O gasto anual por persoa que dedicaba Galiza a servizos sociais en 2022 era de 363 euros, cando a media estatal era de 372. Navarra dedicaba 615 euros, Estremadura 555 e Asturias 506, segundo datos da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais (AEDXSS). Nese ano a porcentaxe do gasto en servizos sociais respecto do PIB era na Galiza do 1,82% e de 1,88% a media estatal.
O índice de calidade de vida da poboación ten en conta nove variábeis: condicións materiais de vida, emprego, educación, saúde, ocio e relacións sociais, gobernanza e dereitos básicos, seguridade física e persoal, entorno e medio ambiente e experiencia xeral de vida. Galiza está situada nos lugares de cola do Estado con 100,4, cando a media do Estado é de 101,8; só Andalucía (98,6), Canarias (99,3) e Murcia (99,8) presentan cifras máis baixas, segundo datos do INE para 2021.
A Unión Europea suspendía á Xunta en calidade de servizos. O informe do Índice Europeo de Calidade de Goberno de 2009 (Goberno de PSdeG-BNG) situaba a Galiza cunha puntuación de +0,4 e no do ano 2022 pasaba a –0,3. Galiza ficaba no décimo cuarto posto das 17 comunidades autónomas do Estado; as de mellor puntuacións eran Euskadi (+0,9), A Rioxa (+0,8) e Navarra (+0,7).
As persoas con algún tipo de dependencia están claramente esquecidas. Unha persoa potencialmente en situación de dependencia recibía en Galiza 868 euros en 2020, mentres o goberno de Euskadi dedicaba 2.552 euros, Navarra 2.058 e Castela-León 1.634 euros. Por outra parte, había que esperar 342 días para que se valorase unha solicitude de dependencia, segundo informaba O Observatorio Estatal para a Dependencia en decembro de 2021. Nesa data había en Galiza 8.728 casos pendentes de resolución.
En relación co Servizo de Axuda no Fogar (SAF) temos tamén na Galiza uns indicadores moi negativos porque só o 3,3% das persoas maiores de 65 anos ten acceso a este servizo, cando é do 4,9% a media estatal.
Non hai prazas en centros especializados para atender a persoas con capacidades diferentes. Segundo a AEDXSS, a ratio de prazas residenciais na Galiza para persoas con discapacidade sobre o total de persoas con discapacidade é de 1,2% fronte a 1,6% da media estatal.
En Galicia había 72.215 persoas que a finais de febreiro de 2023 tiñan recoñecido o dereito a unha prestación derivada dunha situación de dependencia, mais só 65.374 recibiran algunha desas prestacións, segundo datos da Xunta. O tempo medio para que se resolva a axuda de dependencia era de 372 días en Galiza, 34 días máis que a media do Estado. Había 3.890 persoas que esperaban a que se resolvese a súa solicitude: 745 esperaban que se lles recoñeza o grao de dependencia e 3.145 para saber que axuda lles correspondería.
Galiza está na cola de residencias para maiores. Tiña 223 centros residenciais de maiores no ano 2020 para 687.685 persoas con máis de 65 anos, é dicir, 3,23 centros por cada 10.000 habitantes maiores de 65 anos, moi por debaixo da media estatal de 6,01, dos 14,56 de Estremadura ou dos 11,38 de Castela-León, segundo datos do Instituto de Maiores e Servizos sociais (IMSERSO). Galiza tamén ten un importante déficit de prazas porque a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda 5 prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65 anos, e Galiza só dispón de 2,83 prazas, sendo 4,22 a media estatal.
Por outra parte, Galiza é a comunidade con menos porcentaxe de prazas públicas sobre o total. No conxunto do Estado hai 389.032 prazas en residencias e 242.206 son públicas (62%), en Galiza o 41% e en Euskadi o 76%, segundo o IMSERSO. En definitiva, en Galiza o PP está por potenciar o privado, é dicir, o negocio por riba do servizo público.
Galiza tería unha carencia de 14.902 prazas en residencias para maiores, só superada por Andalucía (28.457) e Comunidade Valenciana (21.900), que teñen moita máis poboación.
Privatización da xestión das residencias de maiores. En agosto de 2022 a Xunta de Galiza publicaba o procedemento de licitación do servizo asistencial de centros de atención diúrna e residencial en Cambados, Cerdedo-Cotabade, Curtis e Redondela, cun contrato de 7,2 millóns de euros por dous anos prorrogábeis para 152 prazas.
A Xunta alegaba que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar “non conta con medios persoais suficientes para a prestación deste servizo” e concluía que esta fórmula “suporá o mellor control da calidade, eficacia e eficiencia na xestión dos servizos sociais, así como un aforro dos custos respecto da xestión directa”.
Para a Confederación Intersindical Galega (CIG) “o barato sae caro, e ese prezo é o que hai que pagar polo modelo ultraprivatizador dos servizos sociais, xerando á vez precariedade nas atencións que se prestan ás nosas persoas maiores e no propio persoal traballador”.