Por que o produto galego estivo de moda no 2022 (pero o galego morre)?

Campaña turística de Turgalicia © Xunta

Di Bourdieu que o valor dunha obra de arte non reside na obra mesma, senón no tecido social e afectivo que se elabora en torno a ela. O valor simbólico, claro. O caso é que sinalándoo dese xeito podemos considerar como se constrúe tal valor simbólico e, polo tanto, certo éxito.

A publicidade coa que a Xunta promocionou Galicia durante anos como termo final da ruta Xacobea ou como destino de turismo rural, mesturando a idea de modernidade con orixes esenciais, míticas, representadas polas forzas da natureza, invertendo os termos da mitoloxía antiga, foi eficaz

Podo entender, por exemplo, que a publicidade coa que a Xunta promocionou Galicia durante anos como termo final da ruta Xacobea ou como destino de turismo rural, mesturando a idea de modernidade con orixes esenciais, míticas, representadas polas forzas da natureza, invertendo os termos da mitoloxía antiga, foi eficaz. Foi eficaz no sentido de que, certamente, as cifras de peregrinos e turistas foron moi altas, excesivamente altas, quizais, para o devir cotiá dos habitantes dos lugares. Foi eficaz no sentido de xerar –ou actualizar- un imaxinario neofolclorizante, premoderno, máxico aínda soterrado. 

Vimos como dende a mirada progresista española se acolleron, ata certo punto, elaboracións artísticas que, independentemente da súa vontade, foron recollidas como neofolclore. Tanxugueiras ou o Novo Cinema Galego son acaso mostras de arte que se fai en Galicia ou son froito do que se entende que é Galicia segundo a imaxe que se reafirmou dende a institución (é dicir, modernidade, misterio e certo exotismo propio dos espazos non totalmente integrados na civilización)? 

Tanxugueiras ou o Novo Cinema Galego son acaso mostras de arte que se fai en Galicia ou son froito do que se entende que é Galicia segundo a imaxe que se reafirmou dende a institución (é dicir, modernidade, misterio e certo exotismo propio dos espazos non totalmente integrados na civilización)? 

Bhabha falaba dos estereotipos a través dos que se unifica e simplifica ao Outro, os mesmos a través dos cales ese Outro se acaba construíndo cun certo goce, porque dese xeito é recoñecido, ‘existe’: véndese como souvenir porque cre que é o souvenir (ou que o souvenir non vai con el). En moitos casos, esas representacións foron elaboradas con elementos que coinciden coa idea que dende fóra se ten a propósito de Galicia: ese recoñecemento fai que ‘funcionen’. Mesmo na polémica sobre As bestas é posible xirar e xirar sobre estes elementos. Deben os filmes ser xustos?, dixeron. Debe a arte ser xusta? Quizais non é esa a pregunta pertinente: a arte reforza os estereotipos culturais ou transita novos espazos porosos. A pregunta non debe ser enunciada dende o espazo moral, senón dende o ontolóxico, en tanto que as semióticas reproducen ou xeran representacións que formarán parte da realidade.

Unha obra harmónica indica que todo funciona ben, como debe ser: cada cousa ocupa o lugar asignado pola orde. A diferenza cunha obra que presente disonancias, contradicións non aceptadas ou asimiladas polo pensamento dominante, pode ser sutil pero muda todo

Ninguén queda tamén fala das terras anegadas no fondo do encoro, diso que fomos e borraron, como a besta agochada no humano, como aquilo abrupto que non se soubo dixerir. Porén, tamén sinala todo iso que se vai pasando a ser, con conciencia ou sen ela. 

Unha obra harmónica é propio da arte ideolóxica, di Adorno. Indica que todo funciona ben, como debe ser: cada cousa ocupa o lugar asignado pola orde. A diferenza cunha obra que cumpra o seu cometido contracultural, que presente disonancias, contradicións non aceptadas ou asimiladas polo pensamento dominante, pode ser sutil pero muda todo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.