Pagar por traballar

Calculadora Dominio Público

Vostede xa non é unha “fracasada” nos seus corenta que cobra medio SMI e comparte un piso alugado de prezo inalcanzable e habitabilidade máis que cuestionable mentres tenta poñer en marcha un negocio. É unha millenial frigana cun minijob que emprende un proxecto uberizable desde un coworking, vive en coliving ou small living, vai de vacacións con house sitting e enche a neveira a base de dumpsting

Está en boga nomear a precariedade con neoloxismos, preferiblemente anglicismos. A linguaxe estiliza a miseria para transformala nun xeito de vida recendente. Segundo a narrativa, vostede xa non é unha “fracasada” nos seus corenta que cobra medio SMI e comparte un piso alugado de prezo inalcanzable e habitabilidade máis que cuestionable mentres tenta poñer en marcha un negocio. É unha millenial frigana cun minijob que emprende un proxecto uberizable desde un coworking, vive en coliving ou small living, vai de vacacións con house sitting e enche a neveira a base de dumpsting

Non versa hoxe esta miña reflexión arredor da súper poboación mundial, a desenfreada rolda de hámster da produción e o consumo, o desbalde ou a emerxencia ambiental, onde estas estratexias para redistribuír recursos poden acadar sentido no plano teórico. Porque non xorden con ese obxecto. Son medidas desesperadas ás que a infinita capacidade resignificadora do capitalismo dota axiña dunha pátina romántica (cool) e fai tendencia con só cambiarlle o nome.

O último fito é cobrar por facilitar o acceso a unha entrevista de traballo, algo que sofre principalmente, de momento, a xente máis precaria. Vaticino que, en breve, terá máis posibilidades quen máis poxe pola entrevista. Non é legal e non son precisamente as empresas de “recursos humanos” nin as multinacionais quen o fan, pero está a acontecer e colle forza. 

Por outra banda, o auto emprego agora é emprendemento. Polo menos, o termo non está en inglés, aínda que o eufemismo oculta que adoito é a única vía de acceso ao ámbito laboral

Por outra banda, o auto emprego agora é emprendemento. Polo menos, o termo non está en inglés, aínda que o eufemismo oculta que adoito é a única vía de acceso ao ámbito laboral. As autónomas computamos como empresas, personalidades xurídicas, pero na meirande parte dos casos só somos cidadás que tentamos sobrevivir na xungla do mercado laboral ofrecendo bens e servizos ou tentando levar adiante proxectos transformadores. 

Noutros estados, non menos capitalistas ca este, as traballadoras por conta propia só cotizan se facturan e importes moito menores ca os nosos. O dato significativo é que unha autónoma con ingresos de 700€ mensuais, en Portugal pagaría 20€, no Reino Unido 14,68€ e en Francia 101,50€, mentres que aquí son case 235€.

Noutros estados, non menos capitalistas ca este, as traballadoras por conta propia só cotizan se facturan e importes moito menores ca os nosos. O dato significativo é que unha autónoma con ingresos de 700€ mensuais, en Portugal pagaría 20€, no Reino Unido 14,68€ e en Francia 101,50€, mentres que aquí son case 235€

Esa fórmula é aquí unha vella vindicación que en 2023 nos comunicaron acadada: o teórico sistema de cotización por ingresos entraba en vigor. A alegría durou pouco. Na práctica, as cotas seguen a ser elevadas, e obrigadas tanto os meses que facturemos coma os que non. Anótese que facturar e cobrar non son sinónimos e, moito menos, actos simultáneos. Isto é o que as nosas gobernantes coñecen do sistema: pensan que facturación é o mesmo ca rendemento. Ben se ve que a ministra Díaz sabe abondo de sindicalismo, mais pouco da nosa realidade.

Fago a conta: unha autónoma que facture 700 euros ao mes, logo de pagar os case 235 de seguridade social disporá de 465 para sufragar os gastos fixos (xestoría, teléfono, internet...), moverse para traballar e investir nos seus proxectos. Cabe supoñer que pretenderá comer, ter un teito, asearse... e pode que precise unhas gafas, ou ir á clínica dental. Aquí a lóxica do SMI nin está nin se lle agarda. É posible que o propio estado lle embargue os ingresos se non paga unha cota, cobrándolle despois o IVE como se o tivese recibido.

 A cousa avanza cal bóla de neve. Por iso penso que, se cadra, ten sentido que a xente nova se afaga a pagar por entrevistas de traballo, a vivir en nove metros cadrados coa cama sobre o inodoro e inxerir calorías en cadeas de comida lixo ou procedentes de alimentos recuperados nos colectores dos supermercados, mentres consomen cultura pirateada, moda rápida e fake news

Ante este razoamento, alguén me dixo unha vez que daquela, se cadra o negocio da autónoma non é viable. Non llo discuto. Pero resulta que o “emprendemento” non é instantáneo nin máxico. Que poñer en marcha un proxecto precisa investimento e tempo. Que as tarifas planas na cotización case nunca achegan os prazos precisos, e segue a haber que pagar, por pouco que sexa ao comezo, mentres non se factura. Esas tarifas planas empezan en 80€ para non societarias, as das societarias en 315€. Claro. Se estás a pagar por traballar malia que non ingreses, a conta torna inviable. 

Anunciou onte a ministra Saiz que abren mesa de diálogo coas autónomas para explicarnos o asunto. Tamén, que pretenden facilitar que a xente poida traballar estando de baixa. A cousa avanza cal bóla de neve. Por iso penso que, se cadra, ten sentido que a xente nova se afaga a pagar por entrevistas de traballo, a vivir en nove metros cadrados coa cama sobre o inodoro e inxerir calorías en cadeas de comida lixo ou procedentes de alimentos recuperados nos colectores dos supermercados, mentres consomen cultura pirateada, moda rápida e fake news. É un bo adestramento para o lles vén acto seguido. E, de seguro, axiña terá un nome inspirador. En inglés, por suposto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.