Os outros lanzamentos

Unha das máis formidábeis contestacións sociais da última década é a da actividade contra os desafiuzamentos.   Conectou con necesidades vitais dunha parte significativa da sociedade, agredida nos elementos do benestar, reducidos os seus niveis de ingresos e multiplicadas as dificultades de supervivencia.

O movemento contra os lanzamentos converteuse en popular, entendido e xustificado, con toda razón. As persoas máis activas das plataformas son líderes sociais recoñecidos, sendo o caso de Ada Colau en Barcelona probabelmente o máis representativo.

Efectivamente, e sen prexuízo de todo o anterior, hai casos en que os desafiuzamentos non se poden asignar á un problema social ou de supervivencia.  Tamén se desaloxan chalés de grande custo, segundas vivendas de alto valor, mesmo adquiridas para a simple especulación. 

Mais hai unha outra problemática que nunca se lembra, e que ten maior importancia –polas súas repercusións colectivas e estruturais—que é cando os debedores son as empresas. Podemos dicir acó que unha parte importante e terríbel dos desafiuzamentos reside nos polígonos industriais e nos locais comerciais das cidades e vilas.

Algúns dados, tomados por riba e sen pretensión de exactitude, senón de simple aproximación indicativa:   o 70% das empresas teñen menos de 5 traballadores e ocupan as tres cuartas partes da poboación asalariada.   Na súa fórmula máis popular, as chamadas SL, unha grande maioría non superan os 3.000 euros de capital social, e o 70% morren antes dos tres anos de actividade, deixando pola borda esforzos, ilusións, tempo e patrimonio familiar, ademais de capacidade financeira da sociedade entregada sen dubida a quen detentan o verdadeiro poder e controlan o negocio.

Toda a lexislación societaria, laboral e fiscal están montadas para favorecer ás grandes corporacións, para animar a concentración de capital e subtraer a parte que o aforro familiar mantiña tradicionalmente fóra do seu control. 

Así, aos requirimentos organizativos –económicos, por tanto--  que se lle fan a un emprendedor (estrutura propia ou contratación exterior en campos como a organización, medio ambiente, prevención de riscos, saúde laboral, control contábel para a fiscalidade, obrigas estatísticas, asesoría xurídica,  seguridade industrial, etc.)  súmase a usura –un delito regulado por lei de 1908—que aparece axiña, en primeiro lugar por parte da banca, mais tamén secundada por outros axentes imprescindíbeis, entre eles a propia Administración.

Un atraso nas obrigas coa administración, a Axencia Tributaria ou a Tesourería da Seguridade Social poden significar recargos de ata o 35% en poucos meses, o que supera o 100% de xuros anuais.

As administracións locais tenden a considerar as taxas das empresas sen discriminar polo seu tamaño e tipo de actividade e polo tanto de consumos.   Así vemos exemplos de verdadeiro escándalo na aplicación dos mínimos de subministración de auga ou de recollida de lixo, que poden chegar a superar o 500% do prezo por litro/quilo habitual.

En plena crise o SEPES pasa a ofertar as parcelas que non ten vendidas na interminábel e profusa dotación de polígonos industriais (tamén chamados parques empresariais) repartidos sen criterio e sen control por todo o pais; pasa a ofertar, digo, a metade de prezo ou menos aínda parcelas iguais e veciñas das que os máis ilusos emprendedores xa compraron e pagaron.  E como por arte de maxia, o balance distas empresas, que tiña parcelas e naves no activo con prezo real pagado, pasan a ter un prezo de mercado que mesmo invalida o balance aos efectos de solvencia financeira e mesmo pode ser causa de situación de creba de facto, coas consecuencias subseguintes en todos os planos, mesmo o de responsabilidade persoal dos socios e administradores.

A Banca emprega subterfuxios, clasificacións das operacións ou bautizos caprichosos dos cargos, para converter en imposíbel a difícil obriga de devolver préstamos ou adiantos financeiros de operacións falidas, tan comúns nos últimos tempos.

Así, os gastos financeiros son parte fundamental da conta de explotación de calquera pequena empresa,   podendo  encontrar que doadamente acadan ate dez veces o capital social.   Mentres, os presuntos representantes patronais cargan as tintas sobre o despido barato, tipos de contrato e outras lerias.

Como xa advertín algunha vez a responsábeis bancarios e da propia administración, o sistema vive máis dos que a duras penas resisten, entregando  o produto do seu esforzo en forma de recargos, xuros, gastos diversos, costas, demoras, etc., etc. en aras dunha rotación predeterminada e básica para que o invento funcione, para que o invento lles funcione a eles.  

O tinglado está montado en pirámide escorregadiza, á que permiten achegarse toda clase de ilusos ou desesperados, e de cando en vez aplican unha sacudida e se desprenden irremisibelmente capas de emprendedores que arrastran o seu respaldo anímico e familiar, e volta a empezar.

Eis os outros lanzamentos.   Miles de naves industriais, equipadas e capaces, que non obstante non están ao servizo do crecemento do país, do traballo das súas xentes.  Son o monumento ao sistema depredador, son a homenaxe ao delirio antisocial.

 

Neste exemplo, unha certificación endosada por un cliente acabou sendo “capturada” por orde xudicial a favor de terceiros (ou cuartos), producíndose a devolución que da lugar a unha incomprensibel acumulación de débeda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.