Os incendios forestais son cada vez máis intensos e destrutivos. Afrontar esta realidade esixe unha xestión forestal sostible que, alén de producir bens e recursos, preserve os servizos ecosistémicos e os beneficios ambientais e sociais que o monte achega ao conxunto da cidadanía
O pasado 11 de decembro de 2025 publiquei neste diario o artigo titulado “Planificación estratéxica e táctica do monte galego en materia de defensa contra incendios forestais”. Nel defendía a necesidade de que, antes do verán de 2026, Galicia contase cunha estratexia de xestión forestal e de defensa contra incendios capaz de corrixir as carencias operativas e estruturais detectadas en campañas anteriores.
Introdución
Os incendios forestais son cada vez máis intensos e destrutivos. Afrontar esta realidade esixe unha xestión forestal sostible que, alén de producir bens e recursos, preserve os servizos ecosistémicos e os beneficios ambientais e sociais que o monte achega ao conxunto da cidadanía.
Con todo, a planificación forestal galega continúa presentando importantes debilidades. Os principais déficits concéntranse na gobernanza, na escasa execución das actuacións previstas e nun marco normativo que require actualización. A iso súmase o insuficiente desenvolvemento dos órganos de participación pública e dos mecanismos de participación da sociedade.
A esta situación engádese unha carencia especialmente significativa: Galicia segue sen dispoñer da súa Estratexia Forestal, que é o documento estratéxico inicial da política forestal galega, o que debe ordenar e xerarquizar as liñas de actuación. A súa elaboración resulta inaprazable.
O Decreto 140/2021, do 30 de setembro, polo que se aproba a primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, Cara á neutralidade carbónica (PFG), ten que ser:
• Planificado, con obxectivos, prioridades, prazos e actuacións claramente definidos.
• Comprometido, mediante un financiamento suficiente, estable e programada.
• Consensuado, favorecendo o diálogo entre as administracións e os sectores económicos, ambientais e sociais implicados.
• Verificable, con indicadores obxectivos que permitan medir o grao de cumprimento e corrixir as desviacións.
Fitos temporais: O desfasamento normativo na xestión forestal de Galicia
A xestión e o futuro dos montes galegos debátense actualmente entre os prazos da normativa e os instrumentos de ordenación avanzan con lentitude. Os incendios forestais evolucionan cunha rapidez cada vez maior
A planificación forestal galega arrastra un importante atraso respecto á realidade do territorio. Os actuais distritos forestais foron creados no ano 2000 e os Plans de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Distrito (PLADID) aprobáronse en 2009. Desde entón, o escenario cambiou profundamente. O cambio climático, a acumulación de combustible vexetal e a aparición de incendios de quinta e sexta xeración incrementaron o risco, mentres que estes instrumentos seguen pendentes dunha revisión integral. A iso engádese que os documentos completos dos PLADID nin sequera están dispoñibles para a súa consulta pública nas páxinas oficiais.
Outro dos grandes déficits é a ausencia dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF). A Lei de montes de Galicia prevé a súa elaboración para cada distrito forestal e, xa en 2018, unha comisión de expertos recomendou completar todos estes plans entre 2019 e 2024, priorizando as zonas con maior incidencia de incendios. Con todo, este obxectivo continúa sen cumprirse.
Os PORF teñen ademais unha función estratéxica. A Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, outórgalles a consideración de plans territoriais especiais, converténdoos no principal instrumento tanto para a xestión dos montes como de ferramenta normativa para a regulación dos usos do solo forestal a escala subrexional.
A estas carencias súmase a limitada execución do PFG. O seu desenvolvemento presenta importantes deficiencias: moitas actuacións non alcanzan os indicadores previstos e persisten a falta de concreción no financiamento, a programación orzamentaria e os prazos de execución.
A xestión e o futuro dos montes galegos debátense actualmente entre os prazos da normativa e os instrumentos de ordenación avanzan con lentitude. Os incendios forestais evolucionan cunha rapidez cada vez maior.
Galicia articula a súa estratexia forestal en dous grandes niveis:
• O PFG como instrumento básico de planificación estratéxica.
• Os plans de ordenación dos recursos forestais (PORF) como instrumento de planificación territorial.
Con todo, a implementación deste marco normativo avanza a distintas velocidades.
Estruturación en tres tempos
Tras os grandes incendios rexistrados en 2025, a prioridade xa non é só previr os próximos lumes, senón recuperar canto antes os terreos afectados. A restauración hidrolóxico-forestal persegue un obxectivo inmediato: protexer á poboación fronte a riscos como a erosión, as inundacións ou os desprendementos
Na actualidade, a organización do territorio forestal galego planifícase segundo á superficie considerada en:
• Planificación forestal estratéxica (macroplanificación):
Xa consolidada e desenvolvida baixo o paraugas normativo do Decreto 140/2021, do 30 de setembro. Nel establécense os obxectivos e as liñas de actuación a longo prazo.
• Planificación forestal táctica (mesoplanificación):
Centrada no despregamento subrexional dos PORF nos 19 distritos forestais. Este paso, clave para a primeira revisión do PFG, está programado para o 2º quinquenio de aplicación do mesmo. A súa elaboración depende, ademais, do Inventario Forestal Continuo de Galicia, unha ferramenta esencial para coñecer o estado real dos montes que aínda non foi presentada.
• Planificación forestal operativa ou executiva (microplanificación):
É o nivel onde a planificación se converte en actuacións concretas sobre o terreo. Inclúe entre outro, traballos de prevención, silvicultura, restauración ambiental e recuperación das zonas afectadas polos incendios.
A emerxencia post-incendio
Tras os grandes incendios rexistrados en 2025, a prioridade xa non é só previr os próximos lumes, senón recuperar canto antes os terreos afectados. A restauración hidrolóxico-forestal persegue un obxectivo inmediato: protexer á poboación fronte a riscos como a erosión, as inundacións ou os desprendementos. Ao mesmo tempo, busca conservar os recursos hídricos, recuperar os ecosistemas, preservar a capacidade produtiva dos montes e protexer as infraestruturas e o patrimonio cultural.
As zonas prioritarias de actuación deben revisarse cada ano en función da gravidade dos incendios e dos danos ocasionados, dentro do marco de planificación de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
En resposta aos incendios de 2025, o MITERD aprobou 13 actuacións de restauración hidrolóxico-forestal en Galicia, cun investimento de 9,5 millóns de euros. Con todo, en xuño de 2026 a Xunta de Galicia certificou unicamente o 9,77% do orzamento previsto, un grao de execución que reflicte a necesidade de acelerar a recuperación das zonas afectadas.
Revisar os PLADID: unha prioridade inaprazable
Galicia xa non se enfronta aos incendios forestais do pasado. O cambio climático, o abandono do medio rural e a acumulación de combustible vexetal están a favorecer lumes cada vez máis intensos, rápidos e difíciles de controlar. Os recentes megaincendios de quinta e sexta xeración demostran que o modelo de prevención debe adaptarse a esta nova realidade
Os PLADID son unha das ferramentas clave na primeira revisión do PFG 2021-2040. A súa actualización resulta imprescindible para adaptar a prevención de incendios a un territorio que cambiou profundamente nos últimos anos.
Os novos PLADID deben contar con financiamento suficiente para garantir que as actuacións previstas poidan executarse realmente sobre a foresta. Entre outras medidas, deberán planificar as redes de xestión de biomasa, identificar as principais infraestruturas estratéxicas, definir as franxas de seguridade ao redor do arboredo e reforzar o papel dos bosques, cuxa capacidade para reducir a propagación do lume está amplamente recoñecida.
O Decreto 140/2021 prevía que esta revisión completásese durante o período 2021-2025. Con todo, o obxectivo segue pendente. Ademais, continúa sen existir un portal público que permita consultar e descargar os PLADID, unha carencia que limita a transparencia e dificulta o acceso da cidadanía a unha información de evidente interese público.
Adaptar os distritos forestais aos novos escenarios
A reorganización dos distritos forestais constitúe outro dos grandes retos da política forestal galega. O obxectivo é dispoñer dunha estrutura máis eficaz e preparada para responder a incendios cada vez máis intensos e complexos.
Esta adaptación pasa por revisar os límites dos distritos, adecuar os recursos humanos ás necesidades reais, incorporar os novos criterios técnicos de prevención e reforzar a protección das infraestruturas estratéxicas, os núcleos de poboación e as áreas forestais de maior valor ambiental e produtivo.
Todas estas actuacións deberán coordinarse cos futuros PORF, chamados a converterse no principal instrumento de planificación territorial do monte galego e nunha peza esencial para construír unha política forestal máis moderna, preventiva e resiliente fronte ao cambio climático.
Conclusións
O reto é converter os plans en actuacións eficaces sobre o territorio. Só unha xestión forestal preventiva, ben coordinada e baseada na execución permitirá reducir o impacto dos grandes incendios e aumentar a resiliencia dos nosos montes fronte ao cambio climático
Galicia xa non se enfronta aos incendios forestais do pasado. O cambio climático, o abandono do medio rural e a acumulación de combustible vexetal están a favorecer lumes cada vez máis intensos, rápidos e difíciles de controlar. Os recentes megaincendios de quinta e sexta xeración demostran que o modelo de prevención debe adaptarse a esta nova realidade.
Para responder a este desafío resulta imprescindible actuar en catro frontes:
• Modernizar a gobernanza forestal, reforzando a coordinación entre administracións, a participación social e a integración das políticas que inciden sobre o territorio.
• Actualizar o PLADIGA, incorporando unha cartografía precisa das zonas prioritarias de prevención e dos puntos estratéxicos para a xestión dos incendios.
• Revisar os PLADID, pendentes de actualización desde hai máis de quince anos, para adecualos ao novo escenario de risco.
• Reorganizar os distritos forestais, adaptando a súa estrutura e os seus recursos ás actuais necesidades de prevención, vixilancia e extinción.
En definitiva, o reto é converter os plans en actuacións eficaces sobre o territorio. Só unha xestión forestal preventiva, ben coordinada e baseada na execución permitirá reducir o impacto dos grandes incendios e aumentar a resiliencia dos nosos montes fronte ao cambio climático.