Un gravísimo atentado contra os dereitos laborais acaba de ser retransmitido en directo e non se viu que nin un só dos nosos medios mainstream, celosos defensores da orde constitucional, denunciase o seu carácter despótico. Os traballadores da empresa privada que, contratada pola sociedade mercantil estatal AENA, xestiona o control de seguridade dos pasaxeiros no aeroporto barcelonés de El Prat, decidiron convocar unha folga indefinida. O Goberno de España impúxolles uns servizos mínimos do 90% (sic!) e mais a presenza de funcionarios da Garda Civil, é dicir, da policía entre cuxas atribucións está precisamente a custodia dos aeroportos.
A xogada foi perfecta. Na década pasada rendéuselle tributo á dogmática neoliberal e comezou a privatización deste servizo estratéxico. Despois, os traballadores das empresas adxudicatarias tiveron que soportar uns recortes salariais brutais que agora, cando a crise disque xa está superada, non se compensan. E este persoal foi colocado nunha situación laboral impropia dun Estado que se define como social e que recoñece o dereito á folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses. Tomemos nota e preguntémonos: este capitalismo segue a ser compatíbel coa democracia?
En 2016, en Nos mythologies économiques, Éloi Laurent chegou á conclusión de que a economía, entendida xa como unha fe, se converteu na gramática da política. O neoliberalismo atopou na UE un marco institucional ideal. A actuación das administracións española e catalá no conflito aeroportuario amosa claramente a realidade do pensamento atrincheirado en todos os niveis de gobernanza: non é que os poderes públicos non interveñan, é que interveñen a prol dos actores económicos máis poderosos. Tomemos nota e constatemos: a regresión social que supón o empeoramento das condicións de traballo recibe o apoio activo das institucións democráticas!
Laurent lémbranos que as desigualdades son, alén de inxustas, ineficientes. Alimentan unha clase social que se limita a vivir de rendas, reducen os recursos destinados á saúde, á educación e á innovación, danan o medio e paralizan a sociedade e a democracia. A desigualdade é contraria ao dinamismo económico e ten un elevadísimo custo social. O exemplo do sistema sanitario dos EUA é significativo: a reforma implementada polo presidente Obama supuxo o aumento do número de beneficiarios do seguro médico e, á vez, unha baixada do gasto do sistema. Tomemos nota e digámolo ben claro: non queremos seguir pagando unha factura tan alta!
A gramática neoliberal demostrou ser incompatíbel coa democracia. Colocar os mitos económicos por diante da política é unha aberración que nos conduce ao desastre institucional, social, económico e ambiental. Neste contexto resulta inconcibíbel que a esquerda non se una tras un programa de mínimos como o que foi ideado hai case un século por John Maynard Keynes e deu lugar á era máis brillante da democracia e da economía capitalista. A policía debe recuperar o control de seguridade nos aeroportos. E, mentres tanto, os traballadores deben poder reclamar o poder adquisitivo que se lles roubou, e necesitan que o Estado lles garanta os seus dereitos. Por xustiza, por eficiencia e porque o contrario é un paso máis cara á barbarie.