Os algo máis de 1.200 quilómetros de fronteira que separan España e Portugal, o trazado todo da Raia, permaneceu practicamente inalterábel dende 1297, ano en que se fixou con solemnidade no tratado de Alcañices
Co amigos de mover os marcos que somos por estes lares... Pois si, sen máis conto, e en liñas xerais, é así. É a fronteira entre nacións soberanas máis antiga do mundo.
Os algo máis de 1.200 quilómetros de fronteira que separan España e Portugal, o trazado todo da Raia, permaneceu practicamente inalterábel dende 1297, ano en que se fixou con solemnidade no tratado de Alcañices.
Algunhas guerras e liortas fixeron cambiar de mans nun par de ocasións as vilas de San Felices de los Gallegos e de Olivenza, que hoxe fican do lado español. Despois fíxose algún que outro pequeno axuste que, co tempo, cumpría facer. Baleiros legais, picarescas, encoros que rebordaban máis dunha beira ca de outra. E máis nada.
Hai que ter conta de que as fronteiras medievais non se tiraban ao milímetro, que daquela non había precisión de GPS nin topógrafos ao uso. Os seus límites tomábanse segundo os confíns preexistentes, tradicionais, de señoríos ou territorios. E iso implicou certa flexibilidade ao ir caendo os séculos. Mais esa flexibilidade medíase en varas, nunca en leguas. En metros, nunca en quilómetros.
Porén, a súa primacía en antigüidade está en disputa. Porque en Europa hai outras dúas fronteiras que se din as máis antigas do mundo. Andorra e Mónaco cren superar en senectude á Raia, en base a retorcer un pouco o concepto
Coma calquera finca, a fronteira tiña marcos. Se non había ríos, abas, curutos de montes ou accidentes xeográficos obvios semellantes, confiábanse os seus límites aos vellos fitos de pedra. Xa daquela reverenciais. E cando non mediaban escrituras, testemuñábase que os chantaran os romanos, os mouros dos castros, ou calquera fundador, lendario ou non. Ás veces mesmo eran directamente miliarios, antas, cons ou montantes castrexos. Porque a lexitimidade, se se sacraliza, é maior.
Mais por épocas, fóronse despoboando tamén as beiras inmediatas á liña fronteira, ao se ventar alí inestabilidade ou perigo, e ampliouse a franxa de separación. Aproveitando esa zona baleira, esa terra de ninguén, os señores ían fincando fortalezas, gañando algún metriño, carretando algún marco con nocturnidade por ver se o outro non se decataba. Cousas de toda a vida de Dios.
Estas consideracións miúdas, de consabida inexactitude e de picaresca, atinxen a tódalas fronteiras que foron debuxadas no Medievo. De xeito que a liña coa que se contornou Portugal en 1297 pode terse por grosa e inexacta en termos actuais, pero ficou basicamente igual.
Porén, a súa primacía en antigüidade está en disputa.
Porque en Europa hai outras dúas fronteiras que se din as máis antigas do mundo. Andorra e Mónaco cren superar en senectude á Raia, en base a retorcer un pouco o concepto.
Nin Andorra nin Mónaco tiveron fronteira continuamente coas nacións do seu entorno dende que estas se trazaron por vez primeira. E xa está. Sinxelamente porque non foron nacións independentes a maior parte do tempo
Tomando a referencia dos países actuais, alguén podería alegar que a liña divisoria máis antiga do planeta, completa, en toda a súa extensión, e que hoxe serve de fronteira, é a de Andorra. E tería razón, se ese fose o enunciado. Nunha carta datada o 8 de setembro de 1278 fixouse o trazado que hoxe conserva o principado pirenaico.
Pero é que Andorra non era, daquela, unha nación soberana, nin o foi até moitísimo despois, polo que non hai discusión.
Cando aqueles límites se fixaron, era unha posesión feudal. Pertencía á casa de Foix e ao señor bispo de Urgell en réxime de copropiedade (pariaje en catalán, que era un condominio feudal relativamente usual). E seguiu séndoo até que Fernando o Católico a absorbeu. Logo quedou medio indefinida, como arrevesada dote de Xermana de Foix, até que Francia a reclamou pra si. Foi francesa a partires de 1609, por máis de dous séculos. E é nación soberana só dende 1814.
O caso de Mónaco é semellante. O actual principado non é grande cousa. Cabería todo el no Central Park de Nova Iorque; era e é unha cobizada rocha litoral coma Xibraltar, a Rocha de Monoïkos –nome que lle deron os gregos masaliotas–, unha praza forte mediterránea agora defendida por unha flota de iates.
Considérase que fixou as súas estremas entre 1297 e 1301. Esa liña estremeira coincide coa fronteira de hoxe en día. Claro que houbo tempos, despois desas datas, nas que tivo máis terras, que logo perdeu. E, pra máis, tampouco foi un principado plenamente independente todo o tempo, tivo etapas de vestirse de xenovés, de francés e de savoiano. Foi estado soberano, iso si, moito máis tempo que Andorra.
A parte máis antiga da Raia é moito máis antiga que os trazados andorranos e monegascos orixinais. Século e pico máis vella. Permaneceu sen modificación substancial 855 anos e, dende que se demarcou, foi sempre fronteira entre dúas nacións soberanas. Falo da Raia máis nosa, a que separa Galiza de Portugal e vai mesmo máis alá, a carón de Zamora e parte de Salamanca
Despachemos o asunto. Nin Andorra nin Mónaco tiveron fronteira continuamente coas nacións do seu entorno dende que estas se trazaron por vez primeira. E xa está. Sinxelamente porque non foron nacións independentes a maior parte do tempo. De feito, chamalas nacións, a día de hoxe, é até aventurado. E cando non eran nacións, países ou estados, as súas terras terían límites, lindes, pero, dende logo, non fronteiras.
Mais, vaia, se queremos fuxir de controversias bizantinas, se hai algo incontestábel é que a parte máis antiga da Raia é moito máis antiga que os trazados andorranos e monegascos orixinais. Século e pico máis vella.
Permaneceu sen modificación substancial 855 anos e, dende que se demarcou, foi sempre fronteira entre dúas nacións soberanas. Falo da Raia máis nosa, a que separa Galiza de Portugal e vai mesmo máis alá, a carón de Zamora e parte de Salamanca. Da Raia que arrinca na desembocadura do Miño e segue até que o Douro se interna en Portugal, por onde Barca d’Alva, co río xa navegábel.
Dende 1169 non houbo virtualmente cambio nese anaquiño de Raia, neses arredor de 380 quilometriños de nada. De aí pra abaixo, como aínda seguían enleados co tema da Reconquista, tardaron algo máis en se aclarar. Nese ano do Señor de 1169, o primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques, foi apreixado por Fernando II de León. Obrigouno entón a cederlle definitivamente Tui, as terras de Toroña (o antigo territorio de Turonio, que ía dende o Sur da comarca de Vigo até A Cañiza) e a comarca da Limia, áreas inzadas de castelos e torres, en disputa continua por décadas.
E empreguei o de que “non houbo virtualmente cambio” nese anaco de Raia só porque no século XIX se tivo que dirimir ou axustar unha vella cuestión, que non implicou guerra ningunha e, a dicir verdade, tampouco alterou a Raia.
No século XIX tívose que dirimir ou axustar unha vella cuestión, que non implicou guerra ningunha e, a dicir verdade, tampouco alterou a Raia. Foi aquilo do Couto Mixto, un pequeno territorio esquecido dende aquela época de disputas de mediados do século XII, con lealdades señoriais confusas e privilexios nobiliarios non abolidos
Foi aquilo do Couto Mixto, un pequeno territorio esquecido dende aquela época de disputas de mediados do século XII, con lealdades señoriais confusas e privilexios nobiliarios non abolidos.
Arrodeado de montes e atravesado polo río Salas, permanecera sen tutela, case ignorado, setecentos anos. Non é que fose un microestado, unha república ou un principado. Era un baleiro legal que até 1864 tivo a súa utilidade. Sobor de todo prós que fuxían das quintas ou do cárcere, e tamén prós que querían facer algúns cartos co contrabando, españois ou portugueses.
No tratado que se fixo en 1864 pra lle poñer fin, viuse que o territorio todo pertencía realmente aos distritos de Baltar e Xinzo, e aínda que eran alleos a moitos impostos, o imposto do cereal pagábano a España. Decidiuse entón que o Couto Mixto enteiro pasaba a España, a Galiza, definitivamente e de iure, e en compensación dábase soberanía plena a Portugal das tres Aldeas ou Pobos Promiscuos, outro remanente fronteirizo medieval. Pobos establecidos xusto enriba da Raia. Segundo lles conviña, eran españois ou eran portugueses. Ao cabo foron só portugueses. Os marcos da Raia movéronse a setentrión das aldeas, entre 90 e 100 metros. Coma un paseíño pra ir ao bar da esquina. Houbera movemento porque o dicían as autoridades, pero non se daba distinguido nin non mapas.
A teima dos marcos, na súa vertente popular, tal e como a adoitamos entender e da que facemos chanza, non é realmente unha teima ancestral galega. Secular si, se queredes, pero de pouco menos dun século. Arrinca da redención dos foros, que se sancionou por decreto lei en 1926. Porque a propiedade da terra, antes diso, non era cousa da maioría dos paisanos, aínda que levasen xeracións traballándoa
Reiterémolo, pois: a nosa é a fronteira entre nacións soberanas máis antiga do mundo.
E amentaba ao principio ese paradoxo chisqueiro de que contásemos nós coa fronteira máis antiga do planeta, sendo como somos tan amigos de andar a mover os marcos de riba pra baixo ao disimulo.
E si, a picaresca sempre estivo aí. Xa nos referimos aos señores medievais que tiraban proveito da máxica mobilidade dos pétreos fitos.
Pero a teima dos marcos, na súa vertente popular, tal e como a adoitamos entender e da que facemos chanza, non é realmente unha teima ancestral galega.
Secular si, se queredes, pero de pouco menos dun século. Arrinca da redención dos foros, que se sancionou por decreto lei en 1926. Porque a propiedade da terra, antes diso, non era cousa da maioría dos paisanos, aínda que levasen xeracións traballándoa. Os foros eran complexos contratos de arrendamento a longo prazo, practicamente perpetuos, que permitían aos campesiños traballar as terras dos que, até a citada data, eran os verdadeiros posuidores do chan galego, fidalguía e Igrexa.
Os cartos da emigración axudaron grandemente a pagar por ter aquelas leiras en propiedade plena, xa que o proceso sancionado por lei implicaba abonarlle unha indemnización aos vellos patróns. Custou moito que así fose, suor, sangue e bágoas, e así se foi transmitindo de pais a fillos.
Os sufrimentos pasados por acadalas, por sentilas súas, por pequenas que fosen, curtiron a tal teima dos marcos, a teima de defendelas e amplialas, que foi certa e foino con toda a razón do mundo.
A fronteira, a Raia, por mor da Unión Europea, Schengen e demais, estar está, pero tamén perdeu valor, e xa non é unha fenda de separación como foi en tempos. Poida que remate por se esvaecer por completo, coma o de xogar cos marcos
Hoxe esa arela está en fase de esquecemento. Con ou sen parcelaria. Porque prá maioría, a terra de labor vale pouco e os ghicholos, nada.
E a fronteira, a Raia, por mor da Unión Europea, Schengen e demais, estar está, pero tamén perdeu valor, e xa non é unha fenda de separación como foi en tempos. Poida que remate por se esvaecer por completo, coma o de xogar cos marcos.
Polo que namentres exista non é mala cousa ser consciente da súa antigüidade e do récord mundial que ostenta, que vai máis alá da mera curiosidade.