E máis unha vez, non puido ser. Por segunda vez dende que Anova comezou a demandar a unidade de acción da esquerda, unha “gran fronte ampla non excluínte”, composta tanto por forzas políticas da esquerda rupturista como plataformas cívicas, para parar a dereita e o bipartidismo do réxime, novamente a tentativa rematou en fracaso para estes comicios europeos. A continuación dunha análise que fixen antes do 25 de maio, sobre o proceso de acordos entre a esquerda política, que expresaba toda a miña incertidume ante o escenario aberto que se presentaba, expoño unha análise poselectoral, coas certezas dos datos das últimas eleccións europeas e co telón de fondo da abdicación do monarca e a materialización simbólica da fin dun ciclo histórico.
Leitura pre-electoral: Anova traballou por unha Fronte Ampla, no conxunto do Estado e en Galiza
A Coordinadora Nacional de Anova, composta polos membros eleitos democraticamente por toda a militancia, reivindicaba á altura de setembro de 2013, unha “gran fronte ampla para a ruptura democrática” na que “apostaban” por “converter as eleccións europeas nun plebiscito do réxime ou ao menos nun ensaio xeral dunhas eleccións para a ruptura democrática”. Isto debía concretarse nun “duplo chamamento” que na Galiza se dirixía “ás forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista para dialogar e conformar, en estreita alianza coas plataformas e organizacións cívicas, un acordo de unidade de acción para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte”, e no ámbito do Estado ás “organizacións políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constituíran o seu suxeito político plural con disposición a partillar” unha coalición electoral que tivera como propósito común “a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real”.
A demarcación estatal era evidente, tanto pola necesidade de conformar alianzas amplias nun momento de emerxencia histórica, como pola circunscrición do Estado que rixe o xogo electoral neste tipo de comicios. O chamamento sobordaba os tempos electorais e se extendía máis aló de prazos e instancias partidarias para demandar a unión da sociedade mesma, das plataformas cívico-políticas, movementos sociais e demais cidadanía autoorganizada. A organización de esquerda independentista falou e negociou ao longo de meses con diversas forzas tanto de Galiza (BNG, EU, CxG, Equo e Espazo Ecosocialista Galego), e máis aló, con EH-Bildu, CUP, ERC, IU, Mes Mallorca, Compromís, a Chunta Aragonesista, SUMA (conglomerado de movementos sociais e plataformas cidadás no nivel Estado), Izquierda Anticapitalista, Podemos e ata co Partido X.
Todxs xs que andamos informadxs un pouco da política partidaria sabemos como rematou todo. Cada un foi polo seu lado; IU por un carreiro e movementos sociais de SUMA polo outro, despois de non acadaren un acordo; EQUO decidiu deixar temporalmente o seu pacto con ICV e aliarse con Compromís para diferenciarse como alternativa verde; Bildu apostou loxicamente pola vía estritamente independentista que sempre reivindicara -non así o BNG-, mais viuse abandonada por unha ERC á que ao meu ver non lle importou nada a solidariedade internacionalista co resto de nacións sen Estado e tirou por libre para ocuparse exclusivamente da vindicación da súa soberanía; mentres que as CUP optaron por non presentarse, probablemente as máis coherentes de todas co seu espírito orixinal, apostando polo reforzamento das pequenas instancias de poder, Parlament catalán e as municipalidades onde nacen primeiramente estas “candidaturas de unidade popular”.
Na Galiza, máis do mesmo: dunha banda, o BNG persistiu na súa posición excluínte negándose a reunirse con Esquerda Unida. No documento de resposta que deron a Anova en xaneiro, teimaba nos mesmos tópicos e clichés famosos que xa son moeda de cambio corrente nas conversas cxs seus militantes máis dogmáticxs: só estaban dispostos a “estabelecer contactos” con forzas políticas de “obediencia galega”, co fin de artellar unha “alternativa electoral unitaria no campo do nacionalismo galego”, para “se inserir eventualmente nunha grande candidatura das nacións sen Estado”. Para rematar o sopicaldo de lugares comúns do nacionalismo máis retrógrado e non evoluído, referíanse, sen mencionala directamente, a Esquerda Unida, por medio da figura retórica do “circunloquio” como “organización política de obediencia española” (non vaiamos mentar o demo). E continuaba cos clichés divertidos que só o nacionalismo ortodoxo entende: “vontade sucursalista”, etc. Dicían confiar na “capacidade do noso pobo de se valer por si mesmo”, algo no que confiamos todxs xs nacionalistas, mais que seica no seu particular modo de ver o mundo, parece negarlle a condición de “pobo galego” a Esquerda Unida e toda a súa militancia e votantes potenciais, que para elxs deben de ser marcianos ou murcianos, quen para o caso e para elxs debe de ser o mesmo. Cando din que non queren estar “subordinados ás estratexias marcadas dende Madrid” ou que non queren ir con “organización politicamente dependentes de intereses alleos”, probablemente esqueceron que formaron parte dun goberno cunha forza si dependente politicamente de Madrid, mais nesa altura os escrúpulos non eran tantos. Non se entende, máis cando comprobamos repetidas veces que as federacións que compoñen Izquierda Unida toman decisións ante as que o seu coordinador e o comité federal recoñecen explicitamente que non son quen de facer nada, como a negativa novamente a apoiar o PSOE en Extremadura, unha formación probablemente máis caciquil neste lugar do que o pode ser o PP. É difícil unha curtidade de miras máis grande. O Bloque nin sequera amosou disposición de falar, e anunciou nesa altura unha coalición con EHBildu e coas CUP que aínda non existía, e de feito coa formación catalá aínda non falaran nada daquela. O tempo acabou por forxar unha coalición centrada nas arelas soberanistas (máis ben no autogoberno, non nos múltiples eixos que conforman a soberanía dunha nación: a soberanía económica, alimentar, enerxética, cultural...) que, sen os apoios da insolidaria Esquerra Republicana de Catalunya, correu o grave risco de quedar en nada, fogos de artificio. A EH Bildu podía non importarlle non sacar un escano en Bruxelas, pois en Euskadi o nacionalismo é hexemónico, mais en Galiza non. Se todxs tiráramos por ese camiño, o nacionalismo galego, xa de por si denostado no noso país, podería ter quedado fóra da liga das esquerdas europeas.
Pola súa banda, Esquerda Unida acudiu ao chamamento de Anova e transmitiu que polo carácter da circunscrición electoral estatal das eleccións europeas, non “contemplaba” unha coalición que non partise do seu “acordo estratéxico con IU” e que consecuentemente desbotaba tamén un “acordo exclusivamente galego”. Invitaban, daquela, a integrarse nunha fronte ampla estatal encabezada, polo seu maior peso e extensión territorial, por Izquierda Unida, mais tamén por outras forzas como ICV, EUiA, Batzarre, Verdes, etc. Tendo en conta que nin sequera o Reino de España respecta as nacionalidades históricas que si se respectan até en Francia e Inglaterra para as demarcacións electorais europeas, e que a circunscrición era exclusivamente estatal, e polo tanto eran precisos da orde de case 300.000 votos para conseguir un escano, nin sequera cunha fronte ampla galega, é dicir, unha alianza entre as forzas da esquerda real de Galiza, estaría asegurado este obxectivo. Tampouco asegurado estaría o obxectivo indo cunha coalición exclusivamente soberanista como a de “Os Pobos Deciden”, sen o apoio de ERC, mais aínda máis perigoso sería a falta de apoio por parte da propia sociedade galega, que non entendería como tampouco entendemos algúns variar o eixo que uniu a tanta xente ao daren a súa confianza a Alternativa Galega de Esquerda nos anteriores comicios, é dicir: a acción de esquerda e a unidade e cooperación dentro desta, coa consecuente alianza entre federalistas e nacionalistas. A alianza coa esquerda federal e o afondamento na idea de Fronte Ampla non excluínte do que non fose nacionalismo estritamente contaba co apoio maioritario da sociedade galega, segundo todos os inquéritos, e mailo propio apoio maioritario da militancia de Anova.
Por todo o antes mencionado, a opción de ir en alianza con Izquierda Unida e o resto de forzas que forman a coalición “A Esquerda Plural” ao longo do Estado semellaba a opción preferible para levar a voz de Galiza ao Parlamento Europeo. A isto uníanse argumentos de peso como o de artellar alianzas co resto de partidos da esquerda europea que forman o grupo da Esquerda Unitaria Europea que apoian a candidatura de Alexis Tsipras, líder de Syriza, o partido grego que estivo a piques de gañar unhas eleccións xerais no seu país e moi seguramente acabará gañándoas. Ademais, a militancia de Anova decidiu en referendo democrático que alianza preferían, e elixiu ir en alianza coa esquerda federal estatal, reforzando así a posición do sector máis rupturista, e de referentes como Martiño Noriega ou Xosé Manuel Beiras. A segunda parte do referendo foi a da candidata, dando como resultado o apoio maioritario e aplastante a Lidia Senra, unha lider labrega independente, á fronte do Sindicato Labrego Galego e Vía Campesiña durante moitos anos.
Seica fose unha decisión extremadamente ambiciosa, dada a crise interna que vivía e vive Anova (de momento, larvada durante este proceso electoral, e que volverá cando pasen os comicios e a medida que se achegue a asemblea nacional do outono), entre as posturas máis ortodoxamente nacionalistas e mesmo en moitos casos reaccionarias, e as máis heterodoxas, abertas e rupturistas. Como di Martiño Noriega, “hai que mover os marcos” e “traspasar fronteiras”, como por outra banda fixo Castelao en 1936 cando se aliou cunha chea de forzas federais do resto do Estado dentro da Fronte Popular, co obxectivo de facerlle fronte ao fascismo e ademais conseguir o recoñecemento de Galiza como pobo con entidade propia a través do Estatuto de Autonomía. Quen, dende o bando do nacionalismo oficial rexeita estes argumentos sen opoñer outros, ou se limita a dicir que eran outros tempos, outras circunstancias (cando a ditadura é igual, mais dos mercados financeiros e o neoliberalismo asasino, e mesmo o fascismo máis descarnado que está a rexurdir e medrar perigosamente en Grecia, Francia, Ucraína, etc. amparado polos poderes fácticos e a clase dominante), non fai máis que fuxir cara adiante guiado polos seus prexuízos e fobias particulares, doutrinarias e partidarias, por uns dogmas moi parecidos aos relixiosos, mais contrarios a toda razón e lóxica, e o que é peor, insensibles coas graves circunstancias que estamos a vivir o Pobo. Se a unión vale en gobernos con partidos do réxime como o PSOE durante o infausto período do bipartito, mais non en coalicións e frontes amplas de unidade de acción con partidos estatais que de verdade queren mudar as cousas e recoñecen e actúan en consecuencia co dereito de autodeterminación das nacións sen Estado (e só hai que comprobar os últimos documentos aprobados por Izquierda Unida nese sentido, ou a votación a prol do referendo catalán no Congreso dos Deputados, amais dos seus propios principios estatutarios orixinais, a prol dunha “república federal e plurinacional que recoñeza a libre autodeterminación das nacións que forman o Estado”), que conto nos queren vender? Que falta de soberanía de Anova queren facernos crer se ICV leva anos en alianza con Izquierda Unida e EUiA levando a Bruxelas as súas propias iniciativas a prol da inmersión lingüística educativa en catalán, o referendo de autodeterminación da súa nación e até o achegamento de presos vascos, votando libremente e até contravindo pactos previos da súa coalición, como o de inserirse no grupo da Esquerda Unitaria para ir á da Alianza dos Pobos (que por certo, baixo o pretexto do ecoloxismo e o soberanismo, inclúe tamén algúns grupos de dereita)? Como diaño van mandar Cayo Lara e Izquierda Unida en Lidia Senra e Anova, se nin sequera mandan na súa federación de Extremadura? Acaso o escano pertence a alguén máis que á persoa que o detenta? Viuse no caso de Carmen Iglesias.
Fóra destas disquisicións aburridas que só preocupan aos partidos, o importante e grave é que unha vez máis as organizacións políticas, unhas moito máis que outras, non estiveron á altura das circunstancias e do Pobo ao que din representar (cando o Pobo é irrepresentable, e menos a través de organizacións partidarias), e non foi posible unha fronte ampla, nin no ámbito galego nin no estatal, e o máis semellante, polo menos con posibilidades reais de ter unha voz forte en Europa, é a alianza da esquerda no ámbito estatal que atravesa de oeste (AGE en Europa) a leste (ICV-EUiA), pasando polo centro da periferia (as distintas federacións de Izquierda Unida, Verdes, e outros partidos máis pequenos). Porque recordemos que tamén o Estado español é periferia, e tamén as súas clases traballadoras son vítimas desa perda de soberanía e desas agresións do capital. Convertir pobos irmáns en protagonistas da agresión, enfrontar as clases traballadoras discriminándoas pola súa suposta nacionalidade (e mais polo seu imaxinario nacionalismo español, que é minoritario ou máis ben residual), contravén toda lóxica de esquerda, e sería como dicir que o proletariado inglés tivo algo que ver coa colonización da India.
Se queremos a liberación nacional de Galiza, terá que pasar necesariamente por facilitar unha terceira república no Estado, unha república federal ou confederal, mais non vai vir dende logo por pecharse en si mesma, nunha terra que por desgraza non ten a conciencia nacional maioritaria que hai en Euskal Herria ou Catalunya. A estratexia de pór unha conciencia nacional moi minoritaria en Galiza e a alianza coas nacións sen Estado por riba da conciencia de clase e a alianza coas clases traballadoras tanto das nacións sen Estado como do resto, síntanse nación ou non, é dicir, da alianza das clases traballadoras sen patrias por riba de todo, é unha estratexia equivocada que pode pasarlle factura á por agora organización hexemónica mais non única do nacionalismo galego, BNG, que non é o mesmo que ser hexemónica na sociedade galega. Oxalá teñamos canta máis representación galega mellor, e o BNG conserve o escano que se repartía con outras forzas. E oxalá que recapaciten, xa non só para vindeiras citas electorais, senón para todos os días e procurando a cooperación política, e non a competencia partidaria, como ata o de agora demostraron. A responsabilidade política esíxeo. De non habela, a Historia porá a cada organización no seu lugar.
Leitura Poselectoral: Un escenario novo. A nosa división é a súa vitoria. Fronte Ampla ou Barbarie
Despois dos resultados imprevisibles do 25 de maio quedou demostrado que Anova e Alternativa Galega de Esquerda non se equivocaban na diagnose de que era precisa máis que nunca a formación dunha fronte ampla das esquerdas. Nos últimos días saltou ao debate este termo que en Galiza irrumpiu no escenario político dende outro día 25: mais de xullo de 2012, cando Xosé Manuel Beiras o sacaba no seu discurso do Día da Patria, apelando á unión de toda a esquerda, non só a nacionalista, senón á federalista, galega e estatal que respectara o dereito de autodeterminación dos pobos. Púxose “de moda” agora no nível Estado, e xa sectores de Izquierda Unida, Podemos e EQUO se amosaron ao día seguinte das eleccións totalmente dispostos a formar esa fronte ampla contra o bipartidismo rampante. Os resultados deste 25-M demostraron un declive dese bipartidismo, ao xuntar entre PP e PSOE menos do 50% dos votos válidos no conxunto do Estado, superando todas as previsións, así como un ascenso espectacular das forzas alternativas como Izquierda Unida, Esquerra Republicana de Catalunya, EH Bildu ou mesmo recén chegadas como Podemos, a gran sorpresa destes comicios, que abre un novo caladoiro de votos descubrindo a novidade das candidaturas cidadás, superando a vella dicotomía entre esquerda e dereita, para apelar ao eixo “arriba-abaixo”, sen facer énfase na ideoloxía mais si con principios e praxes inequivocamente de esquerda e democráticos. Ao mesmo tempo que o ascenso da esquerda no conxunto do Estado, a do nacionalismo na periferia, cun aumento significativo da participación en Catalunya, en pleno proceso independentista, fai que nos atopemos ante un novo proceso completamente ilusionante, no que a xente comeza a darse conta do seu poder, aínda que de momento, e tamén pola singular natureza destes comicios, timidamente.
E non queda outra que formar esa gran fronte ampla, pois eles seguen sendo maioría electoral e detentando o poder. Nestes comicios, coa atomización do voto en múltiples candidaturas, a gran maioría delas pequenos partidos sen ningunha posibilidade de chegar ao Parlamento Europeo, polo menos 900.000 votos virtualmente de esquerda foron ao lixo, entre quen votaron estes pequenos partidos e sumando os excedentes das principais candidaturas que si chegaron a Bruxelas, mais presentándose por separado. E é que os escanos reais de PP e PSOE, facendo o cálculo puro (o cociente entre votos válidos e escanos a repartir) son aínda menos cós que finalmente obtiveron, posto que a atomización e o excedente de votos que non configuraron escano van alimentar a saca das opcións máis apoiadas, penalizando pola contra os partidos “pequenos”. Isto pode significar dous escanos de regalo para PP e PSOE, un par para cada un. A conclusión é fácil: a nosa división é a súa vitoria. E aínda que o bipartidismo está ferido de morte, aínda queda moito camiño por percorrer para rematar o dragón, e máis tendo en conta que estas dúas forzas poderían acabar pactando entre elas a “gran coalición” que xa existe en Alemaña. tan denostada por Rubalcaba mais completamente posíbel e desexábel para pesos pesados do PSOE como Felipe González, e sobre todo para os poderes fácticos na sombra que ao final son os únicos que controlan os designios dos monicreques do bipartidismo.
Hai que acumular forzas, hai que traballar conxuntamente todos os días na rúa e artellar ao mesmo tempo unha alternativa electoral e de goberno que sume ao maior abano de forzas políticas posíbeis e non só, tamén movementos sociais e plataformas cívicas. De ter existido unha fronte ampla e crible de A Esquerda Plural, Podemos e Primavera Europea para estas eleccións, terían sacado non só a suma dos seus respectivos escanos, senón entre un e dous escanos máis tendo en conta que os votos que deixaron polo camiño ao separarse, xuntaríanse. Se a isto sumamos que a cidadanía, ao ver unha alternativa forte con posibilidades de gañar, anímase a apoiala, recolleríanse aínda máis votos/escanos, rebasando ao PSOE e acadando ao PP.
A segunda conclusión por tanto é que a suma dos varios factores multiplica, e que dous máis dous non son catro, senón que poden chegar a ser seis, sete ou máis. O mesmo coas alternativas soberanistas (ERC+Bildu+BNG, etc.), que poderían agregar á súa suma como mínimo un escano máis de ir xuntas. A organización nunha soa candidatura de todo o voto disperso en partidos pequenos virtualmente de esquerda agregaría tamén dous escanos máis. E finalmente, e pondo o listón moi alto, se a esquerda fora quen de artellar unha soa fronte ampla de unidade popular combinando as opcións federais e as nacionalistas dos distintos pobos sen Estado, nunha alternativa sólida e cunha cabeza de candidatura de consenso na que se visen ben representados e satisfechos xs votantes de todos os partidos, o bipartidismo entón botaría a tremer e non tería nada que facer se non é sacrificando o PSOE no altar dunha gran coalición que definitivamente o desacreditaría ante a sociedade para as vindeiras eleccións, como pasou en Grecia co Pasok. Fai falta unha ou mil Syrizas, para cada territorio. En Galiza, no Estado español e no resto de pobos onde unha soa forza non conte coa hexemonía e posibilidades de goberno. A unión fai a forza.
Perante a abdicación do Borbón: a fin dun ciclo e o inicio dun novo tempo. Unha gran oportunidade
Só unha semana despois dos últimos comicios vemos que se abre un horizonte novo co anuncio de súpeto da abdicación de Juan Carlos I: o do fin do ciclo iniciado en 1978 coa fraude da transición e a imposición da II Restauración Borbónica. O consenso dos dous principais partidos do réxime e mesmo do nacionalismo de dereita, xunto ao apoio dos distintos poderes fácticos (IBEX 35, banca, patronal, medios de comunicación, e ata sindicatos amarelos), así como as présas por aprobar a lei que asegurará a sucesión ao Borbón, apuntan a unha segunda “Transición” ou amaño entre as elites económicas e políticas do país, que pasará polo forro a consulta á cidadanía, amparándose na tan traída e levada sacrosanta Constitución, tan idealizada como ultraxada. Nin sequera as multitudinarias manifestacións cidadás antimonárquicas convocadas en todo o Estado moverán un ápice dos seus obxectivos á “casta” económica e política, polo que só cabe desputar ao bipartidismo a hexemonía electoral con que conta cunha alternativa sólida de unidade popular que ademais sexa crible como goberno. AGE, a través de Beiras, volveu reclamar estes días, en coherencia, esa fronte común que, de terse producido antes, tería evitado este novo golpe de man.
E para isto fai falta moito traballo e non cociñado nas alturas, senón dende a base. Traballo conxunto que xa comezaron a facer forzas como Anova e Esquerda Unida en Galicia, a través de Alternativa Galega de Esquerda, aínda no plano social de modo moi insuficiente, mais plenamente eficaz no parlamentario e electoral, e que representan tamén movementos como Foro Cívico, SUMA, ou o 15M. Haberá que esperar como evolúe Podemos, que irrumpiu como cuarta forza política por diante do Bloque, e se se consolida no país, AGE deberá traballar conxuntamente e confluír con este movemento.
Ao BNG non lle quedará máis remedio tamén, mais non o vai facer. Despois de dicir que os seus resultados foran bos, o BNG demostra que renunciou definitivamente a loitar polas maiorías sociais, que claudicou na aspiración de ser forza maioritaria que chegue ao goberno algún día. E por riba de non rectificar, seguen aplicando a mesma fórmula. Nas últimas convocatorias antimonárquicas, convocadas o luns, foron por libre sen dialogar co resto da esquerda, incidindo no tema soberanista sen buscar puntos de encontro moi fáciles co resto da poboación non nacionalista: Que difícil sería pedir todxs xuntos un proceso destituínte/constituínte que devolvera a soberanía ao Pobo, a TODOS os pobos? Sen renunciar ao dereito a decidir dos pobos e incidindo na reclamación dunha República Galega, si, mais como o fai Anova, mesturándose co resto da sociedade, non só co sector nacionalista, e propiciando un diálogo e encontro transversal con todas as clases traballadoras. Mais se o Bloque se obstina en seguir aillándose da sociedade, no seu frenesí-burbulla soberanista e delirio autorreferencial, sen ter en conta non xa o resto da esquerda, senón á xente do común pola que hai que loitar, entón non fará máis que asinar a súa acta de defunción. Non só será unha responsabilidade histórica e unha traizón á clase obreira á que di representar, poñendo o nacionalismo por riba da conciencia de clase e a unidade do nacionalismo por riba da unidade popular, e máis e máis trabas ao proceso de hexemonía da esquerda, senón que ficará soa no camiño da creba democrática en Galiza. E perante a máis que probable contrarreforma de Feijóo para recortar en escanos e democracia no Parlamento Galego diante das vindeiras eleccións autonómicas, así como a vaga de recortes en dereitos e liberdades que queda por vir, non quedará máis remedio que deixar de mirar para nós e ceder dunha vez o protagonismo ao Pobo.
Visto todo en conxunto, só cabe Fronte Ampla ou barbarie. A barbarie do sistema actual.
Se queres darme "feedback" e opinar/debater sobre todo isto, agardo con moito gusto a túa participación no meu blog ou no meu perfil de Facebook. Grazas.