Que feminismo?

Ridiculizando as sufraxistas Dominio Público

O feminismo e o sufraxismo tiveron simpatizantes e partidarios porén tiveron moitos detractores que usaron o vilipendio e a ridiculización para desacreditar unha loita e unhas demandas de elemental xustiza. Mais o peor de todo foi o uso da ocultación e o silencio das intrépidas loitadoras a prol da emancipación das mulleres, da súa liberación, dos seus dereitos

Desde sempre as mulleres sinalaron a subordinación, a opresión e a desigualdade respecto dos varóns. Porén non é antes do século XIX que comezan organizarse para reivindicar a emancipación do seu sexo.

O termo feminismo, no senso que o usamos hoxe, entrou formar parte na linguaxe corrente francesa en 1882 da man da xornalista, sufraxista e pioneira feminista francesa Hubertine AUCLERT. En Inglaterra desde 1894, ao principio usábase a palabra como “a posesión de calidades femininas”. En Rusia desde 1911 feminismo e feminista úsanse no senso moderno.

O feminismo e o sufraxismo tiveron simpatizantes e partidarios porén tiveron moitos detractores que usaron o vilipendio e a ridiculización para desacreditar unha loita e unhas demandas de elemental xustiza. Mais o peor de todo foi o uso da ocultación e o silencio das intrépidas loitadoras a prol da emancipación das mulleres, da súa liberación, dos seus dereitos.

Sobrará dicir que ao longo da miña carreira de historia, cursada nos anos 1968-1973 en Compostela, nunca escoitei unha palabra sobre vindicacións, declaracións, disputas ou querelas das mulleres. E nada sobre o sufraxismo nin as sufraxistas.

Lembro, si, a miña nai referirse nunha ocasión ás sufraxistas británicas que dalgún xeito lle chegaran a ela como “ mulleres estrañas e ridículas con aqueles vestidos brandindo os seus paraugas” sen poñer a atención nas súas demandas.

Volumes I e II da edición galega de 'O segundo sexo' © Xerais

Hoxe, moitos medios de comunicación sinalan que a mocidade é remisa ao feminismo e fan fincapé nos peores datos das investigacións sociolóxicas e de mercado

Simone de Beauvoir publica en 1949 O Segundo sexo logo de estar dous anos e medio investigando e traballando para dar corpo a súa idea de que é a cultura ben máis que a bioloxía a que conforma a natureza e o comportamento femininos.

Mimá a algarabía que montaron!

Críticas carentes de toda sustancia e fundamento. Dun traballo que cuestiona e desafía as tradicións respecto da familia, da sexualidade, do masculino e o feminino recibe cualificacións do tipo de inmoral, obsceno, antinatural, antipatriota, análise moi subxectivo, abandono da loita de clases pola loita de sexos e bla bla bla. Por suposto que a igrexa católica incluíu Le deuxiéme sexe no Index Librorum Prohibitorum (creado en 1559 e en vigor ate 1966 abolido polo Papa Paulo VI).

Semellante recepción dun traballo desa envergadura desanimaría a calquera e non deixaba de ser un aviso a navegantes. Iso que a Beauvoir aínda non se declaraba nin consideraba feminista.

Un 49,2% da xente moza, percibe o feminismo como unha “ferramenta de manipulación política” e un 46,1% dos mozos sosteñen que as políticas de igualdade discriminaron o xénero masculino. E eu estou por escribir aquí que comparto percepcións emparentadas coa primeira desas opinións

Hoxe, moitos medios de comunicación sinalan que a mocidade é remisa ao feminismo e fan fincapé nos peores datos das investigacións sociolóxicas e de mercado.

En titulares e entresacados poucas veces se repara nas respostas se as preguntas son abstractas (o feminismo, a igualdade) ou van a terreos precisos. Non é moi relevante, acaso, que o 80% defenda que as tarefas domésticas han repartirse de xeito equitativo? Tampouco hoxe é un problema matrimonial que a muller gañe máis (parécello a un 14%) ou ese 10% que pensa que participar na crianza dos fillos fainos “menos homes”, é dicir que o 90% non pensa tal. Francamente, para min que vin, vivín e padecín unha sociedade fortemente machista nas leis, nas mentalidades e nos comportamentos até non hai tanto, todo isto paréceme extraordinario. Esta sociedade máis culta, máis laica, máis feminista e máis pesimista que di o CIS no seu enorme estudo España 2025.

Si, xa sei que no 2021 o 49,9% da mocidade se declaraba feminista e hoxe faino un 38,4% di IPSOS, ao igual que os datos anteriores. Aínda así España é a líder europea en feminismo. O 51% da poboación identifícase como tal (en Alemaña un 28%; Reino Unido un 37%; Canadá e EEUU un 40%; Países Baixos un 42% e Suecia un 48%).

Tamén sei que un 49,2% da xente moza, percibe o feminismo como unha “ferramenta de manipulación política” e un 46,1% dos mozos sosteñen que as políticas de igualdade discriminaron o xénero masculino segundo o Barómetro de Juventud y Género. FAD Juventud, marzo 2026.

E eu estou por escribir aquí que comparto percepcións emparentadas coa primeira desas opinións.

Cartel dunha manifestación do 8 de marzo en 1990 © Cedida

Non hai acaso un uso instrumental do feminismo por parte dos partidos políticos en bastantes ocasións? Non son hoxe as institucións as que marcan a axenda feminista? 

Non hai acaso un uso instrumental do feminismo por parte dos partidos políticos en bastantes ocasións? Non son hoxe as institucións as que marcan a axenda feminista? Ao longo dese proceso de institucionalización sectores relevantes do feminismo deixáronse arrastrar polos altofalantes e polas subvencións das institucións.

Así as cousas non é tan difícil de entender que haxa xente moza renitente ás proclamas de gobernos locais, nacionais ou estatais ou vexa con desafecto as liortas entre partidos con estas cousas e coas cousas mesmas.

Por outra parte, a palabra feminismo polariza nalgúns sectores mozos, porque se lle atribúe que sei eu que significado e porque hai extremistas misóxinos que botan moita leña nese lume, pero isto non é novidade algunha (si é novidade os mecanismos dos que se serven)

Non parece doado que ese feminismo pechado na identidade de xénero, no vitimismo e no puritanismo e que atopa lecer en castigar, teña capacidade de seducir nen resultar atractivo. Nin á xente vella, nin á xente moza

Ademais, o feminismo que máis se fai oír hoxe, está afastado en aspectos de fuste daquel espírito libertario que chamaba ás mulleres a lograr o pan e as rosas; a sacudirse a tutela e a protección (do pai, do marido, da igrexa, do estado); a non aceptar o papel de subordinadas; a conquistar a noite, o ocio, o sexo, os traballos, as relacións familiares e a vida libre de acoso e violencias. A decidir sobre o propio corpo e a maternidade. A ocupar todas as esferas públicas e mesmo de poder e demandar as leis, os recursos e os orzamentos para este desempeño.

Non parece doado que ese feminismo pechado na identidade de xénero, no vitimismo e no puritanismo e que atopa lecer en castigar, teña capacidade de seducir nen resultar atractivo. Nin á xente vella, nin á xente moza.

Se a loita feminista non é quen de implicar canta máis xente (mulleres e homes) para defender todos os dereitos e liberdades para todas, para todos e para todes, difícil vai ser frear o desapego desa mocidade molesta e incómoda coa sociedade na que vive.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.