O racismo abranxe tantos matices que mesmo tamén se pode infiltrar na ideoloxía progresista. Un exemplo deste sutil progresismo racista pode ser o artigo “Existe o racismo galego?” onde se defende que a oposición ou a crítica na nosa sociedade occidental ao veo que a ortodoxia musulmá impón ás mulleres desa relixión é unha mostra nidia de racismo cultural. Pra argumentar o seu razoamento recorre ao pano da cabeza da tradición galega
O racismo abranxe tantos matices que mesmo tamén se pode infiltrar na ideoloxía progresista. Un exemplo deste sutil progresismo racista pode ser o artigo de Lucía Ferro “Existe o racismo galego?” onde se defende que a oposición ou a crítica na nosa sociedade occidental ao veo que a ortodoxia musulmá impón ás mulleres desa relixión é unha mostra nidia de racismo cultural. Pra argumentar o seu razoamento recorre ao pano da cabeza da tradición galega, presente no traxe rexional –esqueceu dicer que tanto no noso coma no de calquera parte de España e Europa–, como exemplo do uso do pano como elemento cultural. Acho que contar un feito parcialmente equivale a falsear o feito. Explicareime:
Oculta, ou ignora, que tradicionalmente a muller casada debía cubrir a cabeza visto que xa “pertencía” a un home: o seu marido, e non se debía amosar apetecíbel ao resto dos homes –en esencia o mesmo criterio que xustifica a cubrición da cabeleira feminina no islam–. Este costume durou ata non hai moito tempo na nosa sociedade máis atrasada e –non casualmente– tradicional: o mundo rural. Antes as mulleres das clases máis podentes e e logo as de ambiente urbano se foran descubrindo como signo de modernidade. Aínda hoxe as monxas cobren a súa cabeleira cun veo, cando exercen de monxas, como símbolo do seu casamento con Deus.
Isto é historia da opresión da muller na cultura patriarcal pra calquera feminista occidental, mais se hai que reinterpretar o feito cando a muller sometida non é de orixe europea pra que non nos chamen racista, pois se fai; mais isto non deixa de ser verdadeiro racismo: considerar que a igualdade da muller pode ser diferente segundo a súa cultura.
Considerar que o “veo” é unha escolla persoal de fe e por tanto debe ser respeitada, obviando a presión que o seu ambiente ou familia exerce sobor da muller musulmá é un acto de hipocrisía social
Fraco favor faise ao feminismo dos países musulmáns, que en condicións moi duras loita por superar as moitas trabas que oprime a muller nestes países, incluída a do “veo”, que leva a moitas feministas ao cárcere, ao castigo ou inclusive á morte. Considerar que o “veo” é unha escolla persoal de fe e por tanto debe ser respeitada, obviando a presión que o seu ambiente ou familia exerce sobor da muller musulmá é un acto de hipocrisía social. As leis fanse pra que os cidadáns teñan dereitos e obrigacións, por riba de crenzas e tradicións. Non se pode criticar, con plena razón, as moitas discriminacións que o cristianismo, dende as súas institucións, impón ás mulleres, e xustificar con excusas culturais as que as demais tamén impoñen: nin unha soa relixión trata como iguais a homes e mulleres, onde o primeiro xénero sempre está por enriba; lóxico, foron creadas por homes.
É bastante posíbel –case seguro– que a obsesión da dereita europea por limitar ou mesmo prohibir o “veo musulmán” teña máis ca ver co adxectivo (“musulmán”) ca co substantivo (“veo”), mais non deixa de ser un tanto ao seu prol ao se apropiar dunha reivindicación tradicional da esquerda contemporánea: a oposición a calquera feito que ataque a total igualdade entre os xéneros.
A pregunta de Lucía Ferro é: Existe o racismo galego? A resposta é “xaora”, tamén na esquerda occidental, que seica esqueceu que “a relixión é o opio do pobo” –calquera relixión, non soamente a cristiá–.