PCR anal

Fragmento dunha das estampas de 'Cousas da vida' de Castelao Dominio Público

*A Iván Vaqueiro, in memorian

Hai que sobrevivir a unha pandemia –aínda que sexa coa alma destrozada- para saber que calquera individuo en forma prefire salvarse antes de se converter nunha manchea de cinza

O ser humano é un artiluxio complexo e sorprendente. Hai que sobrevivir a unha pandemia –aínda que sexa coa alma destrozada- para saber que calquera individuo en forma prefire salvarse antes de se converter nunha manchea de cinza. Pois imaxinen se ese mamífero é unha forza viva con capacidade de movemento. 

Un dos subtítulos máis suxerentes que lin nos últimos anos foi un que aparecía escrito baixo o titular “As forzas vivas enfróntanse na localidade ourensana de Bande”. Ese subtítulo, tratado cun tamaño de letra inxusto, dicía: “O alcalde e a súa muller, deputada do PP, arremeten contra o xefe do posto da Garda Civil, ao que os seus mandos piden “tacto”. Non me importaba tanto o asunto da exclusiva local, como o arrecendo a botica que me traía o corpo da nova; a alcalde obeso que limpa a suor da fronte cun pano e a charol do tricorne. Ese contexto. 

Tivo que chegar a vacina e a posibilidade de ser inmune –que hoxe é o mesmo que sentirse inmortal- para que as forzas vivas volveran ocupar espazo nos informativos. O alcalde. O militar. O bispo. Un fiscal. Sindicalistas liberados. Todas esas persoas con capacidade de representación que promoven a prosperidade do territorio puxéronse os primeiros no censo (fieis ao seu estilo, a súa marca) para subministrarse a vacina. Bástalle unha chamada de teléfono: “Fulano, gárdame unhas cantas”, que é o mesmo que lle din ao promotor de concertos cando contratan a Carlos Baute para cantar no pavillón municipal durante as festas. 

Tivo que chegar a vacina e a posibilidade de ser inmune –que hoxe é o mesmo que sentirse inmortal- para que as forzas vivas volveran ocupar espazo nos informativos

O instinto de supervivencia das forzas vivas sempre pasou porque a xente lles trate de “don”. Ese é o seu verdadeiro medicamento. E aí seguen, indómitos, surfeando sobre a modernidade e adaptándose a madmaxianas distopías. Adáptanse a todo porque todo está estructurado para que podan seguir valéndose do poder da ameaza. O de “se non me votas, se me descubres, se non subcontratas, se non me vacinas, non terás saneamento nin punto de luz diante da casa”. 

Recibimos a vacina como Villar del Río a Mr Marshall: empaquetada no escudo de España e agardada co vítores e aplausos na entrada das residencias e hospitais. Había ilusión e esperanza. Pouco tardaron os dos despachos, cuarteis e casas rectorais, en converter esa fe nun espellismo. De novo a desconfiar das boas novas e a proclamarnos campións do mundo da vergoña. As forzas vivas non respectan a salvación e as ganas de volver a estar como antes. Porque eles son antes. 

As forzas vivas non respectan a salvación e as ganas de volver a estar como antes. Porque eles son antes

-“Aqueles “homes de orden” e aquelas forzas vivas onde están?, preguntáballe un vello de Cousas da Vida de Castelao a outro. 

-Na cadea…, respondía o compañeiro con aire sentimental. 

Gustaríame saber se todos eses homes e mulleres de ben se se porían por diante nunha cola para ser os primeiros en enfrontarse á recén anunciada PCR anal. 

Unha das estampas de 'Cousas da vida' de Castelao Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.