Quero aproveitar que “Sempre en Galicia” de Montevideo (o programa en galego máis antigo do mundo) cumpre 74 anos para pedir que o vindeiro ano viaxemos ata a capital da miña moi recordada República Oriental do Uruguai para participar nas celebracións do 75º Aniversario
Quero aproveitar que “Sempre en Galicia” de Montevideo (o programa en galego máis antigo do mundo) cumpre 74 anos para pedir que o vindeiro ano viaxemos ata a capital da miña moi recordada República Oriental do Uruguai para participar nas celebracións do 75º Aniversario. Coido que estamos en débeda cos emigrantes que o 3 de setembro de 1950 deciden homenaxear a Castelao (falecido en Bos Aires no mes de xaneiro) por medio da fundación dunha audición radial que fose emitida enteiramente no noso idioma.
Aqueles galeguistas (Canabal, Crestar, Couceiro, Leiras, Meilán, Pita, Somoza) eran admiradores e seguidores do ideario do nobre rianxeiro e sentíanse moi doídos polo seu pasamento. Naqueles tempos a radio era un medio de comunicación que tiña moita audiencia e a idea era a de achegarse aos fogares dos galegos emigrados no Río da Prata (por onda corta tamén se podía escoitar na capital arxentina) para alumear con sentimento e así manter a nosa identidade diferenciada.
O custe do espazo radial era pagado polos propios fundadores e tamén por un pequeno grupo de amigos que cada mes pagaba unha cota de colaboración. Cando se producía algunha baixa na recadación, polo que fose, alí estaba sempre a man xenerosa de don Xesús do Amenal (Xesús Canabal Fuentes) para arranxar o asunto. Ata a morte de Manuel Meilán Martínez (o último dos fundadores e director desde 1950) o espazo foi pagado por particulares (entre eles os propios redactores-locutores) e logo pasou a ser unha responsabilidade do “Patronato da Cultura Galega” xa que recibiu a honrosa herdanza de manter activa a voz dos loitadores devanceiros.
Hai que ser agradecido e por iso fago un chamamento para que os cidadáns galegos, mediante a súa xestión persoal diante das autoridades que xulguen comenentes, soliciten a celebración de actividades culturais na capital uruguaia no vindeiro 2025 e así poder berrar forte VIVA SEMPRE EN GALICIA DE MONTEVIDEO! Eu penso que este programa radial é un importante fito dentro da longa historia da nosa emigración e debe ser tido en conta pois fortalece o noso espírito.
Estou a pensar en que hai dous concellos galegos (o de Carballo e do Rianxo) que teñen sobrados motivos para achegarse a Montevideo é celebrar unha Festa da Irmandade Emigrante
Estou a pensar en que hai dous concellos galegos (o de Carballo e do Rianxo) que teñen sobrados motivos para achegarse a Montevideo é celebrar unha Festa da Irmandade Emigrante. Os rianxeiros, xa que “Sempre en Galicia” é unha homenaxe cotiá a Castelao e tamén porque foi o “Patronato da Cultura Galega” o que fixo a doazón do busto a Castelao que se instalou no paseo da Ribeira en 1975. Quero dicir que sería moi fermoso que cincuenta anos despois, o actual alcalde dixese en Montevideo: Graciñas, Patronato da Cultura Galega. Os carballeses, pois tamén teñen que sentir orgullo de que diante do micrófono de Sempre en Galicia leva 30 anos ininterrompidos Xosé Antonio García de Seárez (Toni de Seárez). O meu prezado amigo naceu en Sofán e reside en Montevideo desde o seu casamento coa filla montevideana duns emigrantes carballeses. O meritorio labor de Toni (director-locutor-redactor) debe ser premiado xa que o seu bo facer e a súa constancia manteñen a emoción de poder falar na nosa lingua en terras uruguaias.
Por suposto, ademais de Rianxo e Carballo, espero contar con achegas de entidades e institucións para que o mes de setembro do 2025 sexa unha conmemoración inesquecible (no recordo de moitos permanece a moi exitosa celebración do 40º Aniversario con “Milladoiro” do Teatro Solís) para agradecerlle aos que na outra beira do mar mantiveron acesa a lareira da galeguidade. Non quero esquecer de informar que un dos fundadores de Sempre en Galicia foi o deputado republicano, Alfredo Somoza Gutiérrez, que fora presidente da Deputación Provincial da Coruña en 1931 e que outros dous fundadores, Canabal e Meilán, recibiron a Medalla Castelao. O certo é que Sempre en Galicia merece as máximas distincións pero sei que o mellor agasallo será achegarse a Montevideo para ofrecerlle unha fonda aperta colectiva aos descendentes dos fundadores, redactores, locutores, colaboradores e aos directivos do Patronato da Cultura Galega. Haberá discursos que farán louvanza do mérito de manterse, desde 1950, nun ético sulco de identidade pero quizais o máis emotivo sexan as dúas palabras finais: Graciñas, Moitas Grazas.