cousa (o nome da Cousa poderá ser decidida neses territorios). Tomaron esta decisión desde abaixo, coa xente e co pobo galego. Por que Podemos esixe ese trato preferente? Explicouno moi ben Ángela Rodríguez, secretaria de Coordinación de Podemos-Galicia: “Nós somos xa unha fronte de unidade popular”.

Moitos non deron importancia a esta bomba, calaron ante as esixencias de Podemos ou miraron para outra parte. Creron como verdade infalible a autopropaganda deste partido: que eran a centralidade, líderes da ruptura, ferramenta fundamental de cambio político a nivel de Estado etc. E despois de recibir aos dirixentes de Podemos que visitaron Galiza este verán, proclamaron que o partido de Pablo Iglesias era “imprescindible”.

Por se non quedaba claro quen decide a folla de ruta, Podemos elixiu as candidatas e candidatos que encabezarán as súas candidaturas nas catro circunscricións galegas. Todo isto desde abaixo, naturalmente, e con gran participación da xente e do pobo galego. Por suposto, anunciaron que as súas candidaturas sempre estarán abertas á incorporación doutros actores. Faltaría máis! Tamén sinalaron que o nome da candidatura podería ser Podemos-Outra Cousa ou Outra Cousa-Podemos, detalle que é de agradecer.

 

Desde abaixo, coa xente, co pobo galego

Somos moitos e moitas os que estamos de acordo con esta metodoloxía de traballo: coa xente, coa cidadanía, co pobo galego, cos partidos como acompañantes e non como protagonistas… O problema está na interpretación deste método. Así, cando un grupo de persoas, de variadas sensibilidades (Xavier P. DoCampo, Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz, María Reimóndez, Suso de Toro, Pilar Fernández, Manuel Bragado, Mercedes Queixas, Xurxo Souto…), desde abaixo e respondendo a un auténtico clamor popular, convocan a unha manifestación unitaria para o 25 de xullo, apareceron voces dicindo que non podían apoiar esa convocatoria porque a iniciativa debería partir da cidadanía, do pobo galego, como se as 1.500 persoas que, finalmente, convocaron esa manifestación fosen marcianos. Sen convocar, deron liberdade de asistencia a súa militancia, faltaría máis, e facendo uso da liberdade que daba o seu partido, Xosé Manuel Beiras participou nesa manifestación, que foi un éxito e un grandioso acto de unidade popular.

Tanto Encontro Cidadán por unha Marea Galega como Iniciativa pola Unión teñen en marcha procesos para que, desde abaixo, se elaboren as bases dunha candidatura unitaria galega e un programa electoral para as eleccións xerais. Moitos pensamos que o camiño era que esas plataformas cívicas, sen condicionamentos partidarios, chamarían a partidos e movementos sociais para incorporarse a ese proceso, como sinalaba Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña pola Marea Atlántica: “Amplia unidade popular, desde abaixo, liderada pola cidadanía, sen que sexa un pacto de cúpulas de partido”. Estabamos todas e todos equivocados porque o plan era outro: tres partidos políticos anuncian o marco político para un programa electoral, invitando a sumarse a outros actores: partidos políticos, plataformas cívicas e movementos sociais. Despois de meses de negociación e con total escurantismo, a presentación deste acordo político foi anunciada en Madrid polo responsábel de Organización de Podemos, é dicir, desde abaixo.

 

A construción da unidade popular

Todas e todos estamos pola unidade popular. É criticable que unha organización política pretenda atribuírse en exclusiva a representación do pobo galego; moi negativo que alguén pretenda repartir carnés de esquerda, galeguidade ou nacionalismo. Pero é tamén moi negativo que, levantando a bandeira da unidade popular, se pretenda excluír por criterios ou intereses partidistas. Por que se cualifica como de confluencia e de unidade popular unha serie de candidaturas das eleccións municipais e non se dá ese título a outras? Quen representan ás chamadas “mareas” en Ourense ou Lugo? Cales son as candidaturas de unidade popular  en Lalín, Carballo, Lugo, Ourense, Bueu, Outes, Oleiros, Narón, Gondomar ou Salceda de Caselas, por poñer algúns exemplos? Como se poden reducir as candidaturas de unidade popular a só o 9% dos concellos galegos (o 17% sumando as de SON, promovidas por EU e Anova, segundo un traballo publicado por Carlos Neira Cortizas) excluíndo ao 83%, é dicir, 260 concellos? Non se pode ignorar a realidade, que sinala Neira: “O BNG é en moitos concellos a única oferta electoral de ámbito local alternativa ao bipartidismo, e representa, en moitos deses lugares, outra forma de facer política máis próxima dos novos tempos que dos vellos”.

Considero que para construír a unidade popular en Ourense haberá que contar con Ourense en Común, que ten tres concelleiros, mais tamén coas compañeiras e compañeiros de Anova, CxG ou BNG, que se presentaron noutras candidaturas e non acadaron representación municipal. En Lugo hai que ter en conta a Lugo Novo (tres concelleiros) pero tamén ao BNG (dous concelleiros) e a EU que ten 1 concelleiro.

En Carballo, por poñer outro exemplo, participaron nas eleccións municipais, entre outras, dúas candidaturas que foron aprobadas en asembleas, abertas á cidadanía. Unha delas, SON, tivo 188 votos e ningún concelleiro, Outra, BNG-Asembleas Abertas, 7.512 (resultado importante se temos en conta que Ferrol en Común tivo 7.142 votos), maioría absoluta e a alcaldía. Creo que as dúas candidaturas son de unidade popular, mais non se pode excluír á sinalada en segundo lugar, que ten case 40 veces máis votos que a primeira. Habería que contar para esa unidade popular coas candidaturas que conseguiron as alcaldías en A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ferrol; con CxG en Lalín, coa candidatura que encabezou Félix Juncal en Bueu (tivo a maioría absoluta co 65% dos votos), con Alternativa dos Veciños en Oleiros, con Terra Galega en Narón, con Manifesto Miñor en Gondomar, con Movemento Salceda en Salceda de Caselas; coas 29 alcaldías, 468 concelleiras/os do BNG en 186 concellos; cos 74 concelleiras/os de SON, cos 40 de CxG etc.

Encontro por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unión teñen grandes coincidencias en canto ao obxectivo e o procedemento: candidatura galega soberana, sen dependencias, para conseguir un Grupo Parlamentario Galego (é fácil de entender; para que o Presidente do Congreso ou Senado poida dicir: ten a palabra o grupo parlamentario galego); coinciden en que somos nós quen decidimos o nome da papeleta e as candidaturas son elixidas en eleccións primarias, co principio democrático de cada persoa un voto. Curiosamente, de todas estas cuestións non fala para nada o acordo político feito público por Podemos, Esquerda Unida e Anova. Despois de tanta expectativa, o compañeiro Henrique Costas, da Coordinadora da Marea Galega dicía sobre ese acordo: “Non é ilusionante. O monte pariu un rato”.

Se hai tanta coincidencia, por que non hai unha unificación desas dúas plataformas cívicas? A explicación é sinxela: os enxeñeiros enviados desde Galiza para negociar con Podemos levan meses traballando e non dan desactivada a bomba, da que falaba ao principio, porque andan un pouco despistados, pensan que é un problema de enxeñería xurídica, sen decatarse de que é un tema político.

Non hai fórmulas máxicas para desactivar esa bomba política, pero deberíamos prestar atención a quen entenden destas cousas. A Xosé Manuel Beiras, que xa dixo que non imos ser “sucursal” ou “apéndice” de ninguén (nin franquía, diría eu). A Xulio Ferreiro,  que manifestou: “Podemos é un máis no motor de cambio e deberá integrarse en condicións de igualdade” (traduzo eu: todos os partidos son iguais e ninguén pode pretender impor as súas siglas na papeleta de votación). A Martiño Noriega, que cando chegaron os citados emisarios no verán dixo: “Non debe haber corsés previos ou proxectos de casas prefabricadas”.

Son optimista. Penso que, finalmente, esa bomba será desactivada e conseguiremos unha Candidatura Galega de Unidade Popular e un grupo parlamentario galego –é dicir, unha casa grande propia nas Cortes, construída coas nosas mans– e non un “espazo parlamentario propio, que teña a Galicia como o seu espazo de representación”, porque non queda claro se ese “espazo” é para colocar alí unha mesa ou para ter unha habitación en aluguer. E para desactivar esa bomba, sería bo que a militancia galega de Podemos decidise sobre a súa participación neste proceso galego de unidade popular. Contamos con eles, pero se seguen co discurso de que en Galiza non poden desviarse do acordado na asemblea de Madrid, deben saber que ninguén é imprescindíbel e que, en todo caso, este país ten aínda moita forza e cidadanía disposta a traballar arreo para conseguir un grupo parlamentario galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.