Plácido Castro e o ideal galeguista

Plácido Castro, na súa etapa como colaboradoro do Galician Programme da BBC © Fundación Plácido Castro

No centenario da Xeración Nós a mellor homenaxe que podíamos facer é regresar aos nosos “clásicos”, apostar por unha inmersión a fondo nas vigas do pensamento de todo un colectivo que soubo reivindicar Galicia de forma eminentemente construtiva e indo a aquel cerne da nosa identidade

Na idea de “progreso con identidade” radica, en boa medida, o cerne da reivindicación galeguista. Plácido Castro pillouna de contado. A súa particularidade entre os seus coetáneos radica en que chegou a ela a partires, sobre todo, da súa experiencia formativa británica, condicionándoo dende moi novo. Foi en Scarborough e Glasgow onde comprendeu que a afirmación da identidade, o recoñecemento e potenciación dos nosos recursos e activos a todos os niveis, é a base de todo progreso sostible, mesmo para dispoñer dunha importante influencia no mundo: “será a morte de Galicia seguir sendo un país sen emoción propia, un país de imitadores, de europeos de segunda man, unha terra habitada por persoas con esa mentalidade colonial, verdadeiramente aterradora…”. É unha cuestión elemental, de sentido común, pero á que seguimos, como país, dando as costas cada día.

Cando Plácido afirma, poñamos por caso, que “á lingua galega ningunha lle gaña en calidades e posibilidades poéticas” ou cando convida ás nosas clases ricas a estimular a produción de obxectos de arte popular “adornando con eles as súas vivendas en lugar de mercar un exemplar da última serie fabricada por calquera casa de París ou de Madrid”, está a enxalzar as posibilidades do país, tantas por explorar como por dignificar. 

Fronte á vacuidade do discurso político e cultural imperante, atopamos aínda máis sabedoría e aire fresco nas palabras escritas hai cen anos que no marketing palabreiro de hoxe, desprovisto da mais mínima fondura e concibido para durar o tempo dun telexornal

Agora que o centenario da Xeración Nós anímanos a ponderar a excelencia e o enorme talento daquela comunidade intelectual que soubo convocar o galeguismo na primeira metade do pasado século, a mellor homenaxe que podíamos facer é regresar aos nosos “clásicos”, reler as súas obras e reflexións, apostar por unha inmersión a fondo nas vigas do pensamento de todo un colectivo que soubo reivindicar Galicia de forma eminentemente construtiva e indo a aquel cerne da nosa identidade. 

A pluralidade de orixes, de influencias, de vocacións, etc. que connotaron todo aquel empeño transversal, da cultura á política, ten tamén en Plácido Castro un valor singular coa auctoritas de quen viña doutro mundo, cousa que aquí sempre impón. Así, para Plácido debiamos “crear un sistema cultural propio que leve en si o selo inconfundible da nosa individualidade”, e aí explora signos diferenciadores como a saudade e o celtismo, que claramente connotan non só o noso ser senón tamén o noso estatus no mundo; porque do que se trata non é de ser para se apartar senón para se unir. E non só mirando para atrás senón para adiante, porque “crer na ciencia e seguir soñando debe ser o noso lema”. Identidade e progreso sen conflito.

Pagaría a pena tamén ponderar se o nacionalismo contemporáneo aprehende esa fonda mudanza en curso actualmente e se está a influír de modo suficiente na definición das súas políticas

Fronte á vacuidade do discurso político e cultural imperante, atopamos aínda máis sabedoría e aire fresco nas palabras escritas hai cen anos que no marketing palabreiro de hoxe, desprovisto da mais mínima fondura e concibido para durar o tempo dun telexornal. Moito do que Plácido e os da súa xeración escribiron entón resiste o paso do tempo. En gran medida, grazas a eles, o ideal persiste e goza de bases sólidas. Moito gañariamos de lelos máis. 

E a maiores, cabe salientar que todo aquelo deuse nun contexto de cambio de paradigma a nivel mundial, dunha grande inflexión histórica que culminaría varias décadas despois. Hoxe atopámonos nun transo semellante. E pagaría a pena tamén ponderar se o nacionalismo contemporáneo aprehende esa fonda mudanza en curso actualmente e se está a influír de modo suficiente na definición das súas políticas. Igual debera. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.