“Arancel: a palabra mais bonita do dicionario” Donald Trump.
Transcorridos xa vinte meses dende que Donald Trump decidira unilateralmente impoñer distintos aranceis a moitos dos países cos que comercializaba parecera que é un tempo axeitado para analizar o impacto desta guerra comercial dos Estados Unidos con os seus antigos socios comerciais
Transcorridos xa vinte meses dende que Donald Trump decidira unilateralmente impoñer distintos aranceis a moitos dos países cos que comercializaba parecera que é un tempo axeitado para analizar o impacto desta guerra comercial dos Estados Unidos con os seus antigos socios comerciais. Lembremos que entre as xustificacións utilizadas para esta medida unilateral están a protección da industria nacional e a volta ao seu país das grandes corporacións estadounidenses que se trasladaran a outros nacións maiormente no sueste asiático- para así beneficiarse dos custos mais baixos e da libre circulación de capitais.
Unha decisión que expertos da categoría de Joseph Stiglitz e Paul Krugman descualificarían con contundencia. Si o primeiro cualificou como “un desastre” os aranceis, o segundo -un dos maiores expertos a nivel mundial sobre o comercio internacional- diría que “hai tantos erros neste enfoque que é difícil saber por onde empezar....si vostedes tiñan algunha esperanza de que Trump se afastara do abismo, este anuncio, entre as sacratísimas taxas arancelarias e as completas falsidades sobre o que fan outros países, debería rematar con esta”.
Pero, que nos din as evidencias?. Estados Unidos pechara o ano 2023 con unha taxa de cobertura da balanza comercial do 64% (61% no 2022) e un déficit comercial do 4,1% do PIB (5% no 2021). No ano 2025, e como consecuencia dos aranceis, no primeiro semestre as importacións acadaron cifras récords por mor de que as empresas estadounidenses aceleraron as súas compras antes de que entraran en vigor os aranceis. A pesar que no segundo semestre se desaceleraron as importacións Estados Unidos pecharía o ano 2025 con un novo déficit comercial avaliado en 900.000 millóns de euros o que indicou que non houbo cambios significativos en relación cos anos anteriores e que tamén os déficits comerciais seguían manténdose moi elevados. Os datos que se van coñecendo do ano 2026 (mes de setembro) apuntan a que o déficit comercial, especialmente na balanza comercial de bens, continúa sendo moi elevado, incluso superior ao do ano anterior polas mesmas datas. Como podemos ver e de momento os aranceis non están producindo un dos efectos anunciados por Donald Trump pois o déficit comercial dos Estados Unidos segue disparado e con el o da balanza por conta corrente (226,8 mil millóns de dólares no primeiro semestre do 2026) que disparan a débeda externa (30 billóns de dólares nas mesmas datas, un máximo histórico).
Uns aranceis de ida e volta
A “guerra arancelaria” de Donald Trump -suba dos aranceis a tódolos seus socios comerciais- que este anunciara pomposamente -”Dia da liberación”- atravesaría diferentes episodios. Asi o primeiro anuncio -2 de abril de 2025- consistiría en un arancel universal do 10% ao que se sumarían taxas comerciais complementarias para un grupo de 60 países -entre os que estarían China, Canada, México, India....-. Unha medida que sufriría un primeiro revés cando a Corte Suprema -febreiro do 2026- os anularía por “consideralos inconstitucionais e que o executivo se excedera nas súas funcións” e un segundo revés, pero con menor impacto, cando o Tribunal de Comercio Internacional de Nueva York declaraba -maio 2026- que os novos aranceis globais do 10% eran ilegais. Finalmente a administración Trump cambiaría de estratexia e fixaría unha “taxa personalizada” -aranceis específicos, entre un 10% e un 12%- a un conxunto de 60 países-. A explicación da Administración estadounidense sería a de que “a política arancelaria do pais non cambiou.... o que cambia é a formula legal para implementala”.
Efectos no comercio internacional
O que non se pode negar é a incerteza que este tipo de actuacións da administración estadounidense está creando no comercio internacional, unha incerteza que como suliñaba antes está levando a que os exportadores busquen diversificar a súa cadea de subministros e procuren novos mercados fora dos Estados Unidos
Para mellor coñecer o efecto destes aranceis definitivos resulta oportuno analizar que pasa no comercio internacional e como responde aos mesmos a economía estadounidense, moi especialmente a economía dos seus cidadáns. En relación ao comercio internacional sinalar que no caso das empresas estadounidenses, tal e como reflicte a balanza comercial, estas incrementaron drasticamente os seus pedidos (+20 de media en relación a anos anteriores) por que o que realmente sucedeu foi que trasladaron as súas cadeas de subministro a países con menores aranceis: “as importacións son como a auga, flúen de países con aranceis altos a países con aranceis baixos”. Por outra parte países castigados con aranceis altos (China, Canada) axustaron o seu comercio a outros países que, como contrapartida, víronse beneficiados destes axustes (Australia, Latinoamérica). Asemade, e en contra do que proclamaba a administración Trump, países que foran castigados con aranceis altos (Sureste Asiático: Vietnam, Tailandia, Taiwan...) rexistraron “enormes aumentos” nas exportacións aos Estados Unidos (polo efecto substitución das importacións chinas) o que está provocando cambios nas cadeas de subministro e, de rebote, nas producións. Como se pode comprobar os aranceis aprobados pola administración Trump teñen impacto no comercio internacional pero non na dirección que aquela esperaba pois, como sinalaba antes, as importacións non se reducen ao igual que o déficit comercial: cambian os provedores, as fontes de subministros, pero non o valor total das importacións ao tempo que os países afectados tamén cambian o destino das súas exportacións.
O que non se pode negar é a incerteza que este tipo de actuacións da administración estadounidense está creando no comercio internacional, unha incerteza que como suliñaba antes está levando a que os exportadores busquen diversificar a súa cadea de subministros e procuren novos mercados fora dos Estados Unidos.
Impacto na produción e o consumo caseiros
Son as empresas manufactureiras e as familias estadounidenses quen mais están sufrindo o efecto dos aranceis
En relación a produción hai que subliñar que ata agora non hai rastros de que as empresas multinacionais que abandonaran os Estados Unidos estean volvendo ao seu país de orixe. O que si realmente está pasando é que tanto moitas empresas como moitas familias estadounidenses están sufrindo o impacto dos aranceis o que pon en evidencia que son os estadounidenses os que mais o sofren. Tiñan toda a razón Joseph Stiglitz e Paul Krugman nos seus vaticinios.
En xeral estes anos de aranceis non son nada positivos para as industrias manufactureiras e o emprego nos Estados Unidos xa que, practicamente, os únicos que están medrando son as empresas relacionadas coas grandes tecnolóxicas e a intelixencia artificial (IA). Ben é certo que os ingresos aduaneiros tiveron un crecemento espectacular (+300% no 2025) pero non foi grazas a un incremento das exportacións senón a conta dos importadores estadounidenses, dos consumidores a as empresas manufactureiras. Moitas destas últimas tiveron que subilos prezos, recortar investimentos, reducir empregos e baixar salarios para compensar o impacto dos aranceis. En definitiva, e segundo un estudio da Reserva Federal, son as empresas manufactureiras e as familias estadounidenses quen mais están sufrindo o efecto dos aranceis, un custo que algúns expertos avalían en centos de miles de millóns de dólares e centos de miles de empregos: “o longo do primeiro ano dos aranceis (abril 2025, maio 2026) os empregos nas manufacturas reducíronse, aproximadamente, en 6.250 mensuais de prometio..... as familias americanas pagarán en 2026 en custos arancelarios, aproximadamente 2.500 dólares por familia (1.000 dólares en 2025)” (Advacing American Freedom).
Segundo un recente informe da CNN (“Os votantes din non gracias: os aranceis de Trump non convencen a clases traballadora”. Ronald Brownstein), deste mes de setembro e froito dunha enquisa da CNN e outras organizacións de medios, “son moitos mais os estadounidenses que creen que os aranceis prexudican en lugar de beneficiar ás súas finanzas... un consenso que parece estenderse, incluso, entre os votantes brancos da clase traballadora sen título universitario” quen pasan por seren un dos maiores caladoiros de votos de Donald Trump.
Rio revolto, ganancia de especuladores... amigos de Donald Trump
Pero non todos os estadounidenses perden cos aranceis pois segundo denuncia o New York Times tamén hai gañadores. Quen son?: os especuladores, entre os que abondan altos directivos da administración estadounidense e tamén amigos da familia Trump, que apostan contra os aranceis intercambiando dereitos de reembolso arancelarios
Pero non todos os estadounidenses perden cos aranceis pois segundo denuncia o New York Times tamén hai gañadores. Quen son?: os especuladores, entre os que abondan altos directivos da administración estadounidense e tamén amigos da familia Trump, que apostan contra os aranceis intercambiando dereitos de reembolso arancelarios. Algo tan maquiavélico como que estes especuladores toman apostas contra os aranceis por que pensan que finalmente serán anulados o que incrementará o valor dos dereitos de reembolso. Uns dereitos de reembolso titulados (convertidos en títulos que cotizan) que segundo algúns senadores demócratas, a administración Trump utiliza para favorecer aos seus amigos e castigar aos seus inimigos. “O presidente Trump está favorecendo visiblemente a algunhas empresas e investidores, algúns dos cales o cortexou publicamente con regalos persoas, como o reloxo de escritorio chapado en ouro presentado recentemente polo CEO de Rolex, e tamén a doadores aos seus controvertidos plans para construír un salón de baile na Casa Branca” (New York Times).