Onde o feminismo analiza a subordinación material das mulleres —o traballo, a violencia, a desigualdade económica, o control da sexualidade— aparecen agora homes que revisan a súa identidade, que falan de si mesmos, que se “deconstrúen”. O que comeza como participación ás veces remata como ocupación do espazo
— “Compañeiras, propóñovos organizar un obradoiro de diversidade, disidencia e novas masculinidades; queremos explicarvos como estamos vivindo os homes este proceso”.
A frase pode resultar familiar en moitos espazos e programas de igualdade, pois resume algo que se foi normalizando sen conflito aparente: o centro da intervención foi desprazándose cara á experiencia subxectiva dos homes. Onde o feminismo analiza a subordinación material das mulleres —o traballo, a violencia, a desigualdade económica, o control da sexualidade— aparecen agora homes que revisan a súa identidade, que falan de si mesmos, que se “deconstrúen”. O que comeza como participación ás veces remata como ocupación do espazo.
Isto entrou de cheo nas políticas públicas. Programas de igualdade, plans e proxectos municipais incorporan intervencións centradas na identidade, a formación emocional e o acompañamento dos homes. Mentres tanto, as necesidades materiais das mulleres en situación de violencia ou precariedade continúan sen recibir a resposta necesaria. É unha cuestión de prioridades; e as prioridades son política.
Non é un problema que os rapaces analicen o seu propio comportamento; ao contrario: é algo necesario. O punto de ruptura chega cando o conflito deixa de estar na estrutura social e na opresión e se despraza en exclusiva ao terreo persoal, na procura de homes “máis conscientes”, “máis abertos” ou “máis deconstruídos”
Moitos programas para homes e propostas educativas para adolescentes parten da idea de que a desigualdade e a violencia machista se explican, en boa medida, polo xeito en que os varóns viven a súa masculinidade. O problema non é que estes programas ignoren os privilexios ou a violencia; de feito, a miúdo aparecen de forma explícita nos materiais educativos empregados. Tampouco é un problema que os rapaces analicen o seu propio comportamento; ao contrario: é algo necesario. O punto de ruptura chega cando o conflito deixa de estar na estrutura social e na opresión e se despraza en exclusiva ao terreo persoal, na procura de homes “máis conscientes”, “máis abertos” ou “máis deconstruídos”.
Cando se leva o conflito político á psicoloxía individual, a explotación convértese en mala xestión, a dominación nun conflito emocional e a violencia machista en problemas de masculinidade. Mesmo fenómenos como a prostitución acaban explicándose como falta de educación afectivo-sexual, e non como un sistema de explotación baseado na violencia sexual contra as mulleres. Cando isto ocorre, o conflito deixa de ser estrutural e a intervención política desprázase cara á xestión terapéutica das conciencias.
A historia do feminismo sinala outra cousa: ningún avance chegou pola vía da introspección masculina, senón pola organización política e a loita colectiva das mulleres. O voto, o divorcio, o acceso ao traballo, as políticas de igualdade ou de protección fronte á violencia foron conquistas políticas antes que cambios culturais
A análise materialista racha con esa lectura: un home pode facer terapia, chorar ou revisar a súa conduta e seguir ocupando exactamente a mesma posición social. Porque o patriarcado non é unha suma de comportamentos individuais, senón unha relación social material que organiza a explotación do traballo, do tempo e da capacidade reprodutiva das mulleres, e que blinda a súa subordinación ao poder político e económico dos homes. Opera como estrutura social que se reproduce máis alá da conciencia, das intencións ou das transformacións persoais.
É cada vez máis recorrente a figura do home que se revisa a si mesmo como forma de intervención política. Esa revisión ten un límite claro: chega ata onde non implica perda de privilexio. É doado cambiar a linguaxe, participar en carreiras de homes con tacóns ou organizar obradoiros e outras iniciativas simbólicas; o difícil é tocar o que sostén o sistema. Con todo, esta tendencia a interpretar os conflitos sociais a través da vivencia particular e das emocións non se limita ao campo das “novas masculinidades”. As políticas identitarias rematan de consolidala, substituíndo categorías materiais por definicións fluídas e subxectivas. Non é casualidade que ambos os discursos adoiten aparecer xuntos. O político dilúese no emocional.
A historia do feminismo sinala outra cousa: ningún avance chegou pola vía da introspección masculina, senón pola organización política e a loita colectiva das mulleres. O voto, o divorcio, o acceso ao traballo, as políticas de igualdade ou de protección fronte á violencia foron conquistas políticas antes que cambios culturais. Os cambios na conciencia foron efecto dos cambios materiais e das loitas organizadas, máis que a súa causa principal.
O patriarcado non é un problema de conciencia individual, senón unha estrutura social que lles dá aos homes máis poder, máis espazo e máis autoridade. A educación debe intervir facendo visible ese sistema, neutralizando a violencia e modificando linguaxes e prácticas, pero por si mesma non pode redistribuír o poder nin corrixir a desigualdade estrutural. Non substitúe a política pública
O patriarcado non é un problema de conciencia individual, senón unha estrutura social que lles dá aos homes máis poder, máis espazo e máis autoridade. A educación debe intervir facendo visible ese sistema, neutralizando a violencia e modificando linguaxes e prácticas, pero por si mesma non pode redistribuír o poder nin corrixir a desigualdade estrutural. Non substitúe a política pública. Por iso a pregunta non é cantos homes se revisan, senón que cambia materialmente.
O patriarcado non desaparece porque os homes se sintan mellor consigo mesmos. Desaparecerá cando deixen de ocupar a posición dominante.