Hacer España grande otra vez. Así é como se chama o programa para as eleccións xerais do 26 de xuño de 2016 do partido Vox, fundado hai só cinco anos. Nunha rápida ollada a este documento oficial –se cadra o máis importante (e difícil de atopar) da formación– pódense detectar algúns elementos significativos: ultranacionalismo español, centralismo e antiautonomismo, aversión á construción europea, rexeitamento da inmigración (pola presión migratoria, o impacto socioeconómico e a mingua da seguridade pública), relevancia das medidas centradas no exército, na policía e na política criminal, tradicionalismo católico, antifeminismo (é dicir: condena da “ideoloxía de xénero”), oposición á familia formada por pais do mesmo sexo, antiabortismo, natalismo, abolicionismo en materia de traballo sexual, desaprobación da eutanasia, fomento do ensino privado, antisindicalismo, potenciación do sistema de capitalización en materia de pensións, etc.
A chamada excepción española era, polo visto, un espellismo
Dous anos e medio despois de publicarse este contundente ideario, a sorpresa entre nós foi maiúscula: resultou que si foi posíbel mobilizar unha parte considerábel da dereita a prol dun partido extremista. Nas eleccións ao Parlamento de Andalucía do 2 de decembro de 2018, Vox obtivo case o 11% dos votos. A chamada excepción española era, polo visto, un espellismo. Porén, durante anos, os estudos sociolóxicos foran concluíntes: o segmento do electorado que se identificaba coa extrema dereita era insignificante; as ideas euroescépticas e eurofóbicas eran minoritarias; as posturas contrarias á inmigración estaban por debaixo da media europea.
Disque estabamos inmunizados contra o xurdimento dunha ultradereita relevante, algo moi rechamante no noso contexto de inseguridade económica, de altísima taxa de desemprego, de crecente desigualdade, de aumento da poboación inmigrante, de desprestixio do estamento político, de crise institucional e de mudanzas radicais como o matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou o dereito ao aborto. Ademais, todos sabemos que foi o fascismo o que precipitou a Europa ao desastre máis grande de todos os tempos; e que en España, a democracia foi precedida dunha longa e brutal ditadura de dereitas.
Aínda está por ver se Vox acaba explicitando o seu acervo nacionalcatólico
Vox irrompeu inesperadamente no campo político como un caso claro de nacionalpopulismo. Pero non é un fenómeno especificamente español. De feito, forma parte dunha tendencia global no mundo occidental: desde os EUA de Trump até a Italia de Salvini pasando polo Brasil de Bolsonaro, a Gran Bretaña do Brexit, Francia, Alemaña, Suíza, Austria, Grecia, Hungría, Polonia, Suecia, etc. No último lustro, a extrema dereita europea medrou por riba do 10%. Os partidos populistas de dereitas son moi diversos, pero a maioría teñen en común a xenofobia (a invención do inmigrante como novo chibo expiatorio), o soberanismo antieuropeísta e o antifeminismo. No noso caso, aínda está por ver se Vox acaba explicitando o seu acervo nacionalcatólico. Polo de agora, os bispos recibiron o seu auxe divididos entre a indisimulada alegría de algúns (como o de Córdoba) e a aparente preocupación doutros (como o voceiro da Conferencia Episcopal). Semella tamén que hai unha boa sintonía ideolóxica con Vox de membros do Opus Dei, do Camiño Neocatecumenal e de HazteOir (organización católica da cal parece ser membro o equívoco presidente de Vox, o vasco Santiago Abascal).