A situación que estamos a vivir en plena pandemia do Covid-19, con noticias e imaxes diarias tristes e durísimas que evidencian a vulnerabilidade extrema das persoas en residencias de maiores e, consecuentemente, tamén das que traballan nelas, deberíanos facer pensar en profundidade se o modelo de coidados que temos implantado actualmente é o que necesitamos ou o que queremos. Que non é seguro xa o constatamos con esta crise da Covid-19, mais cómpre pensar se ademais de buscar sistemas seguros, queremos tamén sistemas máis humanos, pois ben sabemos que moitas das veces a seguridade e a humanidade non van da mesma man.
O sistema de coidados orientouse fundamentalmente ao sistema de residencias, en detrimento doutros programas máis normalizados que lles permiten ás persoas permanecer no seu medio, como son os centros de día e os programas de axuda no fogar. Esta última opción mesmo foi diminuíndo en intensidade ao longo destes últimos anos. Cómpre salientar que a Lei da Dependencia, dotada de carácter universal no seu artigo 3, rematou tendo un carácter fundamentalmente asistencialista, de xeito que máis ca un modelo de atención, hoxe, na práctica, constitúe unha medida de conciliación. Isto é así en primeiro lugar porque non dá cobertura a todas as necesidades, pois, entre outras cousas, dende que se detecta a necesidade ata que se fai efectivo o dereito pasa con toda probabilidade máis dun ano, no mellor dos casos. Hai que ter en conta que estamos falando dunha poboación moi vulnerable, que comeza a demandar as axudas cando se detecta un problema de dependencia, e que os prazos para a vellez fanse máis curtos debido á probabilidade de falecementos. Por outra parte, tamén afastou os entes locais das decisións administrativas e máis concretamente da valoración social, xa que para determinar o grao de dependencia e polo tanto a rapidez de acceso ao servizo, a valoración social non se ten en conta.
Imos analizar, daquela, en que situación están os recursos de residencias, cos que agora mesmo as traballadoras sociais nos vemos abocadas a traballar no sentido de ofertalos ás persoas maiores como practicamente a única alternativa existente a unha situación de convalecencia ou dependencia.
Na provincia de Lugo, o número de prazas privadas en residencias para a terceira idade supera ao total de prazas públicas en 220 prazas. Existen un total de 2.155 prazas privadas e un total de de 756 propias da Xunta, que sumadas ás 837 prazas financiadas, fan un total de 1.593 prazas públicas da Xunta. Se sumamos as 342 prazas da administración local temos un total de 1.935 prazas públicas.
Se se ten en conta a ratio de prazas recomendada pola ONU (5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos) serían necesarias 4.792. Polo tanto, atopámonos con que na provincia de Lugo sería necesario crear 2.857 prazas a maiores das que xa temos. Mesmo contando coas 2.155 prazas privadas, habería que crear 702 prazas para cumprir coa recomendación.
Non é de estrañar que a Administración local, pese a que as competencias sexan da Xunta, decidise crear 342 prazas de convivencia alternativa nos seus concellos para non afastar as persoas maiores do seu medio de vida e socialización.
Vexamos a situación de forma gráfica:
En canto á distribución, temos case unha total ausencia de prazas públicas (referímonos ás prazas públicas por ser a Administración autonómica a responsable da planificación deste tipo de recursos) nas zonas orientais e occidentais. Tamén se dá esa ausencia de prazas en concellos da Terra Chá como Muras, Guitiriz, Xermade, Cospeito, Begonte e Abadín. Destaca a escasa achega de prazas públicas na Mariña central e na Mariña oriental por parte da Xunta con tan só 21 e 24 prazas respectivamente. Aínda que Lugo figura con prazas, estas non son suficientes, pois a porcentaxe de necesidade na provincia, segundo a ratio establecida pola ONU, sería de 946,85 plazas a maiores das que xa temos.
Resulta rechamante que sexan precisamente as zonas máis illadas e con maiores problemas de comunicación as que non dispoñan de ningún recurso alternativo de convivencia, como toda a comarca dos Ancares e o concello de Folgoso do Courel. Nalgúns destes concellos sería necesario crear outro tipos de recursos baseados en pequenas unidades de coidados, tendo en conta veciñanza e comunidade. Tamén aquí é necesario subliñar que a Lei da Dependencia, debido a esa exclusión da valoración social da que se falou antes, non prioriza que determinadas zonas, polo seu illamento, teñan máis intensidade dun determinado servizo como é o de axuda no fogar ou que os servizos sociais poidan articular servizos a medida. Vese, entón, o carácter global e estandarizado da Lei e tamén dos servizos sociais en canto non se dá competencia aos concellos para artellar sistemas específicos. Semella, entón, que estes concellos están a pagar xustamente a dificultade das súas comunicacións e a súa demografía, factores que evidentemente non deberían servir de excusa para deixalos sen servizos nin alternativas de coidado, senón máis ben de xustificación para un esforzo de investimento na prestación destes servizos.
Poderíase dicir que quen decide onde se crean prazas públicas son en xeral as residencias privadas, que equivale a dicir que quen decide onde se coida e como é a inversión privada, é dicir, os fondos de inversión. Pódese observar como loxicamente as prazas financiadas, que son máis que as propias da Xunta (837 financiadas e 756 propias da Xunta) adoitan estar localizadas dentro das residencias privadas de gran tamaño. Non se coñecen os criterios empregados para a localización ou a creación de residencias, agás o criterio de “maior poboación” ou outros que corresponden á lóxica da inversión privada.
Pero o que cómpre cuestionármonos aquí non é tanto a escaseza de prazas residenciais, que é un feito, senón o modelo de coidados que temos. Que modelo de coidados queremos? Queremos coidados de proximidade e vinculantes? Queremos que as residencias tal e como as concibimos na actualidade sexan unha alternativa residencial aos nosos maiores?
O sistema residencial actual baséase en residencias fundamentalmente privadas que destacan por seren espazos inmensos nos que a mirada ás veces confusa das persoas maiores se perde nunha profunda tristura motivada pola certeza dunha morte na máis radical das soidades e do desarraigo: Fundación José Otero en Compostela con 150 prazas, Domuvi de A Coruña con 150, Domusvi de Chantada con 201, Domusvi de Viviero tamén con 150 prazas e outras que están espalladas por Galicia e que, aínda que non son tan grandes, superan, na meirande parte, os 50 residentes. Só hai que dicir que as residencias privadas dan cobertura neste momento ao 80% de prazas de maiores en Galicia.
Galicia conta con 314 concellos, dos que 257 teñen menos de 10.000 habitantes, fronte aos 57 que sobordan este límite. Un factor relevante que vén engadirse a esta cuestión meramente numérica é o das circunstancias xeográficas complicadas que teñen moitos concellos de toda a provincia. Estes simples datos son determinantes para comezar a pensar noutro tipo de servizos adaptados ás características da nosa xeografía e o noso territorio, pois temos un predominio da pequena escala en Galicia, á que cómpre adaptarse e que impide que a copia de modelos alleos funcione ben no noso contexto. Curiosamente, malia a feminización histórica dos coidados, non semella que se teña escoitado a aquelas que tradicionalmente asumiron e nas que recaeu a ética dos coidados, pois probablemente ningunha coidadora recomendaría a residencia de gran tamaño para coidar nin ser coidada.
Pola contra, se avaliamos a dispoñibilidade de servizos de pequeno tamaño, que cumpren condicións de proximidade e arraigo, xa que a maioría están emprazados en zonas rurais, só contamos con 78 vivendas comunitarias e 16 pisos tutelados de carácter público para toda a provincia.
Vemos, entón, que a administración da Xunta apostou claramente por prestar servizos a través de residencias de gran tamaño para a atención dos maiores e por modelos de carácter privado (máis, se se ten en conta que mesmo na práctica totalidade das residencias públicas a xestión tamén é privada), deixando as zonas rurais, e especialmente as da alta montaña luguesa, nun desleixo e abandono que non é novo. A isto cómpre engadir que, aínda que unha residencia da Xunta estea situada nun determinado concello, iso non garante que as persoas maiores empadroadas no mesmo poidan ter acceso inmediato, debido ao sistema de asignación de prazas que hai vixente.
Temos, por outra banda, que Galicia ten as provincias con máis vivenda baleira de España, sendo Lugo a segunda provincia de todo o Estado por este parámetro, seguida de Ourense. Sería importante pensar que imos facer con tanta vivenda baleira, e máis se se ten en conta a proxección da mesma dentro duns 10 anos. Segundo datos do IGE a 31 de decembro, un 14,64% dos fogares na provincia de Lugo están compostos só por unha persoa maior de 65 anos, e un 9,83% dos fogares, por dous membros maiores de 65 anos.
Outro dato que cómpre considerar de cara á planificación de servizos alternativos de convivencia das persoas maiores é o relativo ás características do parque da vivenda en Galicia: segundo datos do IGE a 31 de decembro de 2019, un 16,74% das vivendas teñen máis de 7 espazos (espazos de 4 ou máis metros cadrados) e un 80% máis de 5. Ademais, o 71% do parque de vivenda de Galicia ten espazos superiores aos 76 metros cadrados e un 22% das vivendas supera os 100 metros cadrados.
Queda claro que coas características do parque de vivenda en Galicia, a súa adaptación e rehabilitación podería ser unha vía importante para planificar servizos de proximidade e coidados para maiores en Galicia. Habería que ter en conta que os problemas residenciais non son efecto da propia vellez, senón da idiosincrasia das políticas de vivenda e do espazo, baseadas na especulación ao longo dos anos.
O contexto europeo fornece outros modelos de alternativas de convivencia. En Suecia, hai xa moitos anos, transformaron as grandes residencias en unidades de convivencia de 8 a 12 persoas, practicamente empregando o mesmo persoal, na procura dun ambiente máis personalizado e humanizado.
É o momento de crear debate social arredor de como queremos ser coidados. Se queremos servizos de proximidade baseados máis na socialización ou seguiremos cos modelos actuais nos que a especulación e mercantilización se converteron no eixe principal no deseño e a oferta dos mesmos. As persoas maiores precisan de referencias claras que compensen a perda de capacidade e socialización. A casa, o barrio, o lugar, convértense nas súas referencias, sendo estes os espazos que vertebraron e uniron todas as facetas e fases das súas vidas. Cando sexamos maiores, e para os que xa o son agora, a identidade, a continuidade e o recoñecemento dotan de sentido á vida. O sentido de verse recoñecido é fundamental: todas as persoas son alguén no seu barrio, no lugar ao que pertencen, son Pedro, María a da casa de abaixo, ou Antonio o do primeiro. Nunha residencia non son ninguén, rachouse o elo que as vencellaba á vida, acabáronse as referencias.
O feito de ingresar nunha residencia, de romper ese espazo de socialización, é das circunstancias máis dramáticas que experimentan as persoas, e así o vexo a diario no meu traballo como traballadora social nun hospital, e así é tamén, como apuntan moitos estudos, no sentido de que case ninguén quere ir a unha residencia.
Daquela, cómpre reivindicar máis coidados no domicilio, aumentar as axudas á conciliación de forma que nos permitan coidar dunha forma digna e desafogada. Non debería ser como é actualmente, que non nos permitan coidar. Coidar debería ser visto como un privilexio, un privilexio compartido, como unha responsabilidade levada con orgullo e non como unha carga coa que non se pode e como un traballo totalmente desvalorizado sempre a cargo das mulleres.
Boto de menos diversificar a oferta de recursos sociais que podería incluír servizos baseados na socialización e colectivización dos coidados, servizos que vinculen, axudas á contratación para coidados de máis dunha persoa en domicilios próximos, axudas para a adecuación de vivendas onde se poidan compartir coidados, programas para mudar de vivenda cando a propia xa non se adapte, programas da propia administración para estimular e incentivar a organización de circuítos de axuda e de coidados por parte das comunidades e un longo etc. Habería moitas posibilidades, tan só debemos estar abertos e apostar polo mantemento dos coidados na propia comunidade e veciñanza. Non pode ser que non nos deixen coidar e asemade non nos oferten servizos de coidados adecuados.
Este enfoque faríanos sentir ás traballadoras sociais e a moitas persoas que traballamos no campo da intervención social orgullo pola nosa profesión. Permitiríanos levar o traballo coa máxima dignidade e deixar atrás a apatía e aborrecemento diario con que imos a traballar por sentirmos que algo estamos a facer mal, que os principios con que foi creada a nosa profesión non guían o noso labor diario de axudar a persoas pola falta de recursos, programas, persoal e a máis absoluta carencia de coordinación e cooperación entre os mandos da organización das distintas administracións e as e os profesionais do campo da dependencia e a asistencia social.
Non debería ser preciso lembrar ao Goberno da Xunta que o coidado dos maiores e dos menores constitúe a base dunha sociedade e dun Goberno que respecta os dereitos humanos. Non vai ser a entrega dos coidados das persoas maiores ás empresas privadas o que garanta, nin agora nin no futuro, a saúde, a seguridade nin, por suposto, o benestar dos nosos maiores.