Versión curta:
O louzán indíxena galaico decidira resolver así o imperativo de alertar ao seu pobo do perigo inminente. Tan orfo de líderes como pródigo en curias e nunciaturas, o Reino deixara confinar o seu idioma no estéril exilio dos usos litúrxicos, panteón ilustre de linguas mortas pero fonte de privilexios, dádivas e regalías. Con certeza, a inmolación do seu mais afouto guerreiro no ruinoso altar das letras galegas lograría interrogar ao pobo sobre as causas daquela desolación. Cando o sangue quente comezou esvarar cegando as runas esculpidas no templo sacrifical -Colligit, Expurgat, Innovat- linguas marmuradoras comezaron honrar o seu oficio: grandes perigos se cernían sobre o Reino que as sudorosas mans de cátedras e cesantías xa non podían seguir a ocultar.
Versión longa:
A lingua galega entrou en fase terminal. Asumámolo con entereza, sen dramas. Rompeuse a cadea primixenia, a da transmisión familiar: cando iso sucede unha lingua atópase ante a súa sentenza de morte. Recoñezamos o noso fracaso colectivo, pois compre coincidir en que estes trinta anos de política linguística poden resumirse nunha ecuación: o número de euros investidos en normalización é directamente proporcional ao número de falantes perdidos.
O número de euros investidos en normalización é directamente proporcional ao número de falantes perdidos
Pese a iso, cómpre evitar caer no fatalismo. Que a lingua se encontre en fase terminal non implica a súa necesaria desaparición: outras que estaban en peor situación atópanse agora en franca recuperación. Isto non só ilustra a existencia de políticas linguísticas efectivas na restitución e preservación vernacular: o que é mais importante, refuta calquera tentación de considerar os factores externos -globalización, colonialismo ou semellantes- como causa fundamental desta debacle. A responsabilidade do que aquí aconteceu é, fundamentalmente, nosa.
De forma natural pensamos nas institucións do noso emerxente sistema de autogoberno como as mais directamente concernidas na política linguística galega. Esas responsabilidades, con non ser exclusivas -o desleixo do governo federal non pode ser omitido- son innegábeis; mais ao apuntar ao executivo, non deberiamos esquecer o que a inscrición tallada en mármore lembra a quen cruza a entrada na Universidade de Heidelberg: a función que as institucións académicas desempeñan na lexitimación moral e intelectual da acción gubernamental. Non se trata dun mea culpa inscrito en fermosas letras góticas para exculparse por ter extendido carta de natureza científica e xurídica á política de exterminio do goberno nacional-socialista; trátase dunha lección, a primeira que debe aprender quen cruza as portas da universidade alemana, sobre os perigos da falta de honestidade e rigor intelectuais. Trátase dunha advertencia sobre as demoledoras consecuencias da corrupción académica na súa interacción co poder político.
Perante a situción da nosa lingua: teremos o valor de mirar de frente ás nosas institucións académicas para interrogarnos sobre a súa responsabilidade no deseño, posta en marcha e mantenemento desta postmoderna máquina de castelanización? A xulgar pola súa precisión, ben podería ser de construción alemá.
A perda de falantes é consecuencia directa da corrupción da nosa Academia durante o proceso de instauración da autonomía
Fago explícita a miña hipótese para sometela a pública consideración: a perda de falantes é consecuencia directa da corrupción da nosa Academia durante o proceso de instauración da autonomía. Dende o marco teórico das elites extractivas podería formularse afirmando que, a cambio de garantir a súa prevalencia no acceso ás rendas -económicas e simbólicas- derivadas da actividade asociada á lingua, o sector hoxe hexemónico na Academia tería acordado lexitimar a política promovida pola coalición dominante. Dado o carácter marcadamente centralista da coalición, a estratexia requería a neutralización política do feito diferencial buscando activamente equiparar a identidade galega á española. O goberno controlaba os recursos económicos, mais precisaba de base científica que avalara aquela estratexia. A Academia, perenne obxecto de precariedade orzamentaria, dispoñía da lexitimidade e do arsenal científico-técnico necesario.
A solución final atopouse na proposta de hibridación do galego co sistema ortográfico do castelán. Por unha parte, a proposta servía para descartar os modelos de inmersión linguística dado que as semellanzas entre ambos idiomas favorecían a súa coexistencia na escola. Por outra, ao formalizar o elemento central da identidade como subproducto do castelán, lográbase neutralizar o feito diferencial tornando ademais en anecdótica, cando non inexistente, a súa relación co diasistema orixinario galego-portugués. Os académicos que denunciaron a ineficacia daquela aproximación así como a súa evidente falta de rigor científico foron condenados ao ostracismo polos seus compañeiros, como quedou evidenciado no caso de Ricardo Carvalho Calero. A golpe de decreto lei, e silenciando as voces críticas, consolidaríase o dogma político-científico do bilinguismo harmónico, tan convenientemente alonxado do rigor académico como apegado ao poder político.
A golpe de decreto lei, e silenciando as voces críticas, consolidaríase o dogma político-científico do bilinguismo harmónico
En suma, a política linguística de Galicia nunca estivo orientada á restitución de falantes, senón á neutralización política do feito diferencial na súa mais requintada expresión: a lingua. Trinta anos despois obtemos os resultados daquel proceso de corrupción académica observando como a lingua entra en fase terminal vendo interrompida a súa transmisión familiar. Mais, se a lingua desaparece, a función das institucións, centrada en neutralizar o potencial político do feito diferencial, deixa de ser necesaria mais alá do seu papel litúrxico. E aí é cando saltan as alarmas. Nunha sorte de vinganza poética, a corrupción da Academia acaba por cuestionar a necesidade da Academia mesma.
Ao presentar a súa demisión, Méndez Ferrín materializou a que con certeza foi a mais relevante achega da súa presidencia: facer explícita a dimensión política dunha institución que é a pedra de toque da arquitectura académica e gubernativa asociada á lingua
Ao presentar a súa demisión, Méndez Ferrín materializou a que con certeza foi a mais relevante achega da súa presidencia: facer explícita a dimensión política dunha institución que é a pedra de toque da arquitectura académica e gubernativa asociada á lingua. Xa non poderán por mais tempo os académicos -mulleres poucas hai- seguir a parapetarse tras a suposta asepsia científica para eludir a sua responsabilidade no estado de cousas da lingua. A iniciativa de asumir a defensa do idioma contra as agresións xurídicas promovidas dende o propio goberno representa neste sentido a cifra coa que se medirá a a capacidade de rexeneración moral da institución.
Pero ademais de abdicar, o ex-presidente abxurou da súa condición de académico. Deixando claro que non é a Real Academia Galega o lugar onde o seu compromiso coa lingua pode expresarse mellor, deixou tamén sinalada a necesidade de identificar novos pagos onde o idioma poida agromar vizoso. Á luz da lenta pero inexorabel migración de tantas personas de relevancia cara o padrón internacional, podería atoparse na Academia Galega da Lingua Portuguesa unha das posíbeis alternativas. Outra sería que a RAG, constatando o fracaso do bilinguismo harmónico, reconsiderase a dogmática exclusión do reintegracionismo. Sumadas esas teses ás que promoven a inmersión linguística, a perspectiva dunha cidadanía competente en tres dos idiomas mais falados do planeta debera facer reflexionar a quen continúa acreditando na arcadia isolacionista do guetto feliz.