Palestina

Isaac Rabin, Bill Clinton e Yasser Arafat durante a sinatura dos Acordos de Oslo Dominio Público

Co mundo pendente da pandemia, Donald Trump e Benjamin Netanyahu porán fin efectivo a semana próxima ao proceso de paz que seguiu á sinatura dos acordos de Oslo en 1993. O primeiro ministro israelí fixou o 1 de xullo como a data para iniciar o plan de anexión unilateral de parte dos territorios ocupados de Cisxordania. Aínda que os palestinos clamen por un Estado coas fronteiras de 1967 co preciso aval da legalidade internacional, aínda que conten co apoio formal da inmensa maioría da comunidade internacional, que os asentamentos israelís sexan ilegais, etc., Netanyahu seguirá adiante, a sabendas de que conta co apoio estadounidense e que ninguén vai facer nada por impedilo.

Co mundo pendente da pandemia, Donald Trump e Benjamin Netanyahu porán fin efectivo a semana próxima ao proceso de paz que seguiu á sinatura dos acordos de Oslo en 1993

O plan de anexión é parte do plan de paz para Oriente Medio do presidente Trump, o chamado “Acordo do Século”, presentado a comezos deste ano. Equipos técnicos dos EUA e de Israel levan meses traballando nos mapas que delimitarán as zonas que se anexará Israel. Algúns medios informaron que Tel Aviv contempla un plan en dúas etapas. Na primeira, a anexión afectaría a un 10 por cento de Cisxordania e a segunda incluiría o val do Xordán e o norte do Mar Morto, en total, arredor do 20 por cento da Cisxordania. Os palestinos quedarían relegados a uns territorios ocupados que comprenden o 22 por cento da Palestina histórica. Nas zonas anexadas, seguirán sendo cidadáns de segunda clase. 

Con independencia do ritmo de implementación do plan, dáse por descontado que virá da man de novos episodios de protesta e violencia, a única expresión de impotencia que resta á poboación palestina. A comunidade internacional, dende a Rusia, China, os países árabes ou a UE, seguirá mirando para outro lado sen mais incomodo que a pura retórica. Deixándoos da man, ninguén, nin Xi Jinping, nin Putin, nin Merkel, nin Macron, entre tantos, secundarán a demanda de Mahmoud Abbas, para concretar un proceso de paz alternativo ao plan de Trump. A ONU dixo que de levarse adiante suporía unha violación “moi grave” do dereito internacional. Pois, molt bé. 

O que pase cos palestinos e os seus dereitos humanos a ninguén importa. Non son hongkoneses, nin uigures, nin tibetanos, poñamos por caso

O plan israelí supón que a creación dun estado palestino será mais inviable ca nunca. Coa anexión, a solución dos “dous estados” será imposible e a fragmentación subseguinte acentuará a división entre a poboación. Só falta unha nova limpeza étnica para culminar a liquidación dos dereitos palestinos. 

Netanyahu poderá despois convocar novamente ás urnas para capitalizar os éxitos da presidencia Trump, a máis cómplice coas autoridades israelís. O que pase cos palestinos e os seus dereitos humanos a ninguén importa. Non son hongkoneses, nin uigures, nin tibetanos, poñamos por caso. Só importa como avanzar imparables sobre o terreo para contentar ao electorado e repañar votos ao seu socio e competidor Benny Gantz. Así se estila a nova normalidade na zona. E no mundo. Cruel. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.