A Fragas do Eume representaron, nestes tráxicos días para o país, un akelarre ecolóxico inadmisible, cuxos culpables algún día serán condenados ao oitavo círculo do inferno, que tan ben describía Dante na Divina Comedia, onde moran os rufiáns e traidores.
Durante o acto no Obradoiro ao que asistín, puiden comprobar unha vez máis como o anteriormente coñecido como BNG, teimaba por capitalizar o descontento de todos, inundando tan simbólico emprazamento de bandeiras partidarias
Sempre observo este tipo de puñaladas na esencia do noso país, cun punto de curiosidade, ante a previsible resposta da caste política e adláteres, tentados de utilizar unha desgraza que afecta a todos, para buscar o bastardo rendemento partidario. A sociedade civil tivo a sabia iniciativa de convocar aos galegos a concentrarse nas nosas cidades, vilas e pobos, para protestar polo acontecido no paraíso do Eume, e pedir unha política axeitada de protección dos nosos espazos ecolóxico ademais de esixir responsabilidades pola xestión durante a crise incendiaria. Durante o acto no Obradoiro ao que asistín, puiden comprobar unha vez máis como o anteriormente coñecido como BNG, teimaba por capitalizar o descontento de todos, inundando tan simbólico emprazamento de bandeiras partidarias e proclamas tantas veces oídas, rancias nas formas e baleiras na mensaxe.
O nacionalismo galego leva xa demasiados anos aturando que os que se consideran gardiáns das esencias, fagan un dano irreparable a un sentimento que moitos compartimos por este país, e que a sociedade cada día mira máis dende a indiferenza, pola marxinalidade de determinados comportamentos, que minan potenciais posibilidades de futuro político nesta terra. Nin o anteriormente coñecido como BNG representa a todo o nacionalismo, nin o galeguismo está disposto a que o identifiquen con esa trincheira política.
Os que se pechan á posibilidade de chegar a toda a nosa sociedade, por crer que fóra de determinados parámetros so existen fascistas e renegados da Galiza, deben saber que para representar a alguén, o primeiro do que hai que ser capaz é de representarse a si mesmos
Os que se pechan á posibilidade de chegar a toda a nosa sociedade, por crer que fóra de determinados parámetros so existen fascistas e renegados da Galiza, deben saber que para representar a alguén, o primeiro do que hai que ser capaz é de representarse a si mesmos. A algún pódeno acusar de ser un submarino para torpedear o nacionalismo bañado da pureza ideolóxica, cuxa alma mater vive baixo os efluvios dunha boa colección de zarzuela española, mais sempre será preferible mergullar na busca de posibilidades construtivas para o país, que ser un “bucanero” pagado por quen corresponda en cada momento, que dita sentenzas dende a impunidade que dá o ego desmedido e a ambición mal calculada.
Que non sexa a nosa terra a que remate pagando coma sempre, polo pouco que demostran querela algúns dos seus fillos.
Ou non?