Que non pase nada…

Afirmar a estas alturas que para o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Abad, a mellora da convivencia escolar ou a formación do profesorado en técnicas de resolución de conflitos na aula, non son prioridades do seu departamento, non sería desvelar ningún secreto. Ben sabemos que seguindo unha onda promovida polo seu propio partido noutras comunidades e particularmente por algún sindicato do sector, puxo en marcha a Lei de Convivencia e Participación, en 2011, que recoñecía a condición de autoridade pública ó profesorado pero que, de facto, serviu como escusa para facer a tristemente famosa consulta ós pais sobre o idioma galego, anulada por reiteradas sentencias xudiciais. Convivencia e participación, palabras fermosas, estaban no título da lei simplemente para encandilar a incautos.

Reiterar que en temas de convivencia escolar estamos peor que cando vostede chegou á Consellería, tampouco parece ningunha esaxeración

Sen querer defraudalo, reiterar que en temas de convivencia escolar estamos peor que cando vostede chegou á Consellería, tampouco parece ningunha esaxeración. A verdade é que no tempo que leva, unha lexislatura completa e o que pasou da actual, nesta materia, nada de nada. A resposta do Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, a unha pregunta formulada polo deputado de AGE, Xabier Ron, no Parlamento sobre o Observatorio Galego da Convivencia Escolar amosa, sen lugar a dúbidas, o pouco interese que suscitan as ferramentas creadas polos seus antecesores para afrontar a conflitividade nos colexios e institutos de Galicia. Referímonos ó Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, aprobado e asinado pola totalidade dos representantes da Comunidade Educativa e polo propio Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, precisamente un 30 de Xaneiro de 2007, no Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Mahatma Gandhi, nun solemne acto oficial que vinculaba e comprometía ó goberno galego, sendo conselleira de educación Laura Sánchez Piñón.

En todo o tempo que Jesús Vázquez Abad leva na Consellería de Educación ninguén coñece actividade algunha do citado Observatorio

A partir daquel texto de referencia, no que o Seminario Galego de Educación para a Paz tivo a honra de colaborar activamente, os centros educativos foron elaborando os seus propios plans de convivencia e creouse, un 12 de Abril, polo Decreto 85/2007, o Observatorio Galego da Convivencia Escolar con representación da comunidade educativa, as distintas administracións implicadas, expertos e movementos de renovación pedagóxica, para coordinar e dinamizar as iniciativas para abordar os conflitos nas aulas. Entre as súas funcións estaban: Avaliar sistematicamente a situación da convivencia nos centros, establecendo estratexias para a recollida de información, análise e difusión dos datos,impulsando a investigación neste ámbito; Propoñer iniciativas de cara á mellora do clima escolar, elevando propostas de actuación á Administración educativa e realizando o seguimento e avaliación destas iniciativas.Informar e asesorar as administracións sobre aspectos normativos relacionados coa convivencia e coas actuacións dirixidas á súa mellora. Propoñer liñas de actuación en materia de formación do profesorado no que respecta á convivencia escolar, promover a elaboración de materiais e recursos e facilitar o intercambio de experiencias. Asesorar a comunidade educativa nos temas propios do observatorio. Ou elaborar un informe anual sobre a convivencia escolar.

En todo o tempo que Jesús Vázquez Abad leva na Consellería de Educación ninguén coñece actividade algunha do citado Observatorio. Así o confirmou Manuel Corredoira no Parlamento mesmo falando del en pasado, como si fose un simple instrumento de carácter arqueolóxico.

Polo xeral detectamos casos de disrupción, indisciplina, algún incidente de maltrato entre iguais, matonismo,  e mínimos episodios de acoso escolar, condutas violentas reiteradas e dilatadas no tempo, máis coñecido como bullying

Non quixeramos ter que lamentar algunha desgraza grave, irreversible queremos dicir, en materia de convivencia escolar en Galicia. Por máis que cada certo tempo os medios de comunicación alerten de casos puntuais, a porcentaxe real de incidentes e de partes segue a ser moi baixa sobre o total do alumnado e de gravidade menor. Polo xeral detectamos casos de disrupción, indisciplina, algún incidente de maltrato entre iguais, matonismo,  e mínimos episodios de acoso escolar, condutas violentas reiteradas e dilatadas no tempo, máis coñecido como bullying. En calquera caso, en materia de prevención, tratamento, mediación ou formación específica, en Galicia, temos moito por facer.

Por sorte, sen axuda oficial, os centros escolares van resolvendo razoablemente ben os conflitos de convivencia, manexando os seus propios plans e os observatorios de centro, con moito voluntarismo, con comisións e aulas de convivencia non segregadoras, mesmo nalgúns casos que debemos felicitar moi especialmente, con equipas de mediación e tratamento de conflitos onde participan pais e nais, profesorado e alumnos e alumnas mediadoras formados polos propios colexios e institutos, experiencias premiadas e recoñecidas no ámbito do Estado, como o encontro anual de mediación que se ven celebrando no IES Fin do Camiño de Fisterra e que reúne a rapaces e rapazas de toda España, sen practicamente axuda institucional algunha.

Confiemos en que o Conselleiro non teña que dar nunca explicacións públicas por algún suceso lamentable en materia de acoso escolar en Galicia porque as súas responsabilidades políticas, ó noso entender, serían obvias

Con que autoridade a Consellería de Educación pode reclamar actuacións dos colexios e institutos en materia de convivencia escolar? Con que lexitimidade pode pedir que funcionen os Plans de Convivencia e os Observatorios dos centros si non cumpre coas súas propias obrigas?. Para que necesita competencias plenas en materia educativa?

Confiemos en que o Conselleiro non teña que dar nunca explicacións públicas por algún suceso lamentable en materia de acoso escolar en Galicia porque as súas responsabilidades políticas, ó noso entender, serían obvias.

 

Artigo escrito conxuntamente por Manuel Dios e Xabier Ron

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.