Prevaricación intelectual

Juan Velarde Fuerte é un vello economista asturiano, de longa traxectoria no mundo académico, posuidor de senlleiros galardóns coma o Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais ou o Rey Jaime I de Economía, e membro do Consello de Contas estatal dende comezos dos 90. Licenciouse na primeira promoción de Económicas en España, e no ano 1959, cando caemos na Terra Ana Torroja, Sharon Stone e mais eu, Velarde xa era catedrático de Estrutura Económica na Universidade de Barcelona. Se alguén me pide que diga ás carreiras tres ou catro nomes de economistas españois que me soen de toda a vida, estou por asegurar que me sairía o seu nome, canda outros coma Fabian Estapé, Fuentes Quintana, José Castañeda ou Ramón Tamames. Por todo isto, cando días atrás vin a súa sinatura nun artigo no ABC, boteime a lelo con respecto e interese,  por ver de aprender algo. Tres problemas de fondo da nosa economía, prometía o título.

Afirma Velarde que o primeiro problema de fondo que ameaza a recuperación económica está no sistema público de pensións, financiado polo método de reparto, no canto de capitalización; e que as cotas de Seguridade Social anexas a toda relación laboral lastran a competitividade das empresas españolas. Pois ben, señor Velarde, ademais de parecerme mais xusto por solidario e cristián o método de reparto, a economía española creceu, estancou e decreceu varias veces dende a implantación deste sistema; polo que non vexo a relación directa e causal entre unha cousa e maila outra. A non ser que estea insinuando que as cotas socias vaian por conta do traballador e sen o aumento correspondente nos salarios. Pero unhas palabras súas desacougáronme: “A relación dun traballador activo que ademais de esixirlle á empresa o seu salario, pola vía da Seguridade Social ...” Uf! Vou pensar que non o pensou ben e que non quixo dicir o que dixo.

Non creo que sexamos mais parvos ca nos 80, nos 90 e comezos deste século, cando “España ía ben” e eramos a oitava potencia económica do mundo

O señor Velarde ve un segundo problema na carencia dunha poboación ben preparada cultural, política e tecnoloxicamente. Ben, acordo con vostede en que seguramente non somos un estrago de habelencias e coñecementos; pero, e sen entrar en clasificacións PISA, non creo que sexamos mais parvos ca nos 80, nos 90 e comezos deste século, cando “España ía ben” e eramos a oitava potencia económica do mundo. Di vostede que o aproveitamento máximo de aqueles que teñen mais posibilidades intelectuais explica, por exemplo, o salto experimentado en Corea do Sur ou en Finlandia; pero cadrará comigo en que a día de hoxe, do que é mal, somos exportadores de licenciados, investigadores e másteres a esgalla, aos que España non lle da ningunha aproveitadura. Outras palabras súas volveron desacougarme: “O camiño que se seguía en España, sobre todo dende a reforma do ministro Maravall ...” Uf! A decadencia educativa española nace co ministro socialista Maravall.

Acaso non estamos nunha economía global, que traspasa as mais altas e firmes fronteiras? Acaso está a dicir que se Cataluña se separa de España, os empresarios españois van deixar de vender en Cataluña, e os empresarios cataláns en España?

E o terceiro problema de fondo sitúao o señor Velarde na cuestión separatista. Segundo el, e apoiándose na teoría dos rendementos crecentes de Allyn Young, as economías de escala, necesarias para competir, non son internas senón externas; isto é, que pode ter incluso vantaxes unha pequena empresa se pode actuar nun ámbito grande. Xa, señor Velarde, pero que ten que ver unha cousa coa outra? Acaso non estamos nunha economía global, que traspasa as mais altas e firmes fronteiras? Acaso está a dicir que se Cataluña se separa de España, os empresarios españois van deixar de vender en Cataluña, e os empresarios cataláns en España? Centrémonos, señor Velarde, e non misturemos touciño e velocidade, que o impulso globalizador da economía non repara en minucias separatistas de aquí e acolá, e a inefable e sagrada man invisible póusase onde ve unha oportunidade de negocio e intercambio.

Contra o final do artigo menciona o señor Velarde o “cataclismo de 2008-2011”. Que casualidade mais casual que a desfeita remate no último ano de Zapatero! E o 2012? E o 2013? Falamos de economía ou de que estamos a falar, señor Velarde?

Contra o final do artigo menciona o señor Velarde o “cataclismo de 2008-2011”. Que casualidade mais casual que a desfeita remate no último ano de Zapatero! E o 2012? E o 2013? Falamos de economía ou de que estamos a falar, señor Velarde? Nun exercicio de auténtico cinismo, remata vostede coas palabras de Böhm-Bawerk, aquelas de que “a mente humana ten a facultade de descubrir as relacións de causalidade entre as cousas”. Certo, señor Velarde; pero tamén ten a facultade de contar contos interesados, e dicir negro onde está a ver branco porque interesa velo negro. E semella ser o seu caso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.