En cumprimento da Lei da memoria histórica 52/2007, de 26 de decembro, o Pleno da Deputación da Coruña de 29 de xullo de 2016 acordaba, por unanimidade, “proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida despois do golpe militar de 1936, eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”. O Pleno de 26 de outubro de 2018 aprobaba, sen ningún voto en contra, as seguintes medidas: “Instar os concellos da provincia ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica, eliminando os restos de simboloxía franquista (escudos, insignias, placas, nomenclátor das rúas, inscricións etc), distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e honores a golpistas e franquistas”.
O Pleno de 29 de marzo de 2019 aprobaba, por unanimidade, unha “Declaración institucional sobre a retirada de honras e distincións a persoas vencelladas ao levantamento militar de 1936 e ao franquismo”, e acordaba: “1. Proceder ao longo de 2019 a aprobar un novo Regulamento de Honras e Distincións. 2. Elaborar un catálogo de honras, distincións e simboloxía franquista. 3. Incoar o correspondente expediente, seguindo os procedementos oportunos para invalidar todas as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de exaltación de persoas vencellas ao levantamento militar do 36 e á represión da ditadura, así como para eliminar a simboloxía franquista nos edificios pertencentes á institución provincial”.
A presidencia da Deputación ten coñecemento da existencia desta simboloxía franquista desde decembro de 2018, que entreguei persoalmente un escrito por rexistro. O 13 de novembro de 2019, tamén por rexistro, un colectivo de presas e presos políticos de Galiza na ditadura entregamos un novo escrito: “Hai que acabar con esta lamentable situación, unha auténtica ofensa e humillación para todas as vítimas do franquismo […] Ofrecemos a nosa colaboración para participar en calquera Comisión ou organismo que se puidese constituír para a eliminación da simboloxía do franquismo”. Nunca tivemos resposta.
Os tempos son chegados. Despois de 13 anos da Lei de Memoria Histórica, por que non se cumpre esa lei? Por que non se executan os acordos da Deputación sobre a eliminación da simboloxía franquista? Onde está o catálogo de honras, distincións e simboloxía franquista de toda a provincia? Evidentemente, estamos ante unha falta de vontade política e o presidente da Deputación da Coruña debería explicar por que un expediente tarda dous anos en cumprimentarse.
Estes son os 37 símbolos franquistas que quedan por retirar e unha breve información que xustifica a súa eliminación, recollida do meu libro OS RESTOS DO FRANQUISMO EN GALIZA.
RETRATOS DE PRESIDENTES NA DITADURA E ATÉ AS PRIMEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE 1979, QUE ESTÁN NO SALÓN DE PLENOS (7)
Juan José Barcia Goyanes (29-10-1938 a 28-10-1939); Emilio Romay Montoto. (1929-1930 e 1939-1950); Diego Delicado Marañón (1950-1961); Rafel Puga Ramón. (1961-1970); Ángel Porto Anido (1970-1974); Lino Rodríguez Madero (1974-1977) e Manuel Fraga Solar (1977-1979).
O deputado provincial de Lugo polo BNG e responsábel de Memoria Democrática, Efrén Castro, executaba un acordo do goberno provincial (PSOE-BNG) e retiraba do salón de plenos en agosto de 2020 os retratos dos presidentes da Deputación na Ditadura de Primo de Rivera (de 1923 até 1931) e desde 1936 até as eleccións democráticas de 2019.
O goberno municipal de Bilbao (PNV-PSOE) consideraba “ilexítimos” os alcaldes até abril de 1979 porque non foron elixidos nunhas eleccións democráticas e retiraba a eses alcaldes todas as rúas e distincións.
DISTINCIÓNS HONORÍFICAS (27)
Fillos adoptivos (17)
Enrique Cánovas Lacruz (5-1-1937), Florentino González Vallés (5-1-11937), Luís Tovar Alonso (5-1-1937) e Pablo Martín Alonso (5-1-1937), militares golpistas que organizaron a sublevación militar da Coruña o 18 de xullo de 1936.
A Coruña (alcaldía do PSOE) retiraba a Enrique Cánovas Lacruz a distinción de Fillo Adoptivo o 1 de marzo de 2010.
José Antonio Girón de Velasco (25-9-1950). Falanxista, ministro de Traballo na ditadura.
As Pontes, sendo alcalde Valentín González Formoso (PSOE), actual presidente da Deputación, retiráballe a Medalla de Prata en xaneiro de 2009 e A Coruña (alcaldía do PSOE) a distinción de Fillo Adoptivo o 1 de marzo de 2010..
Rafael Hierro Martínez (24-3-1951). Gobernador Civil e Director Xeral de Seguridade.
A Coruña (alcaldía do PSOE) retiráballe a distinción de Fillo Adoptivo en 2010
Diego Salas Pombo. (29-8-1951). Falanxista, gobernador, procurador nas Cortes franquistas.
Valencia (goberno Compromís-PSOE) retiráballe a Medalla de Ouro en xullo de 2016.
Fernando Suárez de Tangil (25-5-1952). Vicepresidente das Cortes, ministro na ditadura.
Burgos (alcaldía do PP) retiráballe por unanimidade o título de Fillo Adoptivo no Pleno de 6 de outubro de 2017.
Antonio Pedrosa Latas (27-6-1953). Falanxista, participou na represión.
Lugo (alcaldía do PSOE), retiraba a Medalla de Ouro o 4 de maio de 2015
Francisco Delgado Serrano (28-7-1953). Golpista, Capitán Xeral de Galiza na ditadura.
A Coruña (alcaldía do PSOE) retiraba a distinción de Fillo Adoptivo en 2010.
José Manuel Pardo Santayana (27-11-1953) e Cristóbal Graciá Martínez (29-8-1960), os dous falanxistas e gobernadores da Coruña.
Numerosos concellos retiraron as rúas e distincións a gobernadores civís na ditadura. En Madrid foi eliminada a praza de Carlos Ruiz, gobernador civil de Madrid (1941-1954) cos votos a favor de Ahora Madrid, PSOE e Cs. O pleno de Barcelona de 25 de xaneiro de 2019 (alcaldía de BComú e voto a favor, entre outros, do PSC-PSOE) retiraba a Medalla de Ouro a Antonio Ibáñez Freire, gobernador civil de Barcelona (1963-1966).
Cirilo Cánovas García (26-10-1959). Falanxista, ministro de Agricultura na ditadura.
Valencia (goberno Compromís-PSOE) retiráballe a distinción de Fillo Adoptivo o 28 de xullo de 2016.
Fermín Gutiérrez de Soto (27-2-1960). Golpista, Capitán Xeral de Galiza na ditadura.
A Coruña (alcaldía do PSOE) retiráballe a Medalla de Ouro da Cidade en 2010.
Manuel Fraga Iribarne (27-11-1965). Ministro de Información e Turismo na Ditadura.
Ferrol (alcaldía de Ferrol en Común e votos a favor de PSOE e BNG) retiráballe o 25 de abril de 2019 a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1965. A Coruña (alcaldía de Marea Atlántica e votos a favor do PSOE e BNG) acordaba o 6 de maio de 2019 iniciar o expediente para retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1968. Cedeira (alcaldía do PSOE e voto a favor do BNG, que presentaba a moción) acordaba en marzo de 2020 retirarlle a avenida; e o pleno de 2 de outubro de 2020 aprobaba (votos a favor do PSOE e BNG), iniciar o expediente para retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo.
O manifesto NON QUEREMOS O “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, impulsado por 44 presas e presos políticos de Galiza na ditadura, tivo o apoio de 63 historiadoras e de 56 entidades de toda Galiza.
Laureano López Rodó (27-11-1965) e Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (19-5-1973), os dous ministros na ditadura, perderon as distincións de Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto, respectivamente, no pleno de Compostela de 19 de xullo de 2018 cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG.
Fillos predilectos (7)
Emilio Romay Montoto (10-2-1950). Presidente da Deputación na ditadura.
Valencia (goberno Compromís-PSOE) de 28 de xullo de 2016 retiraba a distinción de Alcalde Honorario a Adolfo Rincón de Arellano García, presidente da Deputación (1958-1969).
A Deputación de Badaxoz (presidencia do PSOE) catalogaba en decembro de 2017 un total de 253 restos da guerra civil e da ditadura nos concellos da provincia, daba un prazo de tres meses para a súa retirada e, en caso de incumprimento, non recibirían subvencións ou axudas públicas, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica de Estremadura. Nese catálogo estaban as rúas de políticos franquistas e presidentes da Deputación de Badaxoz na ditadura: Adolfo Díaz-Ambrona (1949-1965) e o xeneral Carracedo (1965-1970). En Almendralejo (alcaldía do PP) cambiaban unha rúa para non perder unha subvención dun millón de euros.
Fixo o mesmo a Deputación de Cáceres (presidencia do PSOE) e o alcalde de Plasencia (PP), despois de recibir o requirimento, cambiaba a rúa Millán Astray.
Constantino Lobo Montero (27-3-1951). Militar, participou na sublevación de 1936.
As Pontes (alcaldía do PSOE, Valentín González Formoso) retiráballe a Medalla de Prata en xaneiro de 2009.
Ferrol (alcaldía do PSOE) cambiaba a súa rúa por Catalunya o 2 de marzo de 1981.
Salvador Moreno Fernández (29-8-1951). Golpista, almirante da Armada e ministro.
Ferrol (alcaldía do PSOE) cambiaba a súa rúa por Irmandiños en 1981.
Pontevedra (alcaldía do BNG e voto a favor do PSOE) cambiaba a súa rúa por Rosalía de Castro en outubro de 2002.
José María Rivero de Aguilar Otero (28-12-1951), militar e subsecretario de Obras Públicas, e Francisco Núñez Rodríguez (28-11-1968), almirante da Armada e Capitán Xeneral de Ferrol até abril de 1968, participaron na sublevación de 1936.
A Coruña (alcaldía do PSOE) acordaba o 1 de marzo de 2010 retirar as distincións aos Capitáns Xenerais de Galiza na ditadura: Fillo Adoptivo a Francisco Delgado Serrano e Mohamed Ben Mizzian Bel Kasem, e Medalla de Ouro a Fermín Gutiérrez de Soto.
A Deputación de Barcelona retiraba por unanimidade o 30 de xuño de 2016 a Medalla de Ouro a José Moscardó Ituarte, Capitán Xeneral da IV Rexión Militar na ditadura.
José Fariña Ferreño (27-6-1953), fascista, enlace dos golpistas cos sublevados de Andalucía, e o falanxista Enrique Salgado Torres (30-7-1970), participaron na represión.
Cádiz aprobaba a retiraba do nome de Fariña Ferreño dun grupo de vivendas en xullo de 2018.
Ferrol (alcaldía do PSOE) cambiaba en 1981 a rúa Salgado Torres por Alcalde Quintanilla Martínez, socialista fusilado polo franquismo en 1936.
Medalla de Ouro (2)
Evaristo Martín Freire (26-3-1966). Falanxista, golpista, Gobernador Civil da Coruña.
Varias deputacións acordaba retirar as distincións a gobernadores na ditatura, Así, a Deputación de Valencia (goberno PSOE-Compromís) aprobaba por unanimidade no pleno de 18 de xullo de 2016, retirar a Medalla de Ouro da provincia a Jesús Posada Cacho (gobernador civil de Valencia de 1960 a 1962 e pai de Jesús Posada, ex–presidente do Congreso polo PP).
Pedro Barrié de la Maza (17-5-1971). Empresario franquista
O Pleno da Coruña de 1 de outubro de 2020 (votos a favor do PSOE, Marea Atlántica e BNG) aprobaba trasladar á Comisión Municipal de Memoria Democrática o estudo de retirar a Barrié a avenida, retrato e distincións. O Pleno de Sada de 28 de xaneiro de 2021 acordaba, cos votos a favor de Sada Maioría, BNG, PSOE e Alternativa dos Veciños, retirar a Barrié unha avenida, o nome dun colexio e a distinción de Fillo Adoptivo.
Medalla de Prata (1)
Javier Pardo Bedia (12-7-1969). Vicepresidente da Deputación na ditadura.
Alcázar de San Juan (alcaldía do PSOE) retiraba a rúa a José María Aparicio Arce, presidente da Deputación de Cidade Real na ditadura.
CENTROS DE ENSINO (2)
IES Rafael Puga Ramón
Fogar Infantil Emilio Romay
Rafael Puga Ramón e Emilio Romay son dous ex-presidentes da Deputación da Coruña que dan nome a centros educativos, dependentes da deputación. Xunta de Galicia, concellos e deputacións cambiaron o nome de centros de ensino de presidentes de deputacións na ditadura
O IES Diego Delicado (presidente da Deputación na ditadura de 1950 a 1961) xa cambiou o seu nome (hoxe IES Urbano Lugrís), sendo Manuel Fraga presidente da Xunta. Outro centro educativo, dependente da Deputación da Coruña, como o IES Calvo Sotelo da Coruña, tamén cambiou o seu nome por Rosalía Mera en xaneiro de 2021.
O CEIP Príncipe Felipe –integrado na Cidade Infantil Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra, con presidencia do PSOE– pasa a chamarse Daría González (DOG, 1-6-2020), sendo Feijóo presidente da Xunta.
O concello de Sevilla (alcaldía do PSOE) cambiaba en xaneiro de 2017 o nome do CEIP Benjumea Burín, que foi Presidente da Deputación (1936-1940), por Concepción Estevarena, poeta romántica do século XIX, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. Anteriormente, o pleno de 18 de xullo de 2008 acordaba, por unanimidade, retirarlle unha rúa.
PLACAS (1)
Placa “Polideportivo Calvo Sotelo” no vello IES Calvo Sotelo.
O Pleno da Deputación xa cambiou o nome deste instituto.