Aumento da desigualdade

O índice de Gini, que mide a desigualdade, aumentou 1,5 puntos co goberno de Feijóo, pasando de 0,284 en 2008 a 0,42 en 2020. O índice 0 significaría que todas as persoas terían os mesmos ingresos e 1 a desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e ningún ingreso o resto da poboación.

As rendas de traballo caeron dous puntos durante o goberno de Feijóo, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Representaban o 46% do PIB a 31 de decembro de 2020, dous puntos menos que en 2009. Pola contra, as rendas de capital significaban o 52% do PIB en 2009 e pasan ao 54% en 2020. Tomás Pikkety, autor do libro O Capital século XXI, sinala que a relación entre as rendas do capital e do traballo é o principal indicador das desigualdades sociais.

O poder adquisitivo dos salarios baixou un 2,7% desde 2010 até 2021. Os máis pobres cada vez son máis e cada vez cobran menos; os máis ricos cada vez son menos e teñen maiores ingresos. Así resumía a situación actual a economista Natividad López Gromaz no seu artigo Avanzando na desigualdade.

Tamén hai un medre das desigualdades entre a clase traballadora. Se no ano 2009, cando Feijóo chega á Xunta, as persoas cuxos ingresos brutos anuais estaban por debaixo do SMI representaban o 26,5% do total das persoas con ingresos por salarios en Galiza, no ano 2020 incrementouse até 39,2% da poboación asalariada.

Jerónimo Batista Bucher, científico arxentino de 22 anos, elixido pola universidade de Harvard e o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts como un dos 100 Líderes do Futuro a nivel mundial, propuña estas liñas de actuación: “Gravar máis aos super ricos é un requisito estratéxico para reducir a desigualdade e revitalizar a democracia. Debemos facelo para fomentar a innovación. Para lograr uns servizos públicos máis sólidos e construír sociedades máis sans e felices. Tamén para abordar a crise climática, investindo en solucións que contrarresten as escandalosas emisións dos máis ricos”.

 

Poboación en risco de pobreza

O informe sobre O Estado da Pobreza en Galiza, elaborado en 2021 pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN) sinalaba que o risco de pobreza ou exclusión social de Galiza era de 24,5% en 2021, cando en 2010 non chegaba ao 23%, segundo a Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística. En Euskadi sería do 15,9%, Navarra 16,6%, Madrid 21,1%, Cataluña 22,14%, Castela-León 22,4%, Andalucía 38,4% e Estremadura 39,1%***.

En Galiza 490.000 persoas están por baixo do limiar da pobreza, segundo un informe da Asociación Estatal de Servizos Sociais, que recolle datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que a Rede Galega contra a Pobreza eleva a 700.000 ao sumar aquelas persoas que están en risco de pobreza, e só o 10,7% percibe o Ingreso Mínimo Vital (IMV), cando a media no Estado é do 13,4%, 28% en Navarra e 22% en Euskadi.

A Tarxeta Báxica activouse en xullo de 2021 no marco da pandemia pola COVID para “garantir, a través da satisfacción dunhas condicións materiais mínimas, a participación plena de toda a cidadanía na vida social e económica”. A Xunta destinaba 41 millóns de euros para facilitar a compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia, beneficiándose 75.000 familias desde a súa posta en funcionamento, que ingresaban 150, 200 e 300 euros, dependendo do número de membros da unidade familiar.

A Xunta cancelaba esta Tarxeta Báxica a partir de 1 de xullo de 2022 (tampouco había ningunha partida nos Orzamentos da Xunta para 2023), medida rexeitada por BNG e PSdeG-PSOE, e puña en marcha un convenio de 7,1 millóns de euros para axuda a comedores sociais e bancos de alimentos.

A Renda de Integración Social (RISGA) é un complemento do ingreso mínimo para quen cobra un Ingreso Mínimo Vital demasiado baixo ou para as persoas quen non o poden percibir. Segundo un estudo de OXFAM-Intermón de xuño de 2022, unha de cada catro persoas en situación de pobreza severa (39%) non pode optar nin ao IMV nin á RISGA. Como contraste, en Euskadi só o 3,7% da poboación máis vulnerábel ficaría fóra destas prestacións básicas.

Están en situación de pobreza severa aqueles fogares dunha soa persoa cun ingreso mensual de 530 euros ou de 1.112 euros para unha familia por dúas persoas adultas e dúas menores. Esta pobreza extrema afectaba en 2008 en Galiza a 168.199 persoas (6% da poboación) e no ano 2021 alcanzaba a 237.769 persoas (8,8%); era do 4% en Euskadi e 5,9% en Navarra.

Nos 30 países máis ricos da OCDE hai sobre 70 millóns de pobres. A taxa de pobreza infantil en Galiza é do 33%, é dicir, un de cada tres nenos/as galegas están en risco de pobreza.

O 20% das persoas asalariadas no chega a mileuristas. En Galiza máis de 173.000 asalariadas (20% do total) non chegan a mileuristas, segundo o INE. A precariedade é aínda peor nas mulleres, cun 29,5% que non chega a 1.000 euros mensuais, e na mocidade (o 49% dos menores de 25 anos perciben menos de 1.000 euros). Nos últimos anos houbo unha importante suba do SMI, que pasaba dos 707,7 euros ao mes (en 14 pagas) no ano 2017, goberno de Mariano Rajoy, a 1.121 euros en 2024 co goberno de Pedro Sánchez, sendo Yolanda Díaz ministra de Traballo.

A CIG reivindicaba un SMI do 60% do salario medio estatal fixado en 28.301 euros, como recomenda a Carta Social Europea, é dicir, 1.212 euros mensuais, “isto significa quitar das rendas do capital cara as rendas do traballo, para mellorar así as condicións de vida de decenas de miles de traballadoras e traballadores galegos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.