Poesía en tempos de feras

Luís Valle Regueiro ©

Hoxe imos falar dalguén que coñecemos dende que era unha firme promesa, e que gañou ben gañado o dereito a situarse entre as e os mellores: Luís Valle Regueiro (Lugo, 1977). Con A caída acadou o Premio de Poesía Caixa nova; con Fedor, o Eusebio Lorenzo Baleirón; con As cicatrices do Sol, o Premio Lueiro Rei

Hoxe imos falar dalguén que coñecemos dende que era unha firme promesa, e que gañou ben gañado o dereito a situarse entre as e os mellores: Luís Valle Regueiro (Lugo, 1977). Con A caída acadou o Premio de Poesía Caixa nova; con Fedor, o Eusebio Lorenzo Baleirón; con As cicatrices do Sol, o Premio Lueiro Rei. E seguramente hai e haberá moitos máis, con todo o que significan e o que non os premios literarios.

Luís Valle, que escribiu sempre tendo claro que o galego era a lingua propia da Galiza, presenta agora en castelán Fiebre (AEREA, 2025), o resultado dun rigoroso traballo estendido no tempo, nunha moi particular prosa poética. Unha viaxe a voo de paxaro pola vida, as vidas, os soños que ás veces se cumpren e semellan pesadelos.

Non direi que Fiebre é a versión de As asuras en castelán porque se trata dunha outra lingua e, polo tanto, dun outro libro. Outra musicalidade, outro sentir cos ouvidos, outras representacións xeradas a partir das imaxes de voos rasantes sobre unha realidade adormecida. De calafríos intermitentes. Un anemómetro que contabiliza o vento que respiramos e que chamamos ar.

18:40 Más secreto que el oro, más oscuro que la noche, es el color del hambre.

Pódese comezar por calquera dos versos deste poemario. O resultado vai ser o mesmo: abraio, dor aguda á altura dos riles, sensación de levidade no peito. A cada paso ocorre unha emboscada, unha escusa salvaxe para petar nos restos e nos rastros de humanidade, para humedecer o percorrido. Non hai tregua. Mais quen dixo que a poesía tiña que ser compracente? 

00:00 horas (catorce de julio de mil novecientos setenta y siete, jueves). Nacer a la muerte tal día como hoy.

Pau na caluga. De entrada. Para escorrentar as moscas, as e os insensíbeis, as e os burócratas de quenda.

Un poema longo que remata sen rematar, que interroga dende o abismo, que anula calquera posibilidade de indiferenza. As horas son o detonante das asuras que medran por momentos, as imaxes crávanse coma coitelos polas extremidades, os minutos marcan os puntos de non retorno; aínda que loitan pola vida, resígnanse, simbolicamente, fronte ao estrondo do que non ten explicación. Pode que sexan berro e laio, calma na calma e a proposta de revisar todos os espellos que nos reflicten e trancar as portas para que non entre nin o silencio.

La fiebre es por igual la trucha y el río que ahoga a la trucha...

Luís Valle, que escribiu sempre tendo claro que o galego era a lingua propia da Galiza, presenta agora en castelán Fiebre (AEREA, 2025), o resultado dun rigoroso traballo estendido no tempo, nunha moi particular prosa poética. Unha viaxe a voo de paxaro pola vida, as vidas, os soños que ás veces se cumpren e semellan pesadelos

Non procuredes as saídas de emerxencia, non están habilitadas. Hai que continuar rabuñando nas pedras de toque, escolmando cara a un horizonte baleiro que esqueceu as promesas. Porque este poemario non fai a máis mínima concesión. Hai, para iso, para os reloxos derretidos de Dalí, moitas outras posibilidades. Aquí vimos xogar en serio, vimos abrir as portas dubidosas, a batuxar na lama sen permiso e sen créditos brandos. 

07:03 Nada vigila el pensamiento; el frío llena la palabra paloma de paredes pintadas por la nieve.

Non poderemos fuxir, flúe un algo que late e que convoca e que nos chama e que nos dá labazadas e bicos en proporcións áureas. Non pensedes que sodes quen de pechar as portas que abristes con receo. Temos nas mans moito máis ca un poemario, hai un imago mundi construído con cachos de metal e despoxos do que non fomos e do que somos, malia todo.

El infierno es un alivio. En el infierno no hay tormentas. El infierno es un alivio.

O minutario que regula, que encaixa como se nada as alegacións, pódese volver un minotauro en calquera das saídas. As cicatrices non caltridas enchen os expedientes, sacoden as sabas. Perforan. O paso do tempo é insolente e pragmático. Pouco se pode facer, agás crear viveiros de palabras. Fervedoiros de pensamentos virxes. Fugas nocturnas cara a unha poesía que alimente.

Hay vasos llenos de sangre, campos amarillos hasta el exterminio de las sílabas.

O producido é un claro-escuro, por exemplo, da paleta de Durero; a precisión poliédrica para habitar os mundos complexos, a elegancia da verdade, das verdades que para nós son verdades, a xenerosidade do que se fai porque non se pode ser nin facer nada máis, alén dos propios lindes e os que te encaixan cando das o primeiro berro autónomo

Un poema que segue no seguinte, que palpa no decorrer das horas as sentenzas, que medra contra o mundo e o detén.

15:25 (La boca violenta, el irregular flujo de palabras, la flaqueza). Hay cielos con puertas cerradas a mares secos y críos que corren la palabra hambre, comen balas y desean morir. El río vale más que cualquier flauta y la flauta mucho más que toda la moral del Estado. Discrepancias después, contemplando la parra hasta las vides negras.

Coma as voltas concéntricas dun labirinto de laxas, cada poema rúbese ao seguinte e toma posición sen se diluír nin se subliñar, ocupando un espazo naturalmente de seu. Isto ocorre en Fiebre, máis se botásemos unha ollada sobre a obra de Luís Valle poderiamos trazar puntos imaxinarios de sutura que delinean un esqueleto común. Unha vontade de entender o mundo e a poética. Unha capacidade de entrega que deixa a marca de auga que non pode senón transportarnos até a seguinte sorpresa, o próximo estremecemento, o augurio adiviñado doutra obra honesta. 

Coido que Luís Valle ten moi claro que o poema é o xeito máis simple e sofisticado de tentar a espeleoloxía cun escalpelo cirúrxico dentro dun mesmo, dunha mesma, detrás do backstage da sociedade que se habita, no cerne do mundo que confunde, trauma, ás veces, poucas, cura, e muda ao ritmo vertixinoso das intemperies. 

21:47 (La concreción, el eclipse).(...) La maestra lleva un bulbillo de vinagre con el que me borra el rostro. Cruje una puerta mal cerrada en el cerebro. Es blanca como la luna de los suicidas o la tercera sílaba de la palabra nieve.

O amor aparece e envolve e se propaga e contaxia e triunfa, porque diso se trata, de humanizar o mundo que nos está a caer por todos os lados da cama. A poesía, sempre; da poesía en tempos de feras, dobre ración

A poesía esixe a constancia dun/ha taxidermista, a paciencia de quen corrixe textos, a persistencia de quen loita por salvar vidas e apagar lumes, a habilidade dun/ha funambulista. E só se pode ser poeta coa resignación dun monxe, porque xamais se chega a rozar a perfección esquiva. E falo disto porque non é doado de atopar en tempos apurados. 

O producido é un claro-escuro, por exemplo, da paleta de Durero; a precisión poliédrica para habitar os mundos complexos, a elegancia da verdade, das verdades que para nós son verdades, a xenerosidade do que se fai porque non se pode ser nin facer nada máis, alén dos propios lindes e os que te encaixan cando das o primeiro berro autónomo. O amor aparece e envolve e se propaga e contaxia e triunfa, porque diso se trata, de humanizar o mundo que nos está a caer por todos os lados da cama. A poesía, sempre; da poesía en tempos de feras, dobre ración.

O detonante foi a foto dun desexo escrito nun pequeno encerado. O autor do proxecto (Mapa de soños latinoamericanos), o fotógrafo arxentino Martín Weber. O desexo dun rapaz colombiano: «Meu soño é morrer». O rapaz morreu pouco despois vítima das contradicións armadas dun continente inescrutábel. O poeta Luís Valle construíu As asuras que deveñen agora en Fiebre. Dúas obras imprescindíbeis. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.