As pensións máis baixas do Estado, máis de 400.000 pensionistas galegas viven na pobreza

O goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero, a patronal e os sindicatos UXT e CCOO aprobaban unha reforma do sistema de pensións en 2011 que atrasaba de 65 a 67 anos a idade de xubilación, ampliaba a 37 anos o período cotizado para obter o 100% da pensión e ampliaba de 15 a 25 anos o período para calculala. O goberno do PSOE non facía outra cousa que seguir o plan de rescate financeiro aprobado pola UE após a pandemia que condicionaba a recepción das axudas dos Next Generation á aplicación dunha serie de reformas, entre elas o incremento dos anos de cálculo das pensións para axustalo ao conxunto da vida laboral. O Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social da Universidade de València apuntaba que se esta reforma era aprobada habería unha caída do 8,6% das pensións no Réxime Xeral e do 10,3% no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA)

O 95,5% dos homes maiores de 65 anos reciben unha pensión contributiva, que só cobran o 55,7% das mulleres, e a pensión destas é 448 euros menor que a dos homes, segundo o informe de CCOO Observatorio Social das persoas maiores 2022 para un envellecemento activo. A pensión media en Galiza en xaneiro de 2023 era de 1.015,78 euros (só por riba de Estremadura), 174,34 euros por baixo da estatal, segundo o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

En Galiza 404.154 pensionistas vivían na pobreza en 2021, unhas 71.000 máis que no ano 2000, segundo datos da Rede Europea da Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN). Enténdese por pobres aquelas persoas cuns ingresos inferiores ao chamado limiar da pobreza, é dicir, 60% por debaixo da media da renda estatal equivalente en unidades de consumo, cifrado en 2020 nun ingreso anual menor de 9.626 euros nun fogar dunha persoa, ou de menos de 20.215 euros con dous adultos e dous menores.

Por outra parte, un 22,10% das persoas pensionistas da Galiza atópanse en pobreza severa, é dicir, viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% da media de renda estatal. Mentres a media estatal é do 16,10%, 8,3% en Castela-A Mancha, 8,80% en Madrid e 8,3% en Euskadi.

 

A reforma das pensións

O acordo para a reforma das pensións entre o ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migración, CCOO e UXT, plasmado nun Decreto Lei do Consello de Ministros de 16 de marzo de 2023, aprobábase sen pasar polos organismos de representación institucional do Estado, impedindo a participación da Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato maioritario en Galiza, que ten representación neses organismos.

Consolidaba as reformas do goberno de Rodríguez Zapatero (2011) e de Mariano Rajoy (2013). Con esta reforma auméntase de 25 a 29 anos o cálculo das novas pensións. Durante os próximos 20 anos poderá elixirse entre os actuais 25 anos ou ampliar até os últimos 29 anos de vida laboral, descartando os dous peores. Vendíase esta reforma como un gran éxito, cando o propio Banco de España sinalaba que cada ano de aumento no período de calculo vai significar un 0,5% de redución da pensión

Era a terceira reforma das pensións do goberno de PSOE-Unidas Podemos, xa que en xullo de 2021 aprobaba recuperar o Índice de Prezos de Consumo (IPC) para calcular o incremento anual das pensións, mais non o IPC real interanual acumulado, senón un novo indicador chamado IPC medio, que non garante poder adquisitivo das persoas pensionistas. E en xullo de 2022 aprobaba os chamados Plans de Emprego de Pensións que desenvolven, a través da negociación colectiva, plans privados de pensións no ámbito de cada sector, xestionados por compañías financeiras ou aseguradoras.

Para a CIG esta reforma “segue o camiño do desmantelamento do sistema público de pensións cara á súa privatización, converténdoo nun sistema asistencial e de beneficencia”. CIG, ELA e Intersindical-Confederación Sindical Catalana convocaban mobilizacións en Galiza, Euskadi e Cataluña o 29 de marzo de 2023, véspera da súa aprobación no Congreso, centradas nestas reivindicacións: recuperación da xubilación aos 65 anos, que se teña en conta os últimos 15 anos para calcular a pensión e que se aprobe por lei unha pensión mínima de 1.260 euros, que sería o equivalente á taxa de 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea. Coa reforma das pensións o goberno tamén espera chegar a unha pensión mínima de 1.260 euros, pero en catro anos.

Esta reforma das pensións era convalidada polo Congreso o 30 de marzo de 2023 con 179 votos a favor (PSOE, UP, ERC, PdeCat, CC, Compromís, PRC, Teruel Existe, Máis País), 61 abstencións (Vox, Junts e EH-Bildu), e 104 en contra de PP, Cs, Foro Asturias, CUP e BNG, aínda que con distinta argumentación (a posición do BNG coincidía coa valoración da CIG). O PP, Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPEME), non apoiaron esta reforma porque, segundo estas últimas, “será un lastre para a competitividade das empresas. A obtención de ingresos do sistema cárgase ás costas das empresas, autónomos e traballadores”.

O aumento do gasto do sistema de pensións será financiado a través de dous incrementos das cotizacións sociais. O primeiro elevando a porcentaxe de contribución ao chamado Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI), para encher a coñecida como hucha das pensións e poder recorrer a ela nos próximos anos para financiar as pensións da xeración baby boom. O MEI supón na actualidade un pago adicional do 0,6% (0,5% do empregador/a e 0,1% do traballador/a).

A segunda vía de ingreso afectará só a persoas traballadoras que teñan unha retribución actual mensual de 4.495,5 euros brutos (53.947 anuais). Até agora a parte do salario que superaba esa cantidade estaba exenta de cotizar á Seguridade Social, pero a partir de 2025 terá que abonar unha cotización adicional do solidariedade do 1% en 2023, que chegará ao 6% no ano 2045 (5% para a empresa e 1% para a traballadora). Con esta suba das cotizacións sociais o goberno ten previsto uns ingresos anuais adicionais de 15.000 millóns de euros (1,3% do PIB), chegando o gasto total das pensións a 190.000 millóns de euros en 2023 (12% do PIB)**.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.