Cando asistimos en directo ao xenocidio do pobo de Gaza a través das nosas pantallas ou vemos como asasinan impunemente a máis dun centenar de nenas nunha escola no Irán, denunciar a violencia que se exerce contra as mulleres e intentar poñer solución semella unha tarefa inalcanzable
Cando asistimos en directo ao xenocidio do pobo de Gaza a través das nosas pantallas ou vemos como asasinan impunemente a máis dun centenar de nenas nunha escola no Irán, denunciar a violencia que se exerce contra as mulleres e intentar poñer solución semella unha tarefa inalcanzable, pois estamos ante un poderoso monstro que non ten pudor en levar todas as vidas que sexan por diante con tal de preservar os seus intereses xeopolíticos e económicos por riba de calquera petición de cumprimento dos dereitos humanos básicos, que son papel mollado. Se non importa que milleiros de nenas, nenos e bebés sexan brutalmente bombardeados, vulnerando o primeiro dereito de todos, o dereito á vida, nada importa. As persoas somos números, danos colaterais e sobramos cando entorpecemos a política imperialista global.
Pero cando o mundo é dirixido sen mínimos indicios de humanidade, as menos humanas somos as mulleres. Estámolo a ver nos papeis de Epstein que van saíndo pouco a pouco á luz. Neste contexto capitalista patriarcal as mulleres non somos máis que mercadoría da que se pode sacar tallada.
No noso país non caen bombas do ceo, pero está a caer unha bomba continuada sobre as mulleres e as nenas, e é aquela que nos quere escravizadas, explotadas e sen dereitos
No noso país non caen bombas do ceo, pero está a caer unha bomba continuada sobre as mulleres e as nenas, e é aquela que nos quere escravizadas, explotadas e sen dereitos, unha bomba de acio que nos educa, tanto a través dos medios de comunicación e redes como desde os centros educativos, para que as mulleres asimilemos as diversas formas de explotación como algo que “nos empodera”, vendendo a explotación sexual como “liberdade de elección”, a explotación reprodutiva como “altruismo” e a explotación médica de xénero como “diversidade” baixo unha linguaxe manipulada a favor dos dereitos, que non son máis que os desexos dos poderosos. E o peor é que se vende como feminismo. Un “feminismo” colonizado que fabrica mulleres que non saben definirse como tales e que se move na individualidade posmoderna e neoliberal, poñéndose ao servizo do sistema e reforzándoo.
Cómpre unha resposta contundente de toda a poboación, mulleres e homes, para recuperar os dereitos humanos básicos arrebatados por esta estrutura imperialista e patriarcal que dirixe as políticas públicas. Pero nunca será eficaz se a análise deixa de lado a metade da poboación, as mulleres, como asunto secundario
Cómpre unha resposta contundente de toda a poboación, mulleres e homes, para recuperar os dereitos humanos básicos arrebatados por esta estrutura imperialista e patriarcal que dirixe as políticas públicas. Pero nunca será eficaz se a análise deixa de lado a metade da poboación, as mulleres, como asunto secundario, como dano necesario, como muleta na que soster a sociedade. Loitemos polos dereitos das mulleres arrebatados e recuperémolos, denunciemos a explotación, a deshumanización e a violencia. Xa non por nós, senón polas nenas e nenos que serán as mulleres e homes de mañá, que queremos que vivan nun mundo máis xusto, máis humano e máis igualitario.
O vindeiro domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é unha grande oportunidade para reclamar un mundo no que mulleres e homes podamos vivir en plena igualdade e sen violencia. Vémonos ás 12 da mañá para encher as rúas de Vigo cun berro de xustiza: “Nin fendas, nin barreiras, nin traballo escravo: mulleres libres!”.