Radiografía macroeconómica de Galicia

CC-BY-SA Praza Pública

Agora que comenza unha nova lexislatura seguramente sexa oportuno pasar revista ao estado en que está a economía galega pois so coñecendo os problemas se poden aportar solucións.

A historia nos ten ensinado que na maioría dos casos as recesións económicas viñeron por unha caída do gasto privado que non foi compensada con un forte impulso do gasto público. En Galicia a crise bancaria (2008) derivou, por caso, nunha sacratísima caída do investimento privado e tamén do consumo dos fogares por mor do maior desemprego e das menores rendas dispoñibles. Caídas que non foron compensadas con estímulos fiscais como tería sido mester o que contribuíu a que Galicia se manteña nunha longa onda de baixo crecemento económico. 

Vexamos que nos din para o caso as estatísticas oficiais (IGE) agora que se inicia unha nova lexislatura (*)

En relación ao gasto privado, un dos motores sobre os que debera pilotar a economía galega, o ano 2023 seguiu a tendencia decrecente dos anos anteriores acadando, en términos reais, un valor equivalente ao 66,8% do que acadara no 2008: unha caída practicamente ininterrompida que xustifica que falemos dunha longa recesión. Unha caída que afecta tanto ao consumo dos fogares (78.7%) como, moi especialmente, o investimento privado (20,2%) que se derruba. 

En relación ao consumo dos fogares si inicialmente foi o desemprego provocado pola crise do sector inmobiliario o que contribuíu a súa caída logo serían as políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial (“o austericidio”) e a inflación. Si a renda per capitá caeu 12,5 puntos a súa participación na riqueza nacional (PIB) o peso dos salarios non volveu a recuperar os valores previos a crise bancaria (43,3%: tres puntos menos). Paralelamente, e moi especialmente, durante a pandemia, as familias galegas acumularon unha bolsa de aforro moi importante que loxicamente afectou ao consumo que tivo unha caída superior a da renda.

Pero sería o investimento privado quen provocaría unha maior caída do gasto. Varias son as razóns, algunhas que, por outra parte, afectan a toda a economía mundo. En primeiro lugar o enorme auxe da economía financeira que levou a que se disparara o investimento especulativo (>90%) sobre o investimento produtivo, en segundo lugar ao libre movemento de capitais que está favorecendo que a maior parte do investimento ben se coloque no centro do capitalismo (80%) ben nos estados BRIC con China a cabeza, dinámica que prexudica a periferias como Galicia. Por si isto non fora suficiente os axustes fiscais, con recortes no investimento público, arrastran consigo a caída do investimento privado como veremos a continuación. Finalmente non menos relevancia teñen en Galicia a situación do sistema bancario galego e as expectativas futuras.

Neste marco recesivo cabería esperar que a Xunta de Galicia tirara do outro motor da economía: o gasto público. Pero contra toda lóxica iso non foi o que sucedeu. En todo este tempo (2008/2023) o gasto público, en termos reais, estivo sempre por debaixo dos valores previos a crise bancaria (95,4% no ano 2023). Dentro do gasto público o investimento público durante os peores anos da crise (2011-2020) foi unha das partidas do gasto mais sacrificadas (49,5%) para logo ter una suba pero sin que de ningures acadara os valores previos a crise bancaria (70,1%, 72,9%) como sería mester.

A redución do déficit exterior (65%) parecera reflectir unha evolución positiva da balanza comercial pero a análise mais polo miúdo danos unha visión mais realista da situación. Unha caída das importacións (-12,5%) superior a recuperación das exportacións especialmente notable no ano 2022 (+2,1%) o que reflicte un fenómeno conxuntural Globalmente este recuperación da demanda externa non é quen de compensar a caída da demanda interna.

Se agora pasamos a análise da oferta agregada observamos como se acentúa a terceirización da economía galega (65,6% da oferta) mais pola debilidade dos sectores produtivos (primario: -20,5%, industria: -13,5% e construción: -52%) que polo fortalecemento dos servizos. (-6%). Un retrato que reflicte un modelo produtivo moi dependente do exterior e con debilidades estruturais. Se supoñía que un dos obxectivos preferentes da austeridade era conseguir unha Galicia mais produtiva, pois ben a produción por persoa en idade laboral, que xa partía de niveis moi baixos, diminuíu un 18% dende 2008. Sen dúbidas que o incremento do desemprego tivo o seu peso pero sucede que a produtividade por persoa empregada tamén diminuíu un 9% o que en grande parte se explica polo modelo produtivo que se impón e que ten os servizos privados (maiormente o turismo) como motores.

Con estas políticas públicas non cabía agardar outros resultados. Resulta indiscutible que a Xunta de Galicia non fixo os deberes. Non vale votar balóns fora pois ben se podía ter feito unha política diferente con un maior acento no público e unha maior confianza na sociedade galega.


(*): Tódolos indicadores utilizados foron elaborados a partires dos datos subministrados polo IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.