Primeiro tomamos Manhattan

Cando repasemos os feitos sobranceiros daquel ano británico de 2012, habemos lembrar a viaxe que fixo David Cameron a Escocia a mediados de febreiro. As implicacións da viaxe conservadora ao norte das illas, e da súa reunión con Alex Salmond, o líder do SNP, reveláronse transparentes e revolucionarias para a futura morfoloxía política do Reino Desunido. No transfondo da viaxe está a confianza explícita que os escocesistas teñen no seu proxecto de referendo sobre a independencia escocesa nos vindeiros anos, e maila súa boa xestión gobernamental. Outro elemento deste cadro é a ausencia no discurso dos tres grandes partidos estatais dunha política que sexa alternativa á do SNP.

A dama de ferro debe estar furiosa. Mentres a presidenta arxentina critica a presencia do príncipe Guillerme en helicóptero nas illas Malvinas-Falkland, ao tempo que se achega o aniversario daquel conflito que tanto procurou a Thatcher, Cameron marcha a Edimburgo co chapeu na man, tentando evitar o inevitable. A desesperación da viaxe confirma que só pode haber dous desenlaces nesta historia: ou hai un plebiscito onde unha maioría de escoceses vota a favor da independencia total, ou o goberno autónomo escocés, dirixido polo SNP, chega a un acordo co goberno de Londres sobre un federalismo completado. Se fose isto último, Cameron e os seus manterían o espellismo dunha unión británica sen creba, mentres os escocesistas gozarían unha independencia en todo agás na denominación.

E que ten que ver todo iso coa Galiza? O éxito do nacionalismo escocés consiste en colocarse no punto de fuga do equilibrio político británico. O SNP ocupa a mantenta o espazo central da política precisamente para poder chegar a máis sectores da poboación escocesa e convencelos do seu proxecto. Sabe poñer nun plano secundario as diferenzas políticas internas, co obxectivo de chegar ao poder e realizar o seu fin principal: mandaren na propia casa. Faino o SNP sen a urxencia social da saúde dunha lingua que recibe ataques todos os días das mesmas institucións que debían defendela. Se nace esa nova forza política galega que agora tanto se necesita, as súas primeiras olladas deberían ir para o norte. Primeiro tomamos Manhattan, e logo tomamos Berlín.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.