Queridas teorías da conspiración: As guerras como conspiración (II)

Canón antiáreo do exército franquista na Guerra Civil española Dominio Público Biblioteca Virtual de Defensa

Ao longo da Historia houbo conspiracións que superaron o estado de mera teoría para triunfaren, como o magnicidio de Xulio César, a entronización do cristianismo como relixión de estado, ou sexa, única verdadeira, os innúmeros golpes de estado militares

Ao longo da Historia houbo conspiracións que superaron o estado de mera teoría para triunfaren, como o magnicidio de Xulio César, a entronización do cristianismo como relixión de estado, ou sexa, única verdadeira, os innúmeros golpes de estado militares como aquel que no seu fracaso principiou a Guerra Civil española, o ataque xaponés a Pearl Harbor, os atentados contra Hitler, as guerras de Donald Trump…

Con todo, unhas mellor fundadas que outras, as dúbidas permanecen sobre moitas tramas, algunhas vinculadas ás que enumerei antes.

Non creo que houbese unha conxura entre historiadores cando eran unánimes en ver na guerra de Troia mera invención literaria do Homeros. Se tal confabulación houbo, de fixo acabarían renunciando a ela, porque hoxe medra en consenso que unha guerra destruíu Troia no tempo en que os tratadistas clásicos a situaron. Ora ben, que a motivase o rapto da raíña consorte de Esparta, Helena, cheira que fede a escandalosa ocultación conspiradora para enmascarar o que os astutos gregos en verdade querían, controlaren o paso a Oriente polos Dardanelos… coas súas peaxes. Por certo, cada vez que entro na autoestrada galega lembro o señor Aznar coa familia ou, máis simple, pregunto por que raio teño que eu pagar. El non hai aí outra conspiración aínda por desvendar?

Sobre a Guerra Civil española, os estudosos Beneroso/López Collazo probaron que, tan cedo como en 1935, o xeneral Franco estivo en tratos coas autoridades e «forzas vivas» de Xibraltar, insinuando que maquinaba un golpe para cando as dereitas perdesen o poder na República Española, o que dá forma á tese da novela Xibraltaria. De ser certo ese contubernio, o resultado da guerra non variaría, mais explicaba as vacilacións de Franco en sumarse a un golpe que non era o seu, que lle atropelaba os plans de dominio persoal até que logrou empoleirarse á súa dirección suprema. 

Ninguén dubida que a Carrero Blanco o matou ETA, mais medran as insinuacións de que a CIA sabía como ía ser e non só non moveu nada para evitalo, senón que puido propicialo, ao tempo que algúns servizos españois evitaron actuar…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.