Que inventen eles!

CC-BY U.S. Secretary of Defense

Nun momento como o actual, no que un virus nos ataca e nos retén, máis do que faría ou podería facer un ditador, que nos obriga a levar máscaras, a non poder bicar nin abrazar a persoas queridas, a non frecuentar as nosas amizades, a escapar dos seres humanos como apestados, as nosas mentalidades deben cambiar. 

O virus chamado Covid 19 é un perigoso inimigo e temos que procurar non respirar en ambientes onde poidamos aspiralo porque é a través da respiración como podemos contaxiarnos, enfermar e morrer. 

O nivel científico dun determinado país, relacionado, sen dúbida, coa inversión económica que o estado lle dedica á formación científica, ao estudo nos laboratorios, e á difusión dos adiantos conseguidos, serán clave nos resultados obtidos

Falamos de virus e de contaxios. Daquela serán métodos científicos os que nos poden liberar. Serán os laboratorios os lugares onde se descubran os medicamentos que poidan atacalos e, tratándose de epidemias, as vacinas que poden evitar os contaxios. 

O nivel científico dun determinado país, relacionado, sen dúbida, coa inversión económica que o estado lle dedica á formación científica, ao estudo nos laboratorios, e á difusión dos adiantos conseguidos, serán clave nos resultados obtidos. Por iso, á marxe dos coñecementos ou da imaxinación dos nosos estudosos, o probable é que os remedios se elaboren onde hai un alto nivel económico, e, daquela, fóra das nosas fronteiras. 

Neste momento, tanto o goberno como a poboación, decátase de que a inversión en ciencia é escasa, por non dicir moi pobre no noso país, e que debe ampliarse en anos sucesivos. Pero as tendencias non varían dun día para outro.

Durante anos existiu, non só unha escasa ou nula atención, senón un desprezo das investigacións científicas. A frase de Unamuno, un dos intelectuais máis importantes da Xeración do 98, Que inventen ellos! Nosotros a lo nuestro, indica con claridade que a invención, a investigación, non é o noso. Que o fagan eles, os estranxeiros. Nós, ao noso. Que sería o noso ? A España relixiosa e tradicional, as procesións, a mantilla, os touros, os nosos valores? 

Actualmente necesitamos vacinas e xa agardamos por unha vacina elaborada en España. De cadrarme, non teño ningún inconveniente en deixarma poñer. Confío nos controis científicos plenamente. Sei que coa saúde da cidadanía non se xoga

Certamente, os valores actuais xa non son os dos tempos de Unamuno. Un século non pasou sen grandes cambios. Pero tamén é certo que a inversión en ciencia nunca foi moi importante en España. 

Comezamos a decatarnos dos cambios. Actualmente necesitamos vacinas e xa agardamos por unha vacina elaborada en España. De cadrarme, non teño ningún inconveniente en deixarma poñer. Confío nos controis científicos plenamente. Sei que coa saúde da cidadanía non se xoga. 

O noso de Unamuno, actualmente, tamén é a nosa invención e a investigación en todos os campos. Incluso, en certos aspectos, pioneiros, como produtos, usados en todo o mundo, obtidos das algas…, o relacionados coa pesca. Lamentablemente non se fala, nin se escribe moito sobre iso. Cando temos oportunidade de sabelo asómbranos. É o meu caso, pero lamentablemente non teño os datos necesarios para comunicárllelo. O noso tal vez estea máis ao día que o noso coñecemento do noso.

Xa saben que son optimista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.