A CIG, sindicato maioritario no ensino, denunciaba que para o curso 2022-2023 a Xunta suprimía 59 unidades (33 de Infantil e 26 de Primaria) con respecto ao curso anterior, que se traducía en 100 docentes menos, que a Xunta xustificaba polos descenso de alumnado matriculado. A CIG sinalaba outros factores: “A Consellaría de Educación segue adiante coa política de desmantelamento da educación pública, que antepón criterios economicistas á calidade da educación. Vai redundar na masificación das aulas, debido ao incremento das ratios e á imposibilidade de realizar desdobres. A Xunta debería aproveitar a baixada de poboación en idade escolar para rebaixar as ratios e reducir o horario lectivo do profesorado e non como unha posibilidade de aforrar diñeiro.
A educación que deixa o PP
Número de docentes. A Consellería de Educación tiña 31.375 docentes en 2009 e 30.534 en 2022, é dicir, 841 menos, segundo o informe Datos e cifras do ensino non universitario da propia consellería. Como contraste, nos centros privados en réxime de concerto o número de docentes no curso 2008-2009 (goberno PSOE-BNG) era de 5.283 que pasa a 5.618 no curso 2022-2023, é dicir, 335 máis.
Perda de poder adquisitivo: desde 2010 até 2021 o salario do profesorado de centros públicos baixou un 15,44%.
Gasto educativo: O último orzamento do goberno bipartito recollía 2.423 millóns para Educación (hoxe representarían 2.968 euros, tendo en conta que o IPC subiu un 22,5% de 2009 a 2022, segundo o INE), mentres en 2023 era de 2.796 millóns, é dicir, un descenso de 172 millóns de euros entre 2009 e 2023. O gasto educativo anual por habitante de Galiza foi de 955 euros, cando a media estatal era de 1.055; Euskadi 1.489 e Nafarroa 1.294 euros. Por detrás de Galiza só quedaban Castela-León (958), Madrid (938) e Asturias (899 euros), segundo datos de 2021 da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF).
Bolsas e axudas á educación: A Xunta bipartita dedicaba 35 millóns de euros a bolsas e axudas á educación en 2008. No curso 2019-2020 con Feijoo de Presidente, pasaba a 14,4 millóns, é dicir, un 57% menos.
Ensino concertado: Os concertos educativos pasaron de 3.836 aulas en 2008 a 3.967 no curso 2021/2022. Os Orzamentos da Xunta para estes centros concertados era de 250 millóns de euros en 2009 a 306,04 millóns no curso 2022-2023, creceron un 22,4%. Como contraste, durante o mandato de Feijoo o orzamento destinado á educación pública só subiu un 7,9% pasando de 1.754 millóns de euros en 2009 a 1.893 no curso 2021-2022. Comparando con outros países da Unión Europea, mentres no Estado español o 78,8% dos centros eran de titularidade pública e o 21,2% privada, na UE o 81% son públicos, o 84% en Alemaña e o 90% nos Países Baixos.
Educación Especial. O ensino privado tamén tivo un trato privilexiado na educación especial por parte dos gobernos do PP. En 2009 había 241 unidades de Educación Especial: 140 públicas e 101 en centros privados. No curso 2021-2022 as unidades públicas eran 164 (aumento de 24) e 204 as privadas (aumento de 103), segundo datos do Instituto Galego de Estatística.
Mobilizacións contra os recortes e en defensa do ensino público
Foron numerosas as mobilizacións en defensa do ensino público e recollo dous exemplos. A Consellería de Educación pretendía reducir de 78 a 63 o cadro de persoal docente del IES Punta Candieira de Cedeira (A Coruña) para o curso 2022-2023. O equipo directivo presentaba a dimisión por ese recorte inxustificado porque había un incremento da matrícula: pasaba de 39 a 54 en 1º de ESO y, globalmente, de 306 a 310 no ESO. O Pleno municipal de Cedeira tamén rexeitaba esa redución do profesorado.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xustificaba esa redución no Pleno do Parlamento Galego de 14 de setembro de 2022 por razóns “demográficas”. Unha persoa representante da comunidade educativa do IES Punta Candieira de Cedeira de Cedeira era expulsada da Cámara por interromper o conselleiro desde a tribuna dicindo “Iso é mentira”, e por levar unha camiseta reivindicativa. María Perna, voceira da Plataforma, declaraba que a redución do profesorado provoca a supresión de clases de apoio e reforzo educativo, da aula de convivencia, do bacharelato de adultos, redución de materias optativas e a suba da ratio de alumnado por aula. Pais e nais concentrábanse o 7 de setembro de 2022 diante do instituto e o alumnado realizaba unha sentada no recreo o 8 de setembro de 2022 lucindo camisetas negras co lema: “Non aos recortes”. Por outra parte, recollían 2.000 firmas contra os recortes de profesorado.
No CEIP Cruz do Sar de Bergondo (A Coruña) recollían sinaturas contra o recorte inxustificado de persoal de Audición e Linguaxe. O PP rexeitaba no Parlamento Galego unha Proposición non de Lei presentada polo BNG e apoiada polo PSOE para que se atendan as demandas do equipo directivo, claustro, familias e corporación municipal (incluído o PP) para reforzar o profesorado de apoio para atender o alumnado con necesidades especiais. Mercedes Queixas, deputada do BNG, acusaba á Xunta de recortar este curso dúas prazas, una de primaria e outra de Pedagoxía Terapéutica.
Autorización ilegal da universidade privada promovida por Abanca
Pregunta: pode autorizar a Xunta unha universidade privada incumprindo a lei?
Resposta: depende.
Pregunta: e de que depende?
Resposta: de quen a solicite.
Neste caso o solicitante era Abanca, un banco venezolano con moi boas relacións co PP. Lembremos que Feijóo regalou a Banesco as caixas de aforros galegas e que despois de aprobar o Consello da Xunta de 27 de xullo de 2022 a autorización da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), o presidente Alfonso Rueda asistía poucos días despois, o 30 de xullo, a unha romaría internacional en O Carballiño, invitado por Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca e dono de Banesco.
UIE iniciaba a súa actividade nos campus da Coruña e Vigo no curso 2022-2023, sendo Miguel Ángel Escotet o reitor (curmán de Juan Carlos Escotet), e ofertando seis titulacións en dúas facultades, de Administración de Empresa e Dereito, e de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial: catro graos e dous mestrados. Estas titulacións xa están presentes nas universidades públicas de Santiago, Vigo e A Coruña.
Non se cumpre, xa que logo, o artigo 13 do SUG "o catálogo de titulacións ofertadas [en novos centros universitarios] deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG, e valorarase especialmente a súa conexión con novas ramas xurdidas no campo científico e con novas necesidades profesionais". Os tres reitores das universidades galegas denunciaban que esta universidade privada duplicaría titulacións xa existentes e que a oferta actual no sistema público é suficiente e só precisa dun maior financiamento.
Por outra parte, estas titulacións impártense en español e inglés, excluíndo a lingua galega como vehicular, que contradí o sinalado na Lei o SUG: "O galego e o castelán son as linguas propias das universidades [...] o galego, como lingua propia da Galiza, é a lingua de uso normal nas actividades das universidades".