Sabiades que a superficie de España medra exactamente 6.822 m² cada seis meses e logo vólveos minguar?

Velaquí o condominio máis pequeno do planeta © Google Maps

Non é que sexa cousa das propiedades físicas da cortiza terrestre e que España, coma un todo telúrico, se expanda ou encolla segundo faga frío ou calor. Non. Esta particularidade provén dun acordo entre nacións. Un illote fluvial do río Bidasoa. Praquí do Bidasoa, España. Pralá, Francia. Entre Irún e Hendaia. Chámase a illa dos Faisáns

Non é que sexa cousa das propiedades físicas da cortiza terrestre e que España, coma un todo telúrico, se expanda ou encolla segundo faga frío ou calor. Non. Esta particularidade provén dun acordo entre nacións. Dunha estupidez, senón supina, cando menos notábel. Pero, claro, ben antiga, e por tanto venerábel. Non é?

6.822 m² non son moito, facendo conta da extensión dun país, mesmo pra o Vaticano é unha extensión ridícula. Pensade nun campo de fútbol mediano, que aquí todo se mide en campos de fútbol. Ten unha extensión de 5.000 m², é dicir, media hectárea. Así que de pouco máis do que ocupa un campo de fútbol é do que estamos a falar. E, como dicía, diso vai isto, dun acordo bastante absurdo e, pra máis ou precisamente por iso, único no mundo.

Sen máis rodeos: trátase dunha illa. Un illote, en realidade, pouco máis ca un penedo.

Un illote fluvial do río Bidasoa. Praquí do Bidasoa, España. Pralá, Francia. Entre Irún e Hendaia. Chámase a illa dos Faisáns. Alí endexamais houbo faisán ningún. Parrulos pode, pero os faisáns nin a cheiraron. Isto da nomenclatura é outra particularidade, pero non a principal. Despois explícoo.

 A illa dos Faisáns é a única posesión alterna do mundo. É a única illa en condominio alterno entre nacións. Tamén o condominio máis pequeno do planeta. Muda de española a francesa, ou viceversa, cada seis meses.

O asunto capital, claro, é que a illa dos Faisáns é a única posesión alterna do mundo. É a única illa en condominio alterno entre nacións. Tamén o condominio máis pequeno do planeta. Muda de española a francesa, ou viceversa, cada seis meses. Dende 1856. Se xa o acordo do goberno de Andorra é particularísimo, isto xa é revirar a rosca. Non sería de estrañar que o principado pirenaico –principado sen príncipe, e con mandato dual– tivera sido a principal fonte de inspiración desta “solución”. Estou por apostar, poñendo moitos cartos derriba da mesa, a que de aí abrollou a xenial idea.

E coidado, que como é un illote aluvial, que co tempo se pode ir esfarelando ou gañando masa coas enxurradas do río, o que fixeron as autoridades foi reforzarlle as beiras, pra que os 6.822 m² non se movan nin cinasco, e o circo da boubaría poida seguir cada seis meses. 

Déronlle alcumes aínda máis rimbombantes –como illa dos Diplomáticos ou da Conferencia– porque alí se firmou o Tratado dos Pireneos que puña fin, en 1659, á Guerra dos Trinta Anos, plasmando a humillante derrota española

Dicía antes tamén que de faisáns nada. O nome vénlle de “paso”, “pauso” en éuscara, porque había que pagar a peaxe de paso entre reinos e señoríos, segundo a época, e da beira vasca dicíanlle ao illote “dos paussans”, e da banda da vella Gascoña “des faussans”. E logo derivou en “faisances”, pra ficar finalmente en “faisans”. Esta é a realidade. Chámaste Illote dos Pasos, amigo, quita a carauta!

Déronlle alcumes aínda máis rimbombantes –como illa dos Diplomáticos ou da Conferencia– porque alí se firmou o Tratado dos Pireneos que puña fin, en 1659, á Guerra dos Trinta Anos, plasmando a humillante derrota española. Todo porque antes, en 1526, Carlos V liberou dende o illote ao prisioneiro Francisco I, pra que retornase, humillado tamén, a Francia. Unha ferida no orgullo francés, ben vingada. De aí deveu o de darlle importancia a algo tan insignificante.

"Plan de l'Isle de la Conference", gravura de Sébastien Pontault de Beaulieu (ca. 1659-1674). Biblioteca Dixital da Real Academia da Historia Dominio Público

Despois intercambiáronse princesas ou reféns a esgalla, houbo conversas diplomáticas, esas lerias. E chegados ao século XIX, como era un refugallo sen dono plenamente definido e status moi do Antigo Réxime, pouco chic, propuxéronse lexislar bilateralmente por ver como había quedar aquilo, así, coma se importase. A explicación que deron é que o facían principalmente polos pescadores, que se mataban vivos os dunha e doutra beira polo illote. Diredes vós: en serio? Pois disque si, en serio.

A illa cambia de soberanía cada seis meses. E pensaría un, claro, normal, de xaneiro a xuño pra un, de xullo a decembro pra outro. Mallado. Pois non, non. Non vai así. De febreiro a xullo tócalle a España e de agosto a xaneiro a Francia

E na tal conversa bilateral crearon toda esta embrolla que segue a rexer nos nosos días, porque, o que se di o máis sinxelo, decidir se a extensión dun campo de fútbol tirando a grande era español ou francés, iso, non foron quen de dilucidalo. O de que ficase como terra de ninguén, neutral, non se lle debeu pasar tampouco pola idea. Nin, que diría eu, poñer un valo que partise o illote salomonicamente pola metade, á americana. Nin desfacelo e rematar co conto. Nada. Veulles Andorra á cabeza. Seis meses teu, seis meses meu. Ideaza. Pero non cada medio ano, eh?

Porque, si, a illa cambia de soberanía cada seis meses. E pensaría un, claro, normal, de xaneiro a xuño pra un, de xullo a decembro pra outro. Mallado. Pois non, non. Non vai así. De febreiro a xullo tócalle a España e de agosto a xaneiro a Francia. Dese xeito semella que a Francia lle toca dúas veces ao ano e a España só unha. Pensádeo. Casualidade? Deixádeme dubidalo. Pero a cousa é aínda máis arrevesada. Hai un día ao ano que a illa pertence, á mesma vez, aos dous países. Festa rachada da concordia. E os xefes navais de cadansúa banda do Bidasoa levan, na súa quenda, o pomposo título de “vicerreis”. Alguén sabe exactamente sobor de que ou a quen vicerreinan? Aos parrulos, quizabes.

Poñamos que estaban reunidos nun gabinete, despois do xantar, eu que sei, tres lexisladores por cada nación. Ningún dos dous países tivo a afouteza de mandar aos seus diplomáticos insignia. O tema era miúdo de máis. O Manuel, o Paco e o Pepe por aquí. O François, o Jean e o Pierre por alá

Os lexisladores que deliñaron todo isto debían, por forza, estar pasados de algo. Por encadralo na época, ponlle que de absintio, de opio, de viño Mariani, de xarope da tose de Dreser, ou de calquera outra substancia festiva semellante. O caso é que, a ben seguro, éralles un día deses que che da a risa frouxa por todo. De certo que se estaban a escarallar cando imaxinaban a formalidade marcial coa se levarían a cabo todas aquelas parvadas que andaban a poñer por escrito. 

Poñamos que estaban reunidos nun gabinete, despois do xantar, eu que sei, tres lexisladores por cada nación. Ningún dos dous países tivo a afouteza de mandar aos seus diplomáticos insignia. O tema era miúdo de máis. O Manuel, o Paco e o Pepe por aquí. O François, o Jean e o Pierre por alá. Cacháranos a todos peneques na taberna, en horario laboral, e tocoulles a china.

Cando se cansaron de escribir sandeces, garabatos tortos propios da néboa narcótica que os aloumiñaba, comezaron a facer mofa uns dos outros, a conta dos acentos respectivos.

Coa mirada extraviada, Pepe chuza a François coa rexouba de que non é quen de pronunciar o erre dobre, e arremédao a xeito de señorito melindroso, facendo que cata unha copa de viño co dedo maimiño estendido. Manuel encírrao:

–Pon a cara de noxo, Pepe, pon! Sempre poñen cara de noxo, caten o que caten!

Paco ri atoleirado, case esganando nas gargalladas.

François e Jean contraatacan, o un burlando do iota arábigo castelán, facendo como que fica afónico ao pronuncialo, e o outro caricaturizando cos brazos unha danza sevillana e ceibando olés.

Pierre dilles aos españois que vaian durmir unha sesta, que non saben máis que de sestas, os moi nugalláns. E comezan as amigábeis descualificacións: gabacho por un lado, espingouin polo outro. Axiña se tornan en gabacho de merda e espingouin de merde

A cousa vaise das mans. François oféndese de vez e tira do peto unha pequena pistola Derringer, de dous canóns. Namentres ameaza á xeneralidade de españois, con proverbial parsimonia gala, largando non sei que dun duelo ao amencer nun cemiterio, o cerebro de Manuel fai clic, e afúndese na paranoia psicótropa. Fánselle vivas as historias do seu avó, dos estragos dos soldados napoleónicos e das fazañas do Empecinado. Tira de faca e, nun relampo, espétalla na orella a François. A pistola dispárase no proceso, e Pepe, que estaba en fronte, cae ferido de morte. Mala sorte. Paco chimpa coa rabia enriba de Jean, pensando naquelas inesquecíbeis noites de lurpias co seu compadre caído. Jean atangue como pode a Derringer do teso François. Manuel urra coma un boi, desbocado, nun paroxismo alucinóxeno cego de ira, e solta coiteladas a todo o que se move. Pierre acomete contra el, armado cunha figuriña grega de mármore que apaña dun andel.

Tiros, coiteladas, crebaduras de cranio, unha espiral desenfreada de violencia. Unha bañadura de sangue. Todos mortos.

A última hora da tarde, pásase o uxier pola estancia, a recoller o documento redactado.

Rediós! Que desfeita! 

Achégase, preocupado, ao corpo de Manuel, retirándoo dunha couce e recuperando o documento que aprisionaba embaixo. Mira pró papel, contrariado. Está todo luxado de sangue enxoito. Bufa. Vai ter que pasalo a limpo antes de o levar ao consello de ministros. Marcha amolado. Lexisladores do carallo, sempre a mesma barallada...

Algo así tivo que suceder. Non hai outra. Senón, non se explica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.