Defender a precisión da lingua é o primeiro acto de resistencia fronte á industria da mercantilización humana.
A explotación reprodutiva recibe denominacións moi diversas. Conviven expresións tan distintas como «xestación subrogada», «ventres de alugueiro», «xestación por substitución», «maternidade subrogada», «xestación altruísta» ou «reprodución colaborativa». Por que tantos?
Cos nomes decídese o que se ve e o que se deixa de ver. Cada termo realiza unha operación distinta sobre a percepción social, pero todas contribúen a lexitimar a explotación reprodutiva.
A primeira operación fragmenta o organismo e illa a súa capacidade reprodutiva. As mulleres aparecen como portadoras de óvulos para doar e de barrigas para alugar, como se os procesos reprodutivos se puidesen separar do resto do corpo. A evidencia científica amosa que o embarazo reorganiza o corpo completo da muller e establece unha continuidade biolóxica e emocional co bebé. A propia expresión «ventres de alugueiro» reproduce esa fragmentación ao presentar o útero como unha peza separable do resto da muller: un corpo que se desfai en partes para poder cotizar no mercado.
Sobre ese organismo fragmentado actúa a operación de reducir a muller á súa función reprodutiva. Expresións como «persoa xestante» ou o anglicismo «gestational carrier» borran a muller e a nai, contribúen a reducila a un mero instrumento e deixan de recoñecela como suxeito de dereitos. Só importa a función.
Desaparecida a muller como suxeito e, con ela, a nai, o embarazo transfórmase nun mero procedemento técnico. Tratar esta práctica como unha «técnica de reprodución asistida» ou un «tratamento» traduce unha experiencia humana integral á linguaxe clínica. Esta asepsia verbal presenta o embarazo e a separación programada entre nai e bebé como partes dun protocolo sanitario, enmascarando a violencia que implica baixo a aparencia dunha suposta neutralidade médica.
Tecnificada esta práctica, resulta máis doado traducila á linguaxe xurídica. Contradicindo o principio de que ningún ser humano pode ser obxecto de comercio, conceptos como «xestación por substitución», «xestación subrogada» ou mesmo os relativos á filiación ocultan esa vulneración e dirixen o debate cara á regulación dun acordo. A defensa dos dereitos humanos das mulleres e dos bebés desaparece e substitúese pola determinación dos dereitos e obrigas das partes.
A mercantilización tamén se oculta a través da linguaxe: presenta o encargo de bebés como unha mera transacción e agocha a industria que a sostén. Mediante un contrato, o embarazo convértese no «servizo» e o bebé é tratado como un produto, aínda que os seus promotores nunca o nomeen así. Desaparecen as clínicas, as axencias, os bufetes e os beneficios económicos. O relato público disfraza a condición de compradores mediante expresións como pais «de intención», «comitentes» ou «solicitantes» e substitúe o pagamento por fórmulas como «compensación resarcitoria», «compensación polos gastos» ou «compensación por molestias», expulsando do relato a compravenda e as condicións materiais da explotación das mulleres.
Unha operación decisiva inverte a carga moral da práctica. A linguaxe revístea de «altruísmo», «solidariedade» ou «xenerosidade», ao tempo que apela a conceptos como «proxecto parental» ou «liberdade reprodutiva» para elevar o «desexo reprodutivo» a fundamento único e suficiente da filiación. Ademais, blíndase fronte á crítica ao presentarse como unha expresión da «diversidade familiar»: a explotación transfórmase nun acto de «empatía» e a crítica convértese nunha mostra de «insensibilidade», «intolerancia» ou «subrofobia».
Resistir á linguaxe do mercado esixe defender a precisión das palabras. A linguaxe eufemística combátese nomeando con claridade: explotación reprodutiva das mulleres, mercado reprodutivo e, directamente, compravenda de bebés. Nomear esta realidade é un acto político, intelectual e ético porque determina o que podemos ver, comprender e xulgar. Defender a precisión da lingua é o primeiro acto de resistencia fronte á industria da mercantilización humana.