Por que é precisa unha Marea Galega e por que as mareas municipais non deben avalar en solitario un acordo entre partidos

As mareas municipalistas non cobren todo o territorio de Galicia. Se consideramos as mareas propiamente ditas (asembleas cidadás, cunha importante compoñente apartidaria, con no seu caso confluencia de cando menos dous partidos, idealmente con primarias abertas á cidadanía) só abranguen o 9% dos concellos e o 36% da poboación galega. Se consideramos ademais todas as candidaturas SON non unipartidistas (EU+Anova) como mareas dita cobertura chegaría só ao 17% dos concellos e ao 56% do censo.

Acrecentando mesmo algunhas candidaturas de carácter local progresista que non cumpren todos os requirimentos anteriores as cifras apenas se incrementan e amosan que unha fracción significativa do País fica á marxe do fenómeno das  mareas. Obviamente, un partido que mudou a súa marca electoral ou introduciu independentes nas listas non é unha marea, e o valor engadido da confluencia ou da unidade foi, neses casos, inexistente.

Se consideramos as mareas propiamente ditas só abranguen o 9% dos concellos e o 36% da poboación galega

É ineludible a cooperación entre as mareas municipais, tanto no plano intermunicipal canto na Deputación da Coruña ou mesmo na FEGAMP. Máis hai defensas e ataques de carácter programático e mediático que só se poden facer fronte ao PPdeG e ao PSdeG se hai unha Marea Galega que actúe á vez como parapeto e como ariete. A Marea Galega debe representar e abandeirar no plano autonómico os intereses desa nova forma de facer política, en especial fronte á Xunta de Feijoo.

Parece indiscutible que o principal deber das mareas municipais é atender ao seu electorado local, quer en funcións de goberno quer na oposición. Mais a política municipal está totalmente condicionada polo que acontece nos ámbitos galego e estatal, tanto no lexislativo como no económico. E o que non admite discusión é que o ámbito galego necesita unha Marea Galega específica, cunha configuración de seu, acorde á realidade do País e como manifestación práctica inherente á súa condición de suxeito político.

Unha Marea Galega que fose só unha mesa de partidos máis o aval superficial de algunhas mareas municipalistas sería en realidade unha coalición que marxinaría a compoñente cidadá e tendería a reproducir proxectos falidos,

Unha Marea Galega que fose só unha mesa de partidos máis o aval superficial de algunhas mareas municipalistas sería en realidade unha coalición que marxinaría a compoñente cidadá e tendería a reproducir proxectos falidos, como o foron a coalición AGE no Parlamento Galego ou, máis cara atrás, o goberno bipartito na Xunta. En ámbolos dous casos imperou a competencia e non a colaboración entre as partes, e a ignorancia á mantenta das demandas da súa base electoral, imposible de adscribir a uns ou a outros. Aínda hoxe non se tiraron aprendizaxes abondas daquelas experiencias. Non se crearon meeting points nin melting points, nin tampouco verdadeiros órganos conxuntos de dirección e goberno, a diferenza do que si comezaron a facer (e desexamos que culminen) as mareas. Só un pólo cidadán apartidario de adscrición individual e artellado a nivel galego poderá erixirse en árbitro e evitar, ou cando menos compensar, esas dinámicas perniciosas de parte.

Deixando a un lado o distinto peso da compoñente cidadán non partidaria que hai en cada marea municipal, a composición partidaria e os equilibrios resultantes en cada concello son únicos. O distinto rol que un partido pode ter en mareas municipais diferentes provócalle contradicións. O apoio das mareas locais a un acordo entre x partidos a nivel galego pode xerar tensións derivadas da súa composición diferente. Só é posible sortear estes conflitos se se artella unha nova Marea Galega baseada en xustificacións e acordos diferentes aos preexistentes, que incorpore por ampliación a pluralidade de todas as mareas locais.

O BNG é en moitos concellos a única oferta electoral de ámbito local alternativa ao bipartidismo, e representa, en moitos deses lugares, outra forma de facer política máis próxima dos novos tempos que dos vellos.

O BNG decidiu quedar fóra das mareas, e electoralmente ás mareas iso veulles ben porque ao cabo se visualizou que nas zonas urbanas a incorporación do Bloque restaría máis votos dos que podería achegar. Porén, no conxunto do País esta máxima deixa de ser certa. O BNG é en moitos concellos a única oferta electoral de ámbito local alternativa ao bipartidismo, e representa, en moitos deses lugares, outra forma de facer política máis próxima dos novos tempos que dos vellos.

Podemos ficou fóra dos principais gobernos acadados polas mareas municipais polo reducido da súa militancia e a carencia de caras coñecidas, mais de cara ás eleccións xerais é incontestable o liderado social e demoscópico da súa marca e de Pablo Iglesias. Son imprescindibles para conseguirmos un cambio político real. As próximas eleccións darán unha medida máis fidedigna de cal é a influencia de Podemos no panorama político galego, e ese peso verase mellor reflectido nunha Marea Galega que nas municipalistas.

Cómpre telo claro: o Grupo Galego é un instrumento, non un fin en si mesmo. Sería a mellor forma de defender os intereses colectivos de Galicia, de termos un peso decisivo na elección do Goberno de España e de participarmos activamente e non como simples espectadores na reconfiguración futura do Estado.

Recoñezámolo: só a unidade popular liderada pola cidadanía sen adscrición mais que conte tamén cos partidos, todos agás PP e PSOE, pode aspirar a gañar as eleccións xerais e autonómicas e provocar un cambio de goberno e de políticas. A unidade é condición necesaria para obter unhas porcentaxes de voto e un número de deputados/as suficientes para constituír un grupo propio no Congreso. Cómpre telo claro: o Grupo Galego é un instrumento, non un fin en si mesmo. Sería a mellor forma de defender os intereses colectivos de Galicia, de termos un peso decisivo na elección do Goberno de España e de participarmos activamente e non como simples espectadores na reconfiguración futura do Estado.

A Marea Galega ten que unir aos partidos políticos sen pretender substituílos. Porén, a Marea Galega non pode ser a táboa de salvamento dunha oferta partidaria  hiperfragmentada e completamente desaxustada da demanda. A teor do que coñecemos sobre as preferencias políticas e ideolóxicas da cidadanía galega, o actual sistema galego de partidos só se explica se temos en conta factores personalistas e a existencia de grupos de presión e control. Un próximo reaxuste semella inevitable, e a emerxencia sucesiva de AGE, Podemos e as Mareas sen dúbida forman parte dese proceso de coordinación entre as necesidades e as ferramentas. A xente colocounos diante unha folla de ruta clara e diáfana, e os tempos son chegados de escribírmola en común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.