Representacions do Intelectual: A tribu -imaxinaria- de Suso de Toro

A Suso de Toro, sen acritude, con moito respeto e afecto.

Hai que dicir que o escepticismo defensivo de Suso de Toro cos intelectuais pode ser tan liberador e san coma o contrario: tamén pode converterse en populismo cínico e resabiado, demasiado resabiado e frívolo

“Hai que ter precaución cos intelectuais como cos medicamentos”. Deste xeito, o 5 de Marzo do 2007, sentenciaba Suso de Toro encol desa honesta e necesaria tarefa que consiste en facer intelixíbeis as cousas. Dito dun xeito sinxelo: pensar. O artigo de Suso de Toro levaba por título Da tribu de Benjamin e, a día de hoxe, coma a primeira vez que o lin, deixoume un sabor agridoce, pois desvela os non poucos prexuízos que Suso proxecta sobre o que é ou debería ser –sic- un escritor.

Hai que dicir que o escepticismo defensivo de Suso de Toro cos intelectuais pode ser tan liberador e san coma o contrario: tamén pode converterse en populismo cínico e resabiado, demasiado resabiado e frívolo. Con todo, convén ir ao gran e aclarar porqué o que aquí escrebe sente desconformidade, non só co compromiso persoal que Suso de Toro adquiriu con José Luís Rodríguez Zapatero no seu momento, do que non penso falar neste artigo, senón tamén con certas afirmacións verquidas naquel artigo.

Dicía, Suso, neste artigo, que o mundo do escritor é un mundo onde non existe o presente. Nunca souben como interpretar esta afirmación, acaso sexa porque para min, persoalmente, o escritor vive, coma todo ser humano, no presente, por moito esforzo que poña en deixarse levar pola nostalxia daqueles marabillosos anos ou por certo mesianismo utópico que anceia trascender o existente.

Non é un crime, dende logo, refugarse nun pasado ou nun futuro idealizado, ao fin e ao cabo, somos seres humanos

Non é un crime, dende logo, refugarse nun pasado ou nun futuro idealizado, ao fin e ao cabo, somos seres humanos, e neste clima de incivilización e barbarie permanente, para fuxir das acedas temperaturas da indignación cando deveñen nunha especie de obriga permanente, supoño que precisamos evadirnos e descansar. Se humano é equivocarse, humano é, tamén, fuxir da realidade, aínda que só sexa para ir na procura de osíxeno, como as baleas.

Dicía, tamén, Suso, neste artigo, que o intelectual só existe a través da palabra. E de novo, sentinme desconcertado ante esta afirmación, porque o que aquí escribe xuraría vivir a vida tamén dende os sentidos e levar unha vida moi, moi semellante ao resto dos mortais; a resultas disto, a produción intelectual ten que ser, en certo modo, un espello da realidade que nos golpea día a día, dun xeito ou outro. As palabras son só unha manifestación dos múltiples xeitos que temos de significar, e significarnos perante as cousas.

En fin, existe, eu creo, demasiada mitificación ao redor da figura do intelectual

En fin, existe, eu creo, demasiada mitificación ao redor da figura do intelectual, e quizais, neste século no que as grandes certezas e as grandes causas, así coma os líderes que pretenden representalas simbolicamente, causan un comprensible escepticismo distanciado, sexa necesario recordarnos que todos, con maior ou menor capacidade, temos a potencialidade de facer intelixible o mundo que nos arrodea, de facer o esforzo de entender para situarnos perante os acontecementos. Polo demais, é moi fácil, incluso se percibe de xeito intuitivo por parte dunha boa porcentaxe da sociedade civil, darse conta de cando un intelectual pretende vendernos produtos que pasan pornovidosos… e que non son máis que a reactualización, con enfeites clásicos mal e interesadamente interpretados, de certo espírito de resignación intelectualizado con xerga académicista. A moitos nos pasa – a min, polo menos – que damos por suposto que os receptores da mensaxe entenden o significado das palabras que utilizamos: craso erro. Creo, honestamente, que as persoas que tomamos a palabra en público de vez en cando deberiamos esforzarnos máis en atopar un punto de encontro entre a espontaneidade da linguaxe popular –entendendo por tal o senso máis etnográfico, cotiá, da lingua – e o afán  sistemático da linguaxe culta/académica.

Volvendo ao artigo de Suso, quixera dicir que o que me molestou e me molesta deste artigo é o seguinte: o feito de que está escrito dende unha interpretación bastante limitada e prexuizosa do que é – ou debería ser - un escritor:

O que me molestou e me molesta deste artigo é o seguinte: o feito de que está escrito dende unha interpretación bastante limitada e prexuizosa do que é – ou debería ser - un escritor

"Vive na linguaxe, coma todo ser humano, pero en grao sumo”

Todo depende, supoño, de se ese escritor tende a pensar que o ser das cousas aniña necesariamente nas palabras, o cal é supor demasiado nestes tempos nos que sabemos que o acto de representar a realidade a través das palabras está tan mediado polos instrumentos de reprodución técnica – audiovisual, prensa escrita e dixital- e polos propios prexuízos, filias e fobias persoais da aristocracia do gusto que aniña en non poucas editoriais.
 
“É un alienado”

Todo depende, supoño, do grado de resistencia moral e intelectual que o escritor opoña ao fado máxico das ideoloxías demodé ou dos opiáceos estéticos

Todo depende, supoño, do grado de resistencia moral e intelectual que o escritor opoña ao fado máxico das ideoloxías demodé ou dos opiáceos estéticos. Escritores, o que se di escritores, hai no mundo tantos e tan diversos coma persoas, e non todas están dispostas a deixarse enganar por cantos de serea. Existiron e existen, abofé, en Galicia, unha boa nómina de creadores, científicos e cidadáns do pobo raso que nunca se deixaron enganar polos cantos de serea do republicanismo, o laicismo ou o federalismo de José Luís Rodríguez Zapatero, e é honesto e nobre recordalo aquí sen necesidade de por nome e apelidos. Eles saben quen son, e abonda con iso.
 
“No escritor non existe proxección cara o futuro” xa que todo no escritor é “pasado e memoria”
 
Non quixera facer neste artigo unha lista ou unha mini-investigación ponderada dos escritores que fixeron da proxección e a catarse cara ao futuro todo un leitmotiv creativo, creo que abonda con discrepar desta representación bastante limitada e parcial de Suso. De novo, tomamos por absoluto o que non é máis que relativo, ou por norma xeral o que non é máis que excepción particular. Ademais, hai moitos escritores que consideran – eu, entre eles, se se quere considerarme como escritor ou intelectual, e se non se quere, tamén. Non mudaría a miña consideración – que recuperar ese pasado e esa memoria – para ser máis precisos, esa memoria de memorias - é profundamente necesario como palanca, non como retórica auto-vistimizante, mais que ese pasado e esa memoria está por escribir e seguirao estando mentres non se faga unha especie de vudú colectivo coa pantasma do Franquismo e coa nosa caótica situación social e institucional presente, rotudamente caótica e desesperanzadora.

“O escritor é inmaturo”. “O escritor ten alma de vello”. “Non deixa de dicir onde imos parar”. Sempre anda coa leria do “non é isto, non era isto”. É un “eterno negador”. É incapaz de”convivir” e de “competir” cos “contemporáneos”

Ao parecer, os intelectuais non teñen que pagar facturas, atender aos seus fillos, sacar tempo para estar coas súas parellas ou falar co panadeiro, e tampouco saben nada da vida porque están as 24 horas do día, seica, amarrados aos libros coma un escriba da Idade Media

É realmente incríbel a cantidade de categorizacions psicolóxicas e estereotipos que Suso de Toro lanzou neste artigo, e ás veces mesmo semella, sen intención de facerlle psicanálise, que esa representación verbal do escritor que Suso fai no artigo obedece máis a unha auto-imaxe crítica e resignada que el se fai de si mesmo citando literalmente a Walter Benjamin que a outra cousa. Ao fin e ao cabo, acontece moitas veces, tendemos a pensar que as nosas filias e fobias persoais son o espello proxectivo das filias e fobias dos outros ou dos demais; evidentemente… questo non é vero, entre outras cousas porque os escritores son, até que se demostre o contrario, persoas, e as concepcións do mundo – moi persoais - son o suficientemente diversas como para rachar en anacos calquera desexo de categorización psicolóxica ou condutual de l’atto di scrivere.
 
“O intelectual existe a través da palabra, e aínda que teña unha idea do que é a vida, non ten tempo para vivila. E por iso a descoñece tanto”. “O escritor expresa a razón do individuo”, “do xenérico”, “do histórico”, “do nacional”  

Desconcertante; ao parecer, os intelectuais non teñen que pagar facturas, atender aos seus fillos, sacar tempo para estar coas súas parellas ou falar co panadeiro, e tampouco saben nada da vida porque están as 24 horas do día, seica, amarrados aos libros coma un escriba da Idade Media. Sexamos honestos, cantos intelectuais poden permitirse isto?. Cando Suso menciona a palabra intelectual semella referirse a un intelectual en concreto, seguramente a ese gurú mediático que aparece constantemente nos mass-media e que son, como diría Amy Goodman, expertos en nada con opinión sobre todo. Fíxense vostedes senon o moito que fai Roberto Blanco Valdés co seu milagroso dereito constitucional, mondieu!, caseque podería viaxar á luá con tal milagroso cachibache intelectual!

Ademais, se se pretende expresar a razón do individuo, dubido moito que se poda expresar, ao mesmo tempo, o xenérico, o histórico ou o nacional. Pasados xa están os tempos dese imaxinario decimonónico no que o escritor ten que aspirar a ser un xenio e, por ende, precisará do illamento social e da auto-tortura existencial para tocar coas mans os selectos cumios da excelencia estética e/ou intelectual. De aí a unha futura homenaxe institucional ou canonización académica, na que se presentará ao xenio de turno coma un representante das esencias patrias, un galego ilustre, un americano ilustre.. and so on, non mediará nin un paso.

“Descoñece os coñecementos dos enxeñeiros e científicos”. Por iso, di Suso, dende o seu “turbado mundo de irracionalidade” (…) non está capacitado para entender os necesarios equilibrios” e “inevitables contradicions” da vida social, así como tampouco pode entender os“pactos negociados” superando o seu turbado mundo emocional”

O “turbado mundo de irracionalidade”, a “inmadurez”, se por madurez se entende a aquiescencia da rebeldía, así como a condición de “eterno negador” e a súa tensa relación cos “contemporáneos” son, creo eu, o principio activo dun escritor/intelectual ou cidadán con inquedanzas

O que eu lle respondería aquí a Suso de Toro e que, se ser escritor ou intelectual non son necesariamente a mesma cousa, e se ámbalas dúas, ademais, son empurradas por certa circunstancialidade vital ou existencial, é realmente difícil que tanto o escritor coma o intelectual poidan oporse á hiper-departamentalización do coñecemento nos sistemas educativos da civilizatio neoliberal e toda a súa rede institucional, pública ou privada, ancorada no criterio da máxima especialización, eficacia, rapidez e beneficio posible no menor tempo posible. Non é ese, precisamente, o seu cometido; precisamente, se o escritor e o intelectual escriben dende ese desexo de reconstruír un mundo, exterior e interior, que se lle presenta en anacos, quer a través da hiper-especialización mercantilizada do coñecemento, quer a través da desfragmentación dos grandes emporios privados da in-comunicación e a des-información, e se o intelectual percibe tamén que ese modelo pedagóxico se presenta como hexemónico nas sociedades liberais-capitalistas, é lóxico supor que o seu lugar mental e as súas armas de oposición non pode atopalas só nos coñecementos científico-técnicos, ou cando menos, na concepción mercantil e instrumental que dos mesmos se ten a altas esferas académicas, políticas e económicas.

O “turbado mundo de irracionalidade”, a “inmadurez”, se por madurez se entende a aquiescencia da rebeldía, así como a condición de “eterno negador” e a súa tensa relación cos “contemporáneos” son, creo eu, o principio activo dun escritor/intelectual ou cidadán con inquedanzas, e non doutro xeito pode ser cando percibimos que a “racionalidade” desta civilización nos empurra cara a unha “irracionalidade” disidente e provocativa que ten o seu leitmotiv no desexo de afirmar que a mundialización do actual modelo global de desenvolvemento non ten ningún horizonte ético nin existencial agás a violencia, a auto-xenreira e a competitividade como pautas colectivas de comportamento xa profundísimamente interiorizadas.

Nada aclarou, Suso de Toro, neste artigo, sobre que entendía, concretamente, por “necesarios equilibrios”  e “inevitables contradicions”, mais, con todo, non deixan de resultarme desconcertantes as seguintes palabras :

“O “escritor intelectual” (…) opina sobre a sociedade dende unha “posición estetizante”, a diferencia do “político sensato” (…) , este non acepta a “someterse á ética da responsabilidade (…) ”

Que se pode inferir disto? Que o intelectual non ten unha ética da responsabilidade e que o político sensato si?

Que se pode inferir disto? Que o intelectual non ten unha ética da responsabilidade e que o político sensato si? Que os políticos sensatos non opinan sobre a sociedade dende unha posición estetizante - tanto ou máis que certos escritores e intelectuais – Que a ética da responsabilidade ten que estar “sometida” (..) a algún fundamento de modo xeral sen que a propia conciencia persoal poda reflexionar sobre as consecuencias de tal sometemento? Que os políticos son quen navegan no reino da sensatez e o sentido común e que os escritores e intelectuais que non se someten á mesma só saben fumar haxix e escoitar Jazz dándose a unha vida disoluta, bohemia e narcisista?.

Resúltame difícil crer, Suso, que esta sociedade poida entenderse con estereotipos demasiado estereotipadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.