Por unha política lingüística amorosa

William Michael Harmett. Natureza Morta. Violino e Música. 1888. “Harnett pintou diversas obras de arte retratando essa mestria do trompe d´oeil (engana o olhar). Suas pinturas enganam tanto os olhos que você pode ficar tentado a estender a mão e tocar ca © Rachel Witte. dailyartmagazine.com

Moita xente agarda por un diálogo público amplo, non só a través de argumentos, senón mediado polo sentimento máis positivo, pois a lingua no fondo do fondo é exactamente iso, un sentimento colectivo

En 1984 houbo unha suxerente campaña da Xunta de Galicia, cuxo lema era  “Fálalle Galego”. Deseñouna Francisco Mantecón, a partir dunha fotografía de Manuel Janeiro. Creara un estado de opinión moi favorábel. Falábase diso, da lingua, recibiuse con extraordinario interese e creo que tocou finamente as conciencias. Que non é pouco. Pero foi a única campaña memorábel, con ampla repercusión, que desenvolveu pola súa conta o poder autonómico. 

Percíbese unha certa nostalxia de cousas así, dicíame un amigo. Eu creo que non é nostalxia, senón unha intuición intelixente do que acontece. Moita xente agarda por un diálogo público amplo, non só a través de argumentos, senón mediado polo sentimento máis positivo, pois a lingua no fondo do fondo é exactamente iso, un sentimento colectivo.

A ausencia de iniciativas sensibilizadoras do goberno galego é un verdadeiro termómetro, que serve como ningún outro para medir a falta de compromiso institucional coa lingua. Xamais ningunha campaña xeral intensa e continuada nos fogares, nos teléfonos, nos televisores, nos lugares de actividade. Nunca a vontade de colocar a lingua no foco de atención. 

Cartaz da campaña da Xunta 'Fálalle galego' © Xunta

A ausencia de iniciativas sensibilizadoras do goberno galego serve como ningún outro para medir a falta de compromiso institucional coa lingua. Xamais ningunha campaña xeral intensa e continuada nos fogares, nos teléfonos, nos televisores, nos lugares de actividade. Nunca a vontade de colocar a lingua no foco de atención

Evitouse sempre esta importante presenza, sinxela e serena, na vida pública. Nada en corenta e cinco anos. Medio século metida no conxelador á mínima temperatura posíbel. É de sentido común, porque axudaría a criar unha nova complicidade colectiva, convidar á cidadanía á celebración da lingua propia, festexando posuír unha riqueza que nos une a todas as persoas de Galicia, chamando a sentir orgullo e a compracerse con ela. 

Quizais crean que é fiarse demasiado dunha actividade aparentemente tan doada de realizar, contando con ter intelixencia e medios, e sen meter a lancha nas pedras, que tampouco é o común. Pero é que nunca se fixo nada así e se hai intuición ou nostalxia do “Fálalle Galego” aquel, estabelezan a comparanza con desenvolver un proxecto verdadeiramente cumprido. 

Funciona todo o contrario. Unha polémica que cando agroma está sempre tecnificada, petada de porcentaxes, de estudos, como se se quixese meter á cidadanía na cociña, en troca de presentarlle os pratos nas mesas dos comedores. Unha desviación estrañísima da atención pública, elitista, deformada, que non conduce a ningures

Funciona todo o contrario. Unha polémica que cando agroma está sempre tecnificada, petada de porcentaxes, de estudos, como se se quixese meter á cidadanía na cociña, en troca de presentarlle os pratos nas mesas dos comedores. Unha desviación estrañísima da atención pública, elitista, deformada, que non conduce a ningures. Igual que se na política sanitaria, ou na educativa, en troca de dedicarse a curar, ou a ensinar, se procurase que as persoas atendidas soubesen como vai a xestión do ensino e os avances da medicina e da industria farmacéutica. Sei que esaxero, pero creo que pagan a pena estes exemplos para explicalo. Como se en troca de centrarse no espectáculo do fútbol, as ofertas preferentes fosen as reflexións dos futbolistas e as polémicas dos directivos. Unha polémica torpemente suscitada polas instancias institucionais e sociais defensoras da lingua. 

E claro, na amplísima maioría social xenericamente favorábel á recuperación e fomento da lingua (amplísima pero sen grande fortaleza), vaise afianzando a indiferenza, intelixentemente buscada ao longo de decenios polos gobernantes do PP. No mellor dos casos predomina o desconcerto, colectivo e individual, ante unha melopea de termos abstrusos, grandes enunciados e brincos dun ámbito para outro, sen prazos nin preferencias. A interiorización, mesmo no mundo galeguista e nacionalista, de que non paga a pena dar esa batalla, mentres esmorece o lume das conciencias. 

William Michael Harmett. Natureza Morta. Violino e Música. 1888. “Harnett pintou diversas obras de arte retratando essa mestria do trompe d´oeil (engana o olhar). Suas pinturas enganam tanto os olhos que você pode ficar tentado a estender a mão e tocar cada objeto individualmente” © Rachel Witte. dailyartmagazine.com

Na amplísima maioría social xenericamente favorábel á recuperación e fomento da lingua (amplísima pero sen grande fortaleza), vaise afianzando a indiferenza, intelixentemente buscada ao longo de decenios polos gobernantes do PP

Xamais unha campaña continuada, xenérica, de celebración. Nunca un exercicio potente que provoque un espertar, para que as persoas se recoñezan nas demais, afirmando a lingua. Unha inhibición buscada, procurando manter a singradura rutineira dos séculos. 

Por iso non se pode estar de acordo cos que afirman que o pobo galego xa dixo a última palabra, e que se os cidadáns decidiron a substitución non hai máis nada que agregar. Porque non é verdade. Ninguén pode sentenciar nada mentres non se ensaien políticas positivas e con vontade de eficiencia. “Non dea nada por perdido mentres non estea perdido” díxolle a Hitler un dos seus mellores xenerais. A parella é pouco amorosa, certamente, pero iso non obsta para que a reflexión resulte politicamente atinada.

Trataríase, pois, da afirmación da lingua por medio da celebración (non só, xaora) buscando unha “imaxe máis amorosa”

Trataríase, pois, da afirmación da lingua por medio da celebración (non só, xaora) buscando unha “imaxe máis amorosa”, podería dicirse, pasándose unha mínima considerábel de voltas e copiando á nomenklatura do Estado chinés, que na Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés acuñou esa idea de “máis amorosa”, seguro que con boa tradución, para renovar a imaxe do país e ampliar o seu círculo de países amigos. 

Permítanme a ironía deste xogo, falsamente naïf, porque tratar non se trata de volverse chineses outra vez. Pero é que nunca se fai nada amoroso para ampliar o círculo de amigos da lingua. Non se ven máis que túnicas resgadas e torsos ensanguentados. Se o di até o novo  Papa: “Esta é a hora do Amor”. Arriba os corazóns!  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.