Parece ser que en Lugo, A Coruña e Ourense se está a proxectar a construción de barrios ecolóxicos de nova creación. A noticia resultoume impactante porque, aínda que unha está xa preparada para arroutadas, non sempre é posible acollelas cunha dose importante de desafección.Vostedes preguntaranse por que me preocupa tanto este tema; pois ben, a resposta é doada: son traballadora social e vexo todos os días persoas que ou ben carecen dun teito ou non teñen unha vivenda digna. Por sorte ou desgraza, non me afago á indiferenza. Os meus mecanismos de defensa para non sufrir un espasmo fixeron que me puxese a soñar esperta sobre a imaxe do deseño engaiolante do barrio que aparece no xornal e imaxinei como me gustaría que fose a cidade de Lugo. Tamén pensei que, se eu tivese a capacidade de debuxar o meu soño sobre a cidade, todas as persoas de Lugo quedarían abraidas pola estampa. Pero como non teño un gabinete técnico que me faga ese traballo e tampouco dispoño de medios para poder pagalo, non me queda outra que a imaxinación. Así que, coa humildade descritiva das palabras, aí vai un bosquexo do Lugo que imaxino.
A vista de paxaro, máis da metade dos lousados de Lugo amosarían o escintilar de placas solares ou outros sistemas de aforro enerxético para facer máis sostible o medio ambiente. Pero ao baixar o nivel da rúa imporíanse as cores dos edificios, pintados non de calquera maneira, senón de cores bonitas e pensadas que armonizasen a cidade. Todos os edificios -alomenos aqueles nos que vivisen nenos e persoas maiores- estarían dotados de ascensor. Non habería absolutamente ningunha barreira arquitectónica, e isto marcaría dende o deseño do transporte público ata o acceso ao centro urbano histórico (nunca vin a unha pesoa en cadeira de rodas pola muralla de Lugo), pasando por todos os portais de vivendas.
A cidade que imaxino disporía dun bo sistema de reciclado de lixo, que contemplase a regra das tres erres ecolóxicas (reducir, reciclar e reutilizar), alomenos cun sistema soterrado e/ou protexido. Quen sabe se as hortas urbanas de recente creación, e tamén as de sempre, se poderían beneficiar deste sistema.
Imaxino unha cidade na que houbese tantas axudas á rehabilitación que ningunha casa ou piso dos cascos históricos estivese en malas condicións e sen habitar. Non houbería ningunha vivenda baleira en Lugo e as universidades encheríanse de alumnos que accederían a un alugueiro asequible e digno. Ningunha casa tería humidades nos teitos, ventás que pasan o aire como se estiveses fora, baldosas no chan que se desfán en anacos… Imaxino que as persoas que habitasen estas vivendas, for en réxime de alugueiro ou en propiedade, poderían manter unha temperatura axeitada nos seus fogares, en boa parte con enerxía procedente de fontes renovables.
Que vos parecería se o IGUS comprase vivenda baleira para ter un parque de vivendas sociais suficiente para solucionar os problemas habitacionais, que hai moitos, e de paso regular os prezos dos alugueiros? Postos a imaxinar, que vos parecería se en Lugo houbese espazos pequenos, con árbores, con asentos protexidos que desen lugar á vinculación das personas, sobre todo das persoas maiores que tantas situacións de soidade padecen? E tamén das novas, porque como ben dixo Bauman, a soidade estase a converter en pandemia, e que eu saiba non afecta só á xente maior.
Nesa cidade que soño habería árbores, plantas e moitos espazos onde poder conversar tranquilamente sen ruídos e ao abeiro das condicións atmosféricas, e as persoas desprazaríanse maioritariamente nun transporte urbano eficaz, puntual e dinámico. Quizas unha cidade así sería incluída no informe de cidades sostibles de España, alomenos nalgunha das súas categorías (social, económica ou medioambiental). O noso balneario, que explota as únicas augas termais que temos en Lugo -que por certo son dunha calidade incrible- serviría para que os nosos maiores puidesen recibir tratamentos a prezos asequibles.
Espertando do soño e voltanto a realidade, porque o tempo xoga sempre a súa baza, e coa tensión xa un pouco regulada, pregúntome se cómpre contruír barrios novos cando a cidade de Lugo presenta un abandono nunca visto, sobre todo no seu casco histórico, no que residen arestora menos de 3000 habitantes.
Tamén me pregunto se chegaron a pensar que Ourense e Lugo, nesta orde, son as cidadas que máis vivenda baleira teñen de España segundo o censo do 2011, e que dentro de 10 anos unha terceira parte -botanto moito polo baixo-, das vivendas van quedar baleiras de acordo coa evolución demográfica esperada , que estima que en Lugo, no ano 2025, haberá 11.000 habitantes menos. Precisamente hoxe destaca unha noticia nun xornal galego que dí: "en só seis anos haberá 18000 mortes máis que nacementos".
David Harvey escribe: “el derecho a la ciudad actualmente existente, tal como está ahora constituido, es demasiado estrecho y está en la mayoría de los casos en manos de una pequeña elite política y económica con capacidad para configurar la ciudad según sus propias necesidades particulares y sus deseos más íntimos”. Por pura lóxica, cabe pensar que se a crise é de urbanización, a solución está tamén nese marco. Non é máis ambicioso e tamén máis lóxico facer unha cidade ecolóxica e sostible que un barrio e colóxico? Para que e para quen?
Pois ben, ante a constatación de que as cidades foron tomadas polo capital, toca agora, de forma inminente, articular formas nas que se rescate ás personas para que volten a ser as protagonistas do lugar onde viven, para que non se destrúa a rede social, comercial e local dunha cidade coa creación de novos barrios que non responden a necesidades reais nin sociais senón a intereses particulares disfrazados de ecoloxismo e de valores de sustentabilidade que enfeitizan ás persoas con avances e ilusións que nunca chegan ou chegan só para un poucos. Teño a esperanza de que as persoas reaccionemos e non deixemos gastar os nosos cartos nalgo enganoso. Tiña boa razón Leonidas Donskis en Ceguera moral ao dicir nos diálogos con Zygmunt Bauman: “o poder do demo reside na súa mestría na arte da falsificación”.