Calquera persoa que se achegue a unha residencia xeriátrica será testemuña dunha realidade na que se desconsidera a capacidade de decidir despoxando ás persoas maiores de toda autonomía; dun trato despersonalizado e centrado só en aspectos instrumentais, rutinas inflexibles e horarios ríxidos sometidos permanentemente ao interese da organización
Para calquera persoa que se achegue a unha residencia xeriátrica, con certa sensibilidade, pensando nas persoas maiores con respecto e empatía, esixindo simplemente a dignidade para elas que nos faga dignos a nós; será testemuña dunha realidade na que se desconsidera a capacidade de decidir despoxando ás persoas maiores de toda autonomía; dun trato despersonalizado e centrado só en aspectos instrumentais, rutinas inflexibles e horarios ríxidos sometidos permanentemente ao interese da organización... e tamén se indignará con esa comunicación que as infantiliza, carente de empatía, que xera illamento.
Todo consecuencia dun persoal sometido a sobrecarga laboral con mínimos salarios e máxima inestabilidade, que afecta a súa saúde mental e vai xestando a insensibilidade. Teñen que sobrevivir á presión de enfrontarse a un número de residentes imposible para unha atención personalizada.
O Artigo 50 da Constitución di: “Os poderes públicos garantiranlles, mediante pensións axeitadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns na terceira idade. Tamén, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.”
Tamén se indignará con esa comunicación que as infantiliza, carente de empatía, que xera illamento
A Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de Dependencia do ano 2006, garante un dereito subxectivo de cidadanía, por tanto igual de esixible que outros dereitos, como a educación, a saúde, etc. Con esta lei incorpórase a atención á dependencia no sistema público de protección social. Ten o carácter de lexislación básica estatal.
Mais, a realidade demostra que a lexislación non abonda para garantir os dereitos, é imprescindible unha vontade política de execución. Segundo as cifras oficiais do IMSERSO e a análise da Asociación de Directoras e Xerentes, Galiza, ademais de ser a Comunidade con maior proporción de prazas privadas, é a terceira con maior déficit de prazas residenciais. Para cumprir coa recomendación da OMS, de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, faltan 14.902 prazas. Un déficit tan so superado por Andalucía e a Comunidade Valenciana.
A Plataforma Pensionistas Compostela, presentou recentemente un caderno de 16 páxinas con análise e información dos centros residenciais, centros de día e servizos municipais relacionados cos coidados
A Plataforma Pensionistas Compostela, presentou recentemente un caderno de 16 páxinas con análise e información dos centros residenciais, centros de día e servizos municipais relacionados cos coidados. Un caderno elaborado a partir das visitas ás 9 residencias compostelás e de toda a información que recadaron, tanto nas entrevistas como nas fontes oficiais que están dispoñibles, e tamén con testemuños de familiares de residentes. Para as case 24.500 persoas maiores de 65 anos que viven en Compostela, das que unhas 5000 viven soas, hai 9 Residencias de Maiores: 2 Públicas con xestión pública, 2 públicas que proceden de doazóns con xestión privada e o resto son de titularidade e xestión privada, 4 de empresas de fondos de inversión co obxectivo ben definido do negocio. En total 1070 prazas. Para cumprir a recomendación, debería haber 1225. Centros de Día hai 6, 1 público para dependentes con alzheimer, 1 dunha Entidade sen animo de lucro tamén para dependentes con esta enfermidade e 3 privados. En total 182 prazas. En definitiva poucas prazas que non se axustan nin aos estándares oficiais de calidade que, por outra parte, son ben pouco esixentes e a Administración non parece preocupada. Como demostra que os Pregos de Licitación valoren máis a oferta económica que as condicións do Servizo. Como demostran tamén os escándalos denunciados no Servizo de Inspección da Xunta de Galiza. Con denuncias sindicais que apuntan a deficiencias crónicas, falta de persoal e tratos inadecuados aos usuarios.
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais manifesta: “hai que reconfigurar os servizos sociais como servizos esenciais. Para evitar o sufrimento das persoas vulnerables é preciso prestacións e servizos por dereito, que eviten riscos sociais e a quebra da cohesión social”
Alerta tamén, esta Plataforma, sobre o maltrato ás persoas maiores, un problema sobre o que reflexionaron nas “I Xornadas sobre Maltrato ás Persoas Maiores” e que se dá de forma moi invisible porque que case nunca se denuncia. Mais existe! Tanto no ámbito familiar como no institucional. Con casos de violencia, ás veces extrema, mais de forma habitual e sutil nese idadismo que se proxecta en todos os ámbitos. Incluso para conseguir unha praza privada, ás persoas menos dependentes, xeralmente as máis novas, teñen máis posibilidades por ser máis rendibles.
Unha vellez digna e activa é un obxectivo que ten os condicionantes naturais e sociais. O estrato social é determinante polas múltiples e complexas causas que reparten tan inxustamente as oportunidades. Mais, a garantía dun dereito universal a coidados dignos en centros xeriátricos públicos e pensados para unha atención integral e personalizada, facilitaría moito tal obxectivo. Que os Servizos sexan públicos e garantan dereitos universais é condición indispensable, non poden ser negocio. Mais non é suficiente, tamén deben cumprir uns criterios.
A mesma Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais manifesta: “hai que reconfigurar os servizos sociais como servizos esenciais. Para evitar o sufrimento das persoas vulnerables é preciso prestacións e servizos por dereito, que eviten riscos sociais e a quebra da cohesión social”. Elaborou un decálogo de ideas moi interesante que presentou en 2021. Desde logo supoñen incremento de orzamento, mais non principalmente. Supoñen vontade e intervención das administracións. A vontade política de antepoñer os intereses da cidadanía aos de empresas, moitas delas con dubidosa reputación e demostrada capacidade para influír nas decisións políticas. Mentres sigamos aceptando como normal os beneficios da deshumanización, que os dereitos e a dignidade das persoas maiores só formen parte dunha retórica que falsea a realidade para construír o relato que convén, nada cambiará ou cambiará para peor.
A única posibilidade de cambiar as cousas é que todas e todos, a Sociedade, teñamos unha actitude esixente e participemos con responsabilidade, pensando que ser maior é o que nos agarda a todas e a todos, no mellor dos casos. Un espazo activo para facelo é a Plataforma Pensionistas Compostela, que se manifesta desde hai 8 anos, todos os primeiros luns de mes, ás 12 Na Praza do Obradoiro
A análise e a información que contén o caderno que publicou a devandita Plataforma de Pensionistas, é moi útil e necesaria, e revelan unha situación extrapolable á maioría das residencias do país. Ademais das consideracións sobre a atención e os servizos, as Administracións deberían ter en conta outras consideracións fundamentais para o benestar das persoas residentes:
Se está demostrado e, universalmente aceptado, que a relación da infancia coas persoas maiores é extraordinariamente beneficiosa para ambos, por que residencias e colexios nunca están xuntos con espazos para o encontro que favorezan actividades conxuntas? As residencias de Compostela, como as de Galiza en xeral, case todas son negocios privados e están situadas alí onde a especulación urbanística lles deixou un oco. Ningún outro criterio coñecido orientou a súa localización.
En xeral son demasiado grandes en contra das recomendacións máis actuais de miniresidencias ou con unidades de convivencia que non superen as 15 persoas.
Das 9, agás a de San Marcos, xestionada por unha comunidade relixiosa, ningunha outra ten espazo verde para recreo dos residentes, sabendo que é extraordinariamente beneficioso para a saúde física e mental das persoas maiores, que é terapéutico e mellora moito a súa calidade de vida.
A única posibilidade de cambiar as cousas é que todas e todos, a Sociedade, teñamos unha actitude esixente e participemos con responsabilidade, pensando que ser maior é o que nos agarda a todas e a todos, no mellor dos casos. Un espazo activo para facelo é a Plataforma Pensionistas Compostela, que se manifesta desde hai 8 anos, todos os primeiros luns de mes, ás 12 Na Praza do Obradoiro.